Sábado 20 Abril 2024

O oso pardo volve hibernar na montaña de Lugo

O novo censo da Fundación Oso Pardo constata a presenza de algúns exemplares que se adentran nas serras de Ancares e O Courel

Paseniño, pero con boa letra. Despois da situación crítica á que se chegou a finais do século XX, cada ano que pasa ofrece unha imaxe máis optimista sobre a situación do oso pardo nas montañas orientais de Galicia. A finais de novembro, a Fundación Oso Pardo (FOP), que desenvolve o programa Life Oso Courel, presentou o censo de 2018, que constata a mellora na situación respecto aos lustros anteriores. Os datos do censo, xunto ao traballo realizado no marco deste plan por técnicos e axentes medioambientais, amosan que a incursión de exemplares en Galicia é cada vez máis habitual. E non só na montaña de Lugo, senón tamén á fronteira entre Ourense e Portugal, onde non se vía desde hai máis dun século.

Nos últimos catro anos, segundo as informacións facilitadas pola Fundación, houbo un total de 132 rexistros da especie nos termos municipais de Folgoso do Courel, Quiroga, Pedrafita do Cebreiro, Samos, Triacastela, As Nogais, Pobra de Brollón e Ribas do Sil, que se suman ás aparicións esporádicas de exemplares máis ao norte, en municipios como Cervantes ou Navia de Suarna. E, segundo confirmou a La Voz de Galicia o presidente da FOP, Guillermo Palomero, houbo dous machos que hibernaron no Courel durante o pasado inverno.

Publicidade

Así se prepara O Courel para a volta do oso pardo

Entre estes rexistros, o censo de 2018 confirma a identificación de alomenos cinco machos na montaña lucense (tres en Ancares e dous no Courel) a través da análise xenética de restos de pelo e excrementos atopados polos técnicos, aos que hai que sumar a detección doutros tres exemplares no Courel mediante o fototrampeo.

Tal e como explican desde a FOP, ao tratarse a zona sur de Lugo dunha área de recolonización recente, están xurdindo problemas puntuais con ataques a apiarios, moitos deles non protexidos. Os datos falan dun total de 88 episodios de danos en colmeas entre 2015 e 2018. Unha das liñas de actuación do proxecto LIFE é o reparto de pastores eléctricos entre os apicultores para evitar estes conflitos, o que está contribuíndo, segundo a propia FOP, a reducir o número de ataques neste 2019.

O oso pardo deixa a súa pegada na neve dos Ancares

A recuperación do oso nas montañas do Courel e Ancares supón o regreso dunha especie que desapareceu do sur de Lugo a finais do século XIX, e da que quedan pegadas en forma de decenas de abellarizas que construían os veciños para protexer as colmeas. Nos Ancares, a especie resistiu en maior medida, ao atoparse preto das zonas do Alto Sil e o occidente de Asturias onde as poboacións estiveron máis fortes durante o século XX. No marco desta recuperación, o proxecto Life Oso Courel, que chega ao seu final no 2020, pretende facilitar a dispersión destes animais nos soutos e devesas desta rexión de montaña a través de diversas accións e actividades de concienciación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

O avistamento dun oso pardo nos Ancares constata a recuperación da especie en Galicia

Un veciño de Vilarelle, en Cervantes, consegue gravar un vídeo dun exemplar paseando pola serra

Os Ancares e O Courel, distinguidos como ‘Mellor destino de montaña 2023’

O selo Observer revalida a certificación aos dous espazos naturais, que xa recibiran o recoñecemento en 2019

Cinco novos parques eólicos ameazan a Ribeira Sacra: especies e patrimono, en perigo

Aves vulnerables como a tartaraña cincenta ou o milano real quedarían desprotexidas na Reserva da Biosfera Serras do Oribio e Courel