O aire africano activa a alerta laranxa: Galicia roldará os 40 graos nestas zonas

O martes e o mércores serán os días máis cálidos, con temperaturas abafantes nos concellos limítrofes co Miño de Ourense e Pontevedra

Bota crema solar, evita a exposición ao sol nas horas centrais do día e hidrátate ben. Eses son tres dos consellos fundamentais para o comezo desta semana abafante. A chegada dunha masa de aire cálido procedente do norte de África está a provocar un significativo aumento dos termómetros e obriga a activar alertas por altas temperaturas na meirande parte de Galicia. De feito, as zonas próximas ao Miño das provincias de Ourense e Pontevedra rodarán —e incluso poderán superar— os 40 graos entre martes e mércores. A partir do xoves manterase a calor, quizais cunha lixeira baixada das temperaturas. Non obstante, o cambio máis significativo serán as treboadas, máis probables no interior e durante a tarde.

A masa de aire norteafricana entra este luns, cando os valores comecen a ascender progresivamente e xa se acadarán os 30 graos en moitos puntos de Galicia. En Ourense, por exemplo, as máximas chegarán aos 37 graos. En Santiago e Vigo quedarán en 31 e en Pontevedra en 34. No resto de cidades galegas estarán por enriba dos 25. As elevadas temperaturas, sobre todo as do sur de Galicia, activan a alerta amarela entre as 15 e as 21 horas no Miño de Pontevedra e de Ourense. Tamén está acendido o aviso por vento na Costa da Morte e no mar entre Ferrol e Ortegal.

Publicidade

Alivio térmico a partir do xoves

Os días máis cálidos da semana serán martes e mércores. O anticiclón situado ao norte da península ibérica favorecerá a chegada de aire africano que aumentará aínda máis as temperaturas. A única zona de Galicia con alivio térmico será a Mariña lucense. No resto do territorio acadaranse facilmente os 35 graos e a alerta no Miño de Pontevedra e Ourense ascende a laranxa porque se poderán superar os 40. O aviso amarelo por calor estará acendido no litoral de Pontevedra, no interior da Coruña, no centro de Lugo, no sur de Ourense, en Valdeorras, no sur de Lugo e no noroeste de Ourense. No que respecta ao mércores non se producirán grandes cambios e o escenario será moi similar ao día anterior.

O anticiclón comezará a debilitarse a partir do xoves debido ao aire frío nas capas medias e altas da atmosfera, que contribuirá a crear un escenario de inestabilidade. Malia que continuará a calor en Galicia, con máximas de ata 30 graos ata o domingo, producirase un notable alivio térmico en relación ás xornadas anteriores. O gran cambio será o aumento da probabilidade de tormentas, que persistirá ata a vindeira semana. O certo é que as temperaturas que se acadarán nesta segunda quincena de xuño son máis habituais de xullo e agosto. En definitiva, un verán anticipado.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía