“A camelia galega ten potencialidades internacionais que hai que aproveitar”. Así de clara é a deputada de Sectores Produtivos Primarios e delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), Eva Vilaverde, ao anunciar a participación de dúas técnicas do centro de investigación provincial no Congreso Internacional da Camelia que se celebrará a finais deste mes na localidade chinesa de Dali. A nacionalista sinalou que esta viaxe é unha excelente oportunidade para mostrar no estranxeiro a calidade da camelia galega e “deixar impronta” nun país como China que é o principal produtor mundial e no que está normalizado o consumo de camelias e os seus derivados para uso alimentario.

Vilaverde sinalou que a Deputación de Pontevedra quere potenciar todo o sector que se move a redor da camelia, non só aproveitando o seu valor ornamental, senón tendo en conta que é un recurso económico que se pode diversificar. Así, subliñou o innegable potencial desta pranta como atractivo turístico, pero tamén apuntou que pode supoñer unha alternativa para o campo galego se con explotacións de produción de té de camelia ou de aceite de sementes de camelia, tanto para un uso culinario como cosmético. “Este é un mercado novo que se pode aproveitar. Hai que poñer a andar iniciativas e o novo goberno da Deputación de Pontevedra está polo labor de botar unha man. A rendibilidade é o que nos ten que mover e en Galicia danse unhas condicións naturais magníficas para o cultivo”, destacou.
Vilaverde lembrou que a día de hoxe na provincia de Pontevedra se producen 1,5 millóns de prantas ao ano, das que un tercio se dedica á exportación e cuxos mercados son principalmente Portugal, Países Baixos, Italia, Alemaña ou Gran Bretaña. A delegada da Estación Fitopatolóxica tamén quixo poñer en valor os traballos de investigación que se están a realizar no centro provincial de Areeiro, que supoñen unha grande axuda para o sector no control de pragas, no desenvolvemento de variedades e en moitos outros aspectos importantes para os produtores.
Unha investigación galega emprega a camelia como insecticida natural
A adxunta á xefatura de servizo de Areeiro, Carmen Salinero, explicou que a EFA leva investigando sobre a produción de aceite uns 10 anos e que nestes momentos es está traballando na procura de certificados de calidade Aenor. “Somos os únicos de Europa que facemos o aceite mediante un proceso totalmente natural, e sempre que Areeiro desenvolve algún sistema despois se pasa á industria. Polo de agora queremos ser cautos e non derivalo ata que haxa unha garantía de calidade”, salientou.
A participación da Deputación Provincial no congreso internacional chinés servirá para poñer a Pontevedra no mapa do mundo das camelias. Segundo explicou Carmen Salinero, que será unha das técnicas que exporá as ponencias, moita xente “fóra das nosas fronteiras non pensa en Galicia como produtora de camelia e temos que darnos a coñecer coas nosas investigacións”.

No congreso presentaranse catro ponencias, dúas delas eminentemente científicas. A primeira trata da eficacia dos residuos das sementes de camelia como insecticida natural para evitar pragas. Grazas a este traballo de investigación, de feito, hai xa empresas de produtos fitosanitarios que están en contacto con Areeiro para desenvolver actuacións. A segunda ponencia versa sobre as camelias do Pazo de Lourizán, onde están identificadas 277 prantas, algunhas delas de máis de 150 anos (que poden ser visitadas polo público xeral xa que é un xardín aberto). No traballo inclúense as características morfolóxicas, pero tamén os estudos xenéticos de cada tipoloxía.
A bióloga Pilar Vera, a outra bióloga da EFA que acudirá a China, explicou que ademais das sesións técnicas, a viaxe a China tamén servirá para participar nas sesións do Grupo de conservación de camelias históricas, que está a elaborar unha base de datos centralizada en España coas características de prantas consideradas “monumentos vexetais“. Así mesmo, apuntou que realizará unha reunión dos directores das sociedades das camelias de todo o mundo no que se presentarán e valorarán as candidaturas para optar a ‘xardín de excelencia’ que se outorgarán en vindeiras edicións. Segundo sinalou Carmen Salinero, nestes momentos a provincia de Pontevedra conta con dous xardíns de excelencia da camelia e optará no vindeiro congreso internacional (Francia 2018) a acadar outras dúas declaracións para o Pazo de Quinteiro da Cruz e o Xardín de Saleta. “Sería a única rexión con catro xardíns de excelencia no mundo, o que suporía un gran reclamo turístico”, finalizou.
Un aceite moi saudable
O aceite de semente de té é o principal aceite de cociña nalgunhas das provincias do sur de China, como Hunan, aproximadamente unha sétima parte da poboación do país. As sementes de aceite de té de Xapón derívase de Camellia japonica, principalmente das Illas Got da Prefectura de Nagasaki e das Illas de Izu da prefectura de Tokio.
O aceite de camelia semella aceite de oliva e aceite de semente de uva polas súas excelentes calidades de almacenamento e o baixo contido de graxas saturadas. O ácido oleico monoinsaturado pode proporcionar ata un 88 por cento dos ácidos graxos. É alto en vitamina E e outros antioxidantes e non contén graxas naturais trans.
Utilízase en aderezos para ensaladas, salsas, adobos, para saltear, fritir e na produción de margarina.