Venres 29 Marzo 2024

Alumnos de Ciencias do Mar convocan en Vigo o programa divulgativo ‘Live Science!’

A Delegación de Alumnado de Ciencias do Mar repite a experiencia do pasado curso co programa Live Science!, unha iniciativa de divulgación científica na que trataron de achegar o potencial da investigación mariña universitaria a todos os seus compañeiros e compañeiras. Tras a edición piloto en 2015, os membros da delegación apostaron por darlle continuidade e mañá arranca a segunda edición, que segundo explican os estudantes “é o noso humilde proxecto de divulgación científica onde a través de actividades como tours por institucións e laboratorios, charlas e excursións aprendemos aspectos da nosa carreira de forma amena ademais de descubrirnos todo o potencial da ciencia da nosa contorna”.

Para sacar adiante esta actividade contan coa colaboración tanto de grupos de investigación da Universidade como doutras institucións científicas, o que permitirá aos participantes coñecer proxectos non só do eido mariño senón doutros ámbitos como a herpetoloxía, a ornitoloxía ou a fotografía.

Publicidade

Os alumnos participarán nunha xornada co Grupo de Anelamento Anduriña

O programa arranca este mércores 17 de febreiro coa proxección na Facultade de Ciencias do Mar (aula18) ás 13.00 horas do documental Marcados para sobrevivir, o segundo da serie O mar do fin do mundo, dirixida por José Irrisarri. Nesta peza preséntanse os últimos avances relativos á distribución e hábitos migratorios de especies das costas galegas, como o pinto, a maragota e diferentes tipos de escualos. A seguinte cita será o sábado 27 en Punta Balea, Cangas, cun obradoiro de observación de aves mariñas en colaboración co Grupo de Anelamento Anduriña. Nesta zona rochosa próxima ao centro do municipio poden observarse especies como a garza real, a garzota, lavancos ou limícolas xa que alberga numerosos nichos ecolóxicos e unha ampla variedade de aves mariñas afeitas á presenza de seres humanos na súa contorna.

O 10 de marzo o ciclo Live Science! continuará cun relatorio de Gonzalo Mucientes, do Research Center in Biodiversity and Genetic Resources (Portugal), que afondará no estudo dos tiburóns peláxicos, concretamente de dúas das especies máis frecuentes nas costas: o tiburón azul (prionace glauca) e o marraxo azul (isurus oxyrinchus), ambas obxectivo da pesca de palangre. Ao día seguinte, 11 de marzo, realizarase unha saída de campo ao monte de Groba e da man da Asociación Galega de Herpetoloxía e da Sapoconcho Sociedade Conservacionista os participantes tratarán de buscar especies deste grupo, un dos menos apreciados da fauna dos bosques galegos, como destacan os organizadores.

Haberá un seminario sobre mamíferos mariños co grupo Cemma

As actividades volverán á Facultade de Ciencias do Mar o 31 de marzo, cun seminario sobre a asistencia de tartarugas e mamíferos mariños varados en Galicia, da man de voluntarios de Cemma. O luns 4 de abril será a momento de presentar o blog de fotografía SubAqua Galicia, creado por dous ex estudantes do centro, Adrián Pereira e Gabriela Lama, que ten como obxectivo dar a coñecer os organismos acuáticos que habitan os ríos e costas galegas. O ciclo concluirá o 19 de abril cunha visita ao Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, guiado polo investigador Ángel F. González, para coñecer o seu potencial investigador e o traballo diario deste centro adscrito ao CSIC, que conta con departamentos de oceanografía, recursos e ecoloxía mariña, biotecnoloxía e acuicultura e tecnoloxía dos alimentos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

O Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión insta ao impulso da terapia en Galicia

O evento acolle en Vigo a máis de 40 expertos os días 22 e 23 de febreiro

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas