Cen universidades de 20 países irán a Compostela a Spin2016

Spin2016 reunirá este outono en Compostela o talento innovador e emprendedor de América Latina, España e Portugal nun evento que en só dúas edicións –as anteriores foron en Cidade de México (Spin2014) e Madrid (Spin2012)– se consolidou xa como a plataforma para impulsar empresas de alto impacto baseadas no coñecemento e a I+D.

Baixo o lema ‘Creando Cultura Emprendedora’, Spin2016 ofrecerá apoio aos universitarios con iniciativa emprendedora para desenvolver con éxito os seus proxectos de empresa. Deseñouse así un programa que inclúe charlas, conferencias, marketplace, talleres e seminarios, coa participación de empresarios de referencia internacional e especialistas do mundo dos negocios, a academia, a ciencia, a gastronomía que compartirán as súas experiencias e coñecementos cos máis de 2.000 asistentes. Facilitarase, en especial, a xeración de contactos, o networking e o partnering entre os participantes, e levarase tamén o emprendemento ás rúas de Santiago de Compostela. A asistencia ao evento será gratuíta previo rexistro.

Publicidade

spin2016 4

A iniciativa que impulsa RedEmprendia, a principal rede universitaria en innovación e emprendemento da rexión iberoamericana, conta ademais esta edición co apoio da Xunta de Galicia, as tres universidades galegas e a do Porto (Portugal), a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Banco Santander a través de Santander Universidades.

A presentación oficial de Spin2016 tivo lugar este martes nunha rolda de prensa celebrada na Cidade da Cultura de Galicia, que será a sede do evento os días 29 e 30 de setembro e o 1 de outubro. O acto contou coa presenza dos conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía, Emprego e Industria, Román Rodríguez e Francisco Conde; os reitores da USC, UVigo e UDC, Juan Viaño, Salustiano Mato e Julio Abalde; o director de Santander Universidades España, Pedro Alonso Gil; e o presidente de RedEmprendia, Senén Barro.

Publicidade

Na presentación, Juan Viaño lembrou que a responsabilidade da universidade co emprendemento supón a consecución dunha das súas funcións como é a transferencia do coñecemento. “Temos a obriga de construír o ecosistema imprescindible para que a comunidade universitaria encontre todas as oportunidades e apoios necesarios para que un concepto científico se transforme nun produto que mellore a calidade de vida de calquera sociedade”, dixo, “e SPIN é o mellor acelerador deste ecosistema”.

En Spin2014 un total de 12 empresas conseguiron despegar no mercado internacional

Para os emprendedores que aínda non deron o salto ao mercado, RedEmprendia lanzará no marco de Spin2016 unha nova edición de ‘Model2Market’, un programa para fortalecer modelos de negocio nados na Universidade que destaquen polo seu elevado grao de innovación e potencial de impacto social e económico. ‘Model2Market’ impulsou empresas punteiras como a startup portuguesa AddVolt , que desenvolve sistemas de xeración, recolección e almacenamento de enerxía para optimizar o consumo eléctrico nos camións refrixerados.

Por outra parte, os principais inversores, fondos de capital risco e business angels de América Latina, España e Portugal acudirán a Spin2016 para participar en ‘ SmartMoney4Stars’, un foro de investimento e oportunidades para acelerar spin-offs e startups universitarias baseadas no coñecemento e a tecnoloxía. En Spin2014 foron seleccionadas 12 empresas neste foro e moitas están despegando no mercado internacional; é o caso de Medtep, startup catalá que desenvolve solucións tecnolóxicas para o sector sanitario. Os seus promotores conseguiron o socio inversor para entrar en México y expandirse despois a EEUU e Chile.

As industrias culturais e creativas terán un protagonismo especial nla programación de Spin2016, como reflexo do compromiso dos organizadores coa terceira misión da Universidade e a súa contribución ao desenvolvemento económico de pobos e países. A chamada ‘Economía Laranxa’ supón unha fonte de emprego e crecemento importante na rexión iberoamericana -só en España representa o 3,8% del PIB- e o seu desenvolvemento nos últimos anos está especialmente ligado á innovación dixital e as TIC. Por iso, participarán personalidades relevantes do mundo da cultura, o deseño ou o audiovisual, e haberá obradoiros para espertar a creatividade emprendedora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

Unha carta do presidente de Apatrigal reclama unha alternativa ás tubaxes das gárgolas do Obradoiro

Carlos Fernández Coto defende solucións técnicas máis integradas, ao considerar que “non pode xustificarse como única nin como inevitable”

A camelia consolídase como emblema galego nunha nova mostra en Santiago

O evento levarase a cabo entre o 2 e 4 de abril con acceso libre, ofrecendo máis de 200 variedades da flor e instalacións audiovisuais

Cando a luz é máis que arte: iluminar para conservar o patrimonio de Santiago

Un estudo da USC confirma a eficacia dun novo sistema de iluminación ornamental, en cores ámbar e verde, para a conservación da arquitectura en pedra