A investigación de Jack Fernando Bravo Torres para mellorar as comunicacións en redes vehiculares, aquelas formadas por automóbiles que se desprazan polas rúas e estradas, xa lle valera un premio internacional nos EEUU. Agora este traballo converteuse na súa tese de doutoramento, desenvolvida no Departamento de Enxeñaría Telemática baixo a dirección dos profesores Martín López e Yolanda Blanco. O investigador, que é docente da Universidade Politécnica Salesiana do Ecuador, destaca que este tipo de alternativas na comunicación entre vehículos nas estradas non emprega redes de telefonía nin satelitais, polo que reduciría substancialmente o custe de compartir a información.

Bravo explica que as redes vehiculares –redes de comunicacións baseados na comunicación directa entre vehículos– preséntanse como servizos de comunicacións a un custo moito máis barato, pero a alta mobilidade e variabilidade do tráfico vehicular ten obstaculizado o desenvolvemento de novos servizos de comunicación máis aló do envío de mensaxes de seguridade entre os usuarios da rede. Pero o sistema que propón o investigador da Universidade de Vigo aposta por “empregar novos mecanismos para tornar nun ambiente máis predictible ás redes vehiculares”. Estes novos mecanismos baséanse no desenvolvemento dos sistemas automáticos de transporte público e privado, os avances nos sistemas de información do tráfico en tempo real, así como as novas políticas de compartición de información e transporte entre usuarios con destinos similares. “Con esta información o noso sistema planifica de antemán o despregue de servizos de comunicacións baseado no uso de nodos abstractos que se desprazan por rutas predeterminadas en función das condicións do tráfico vehicular esperado e a mobilidade dos usuarios da rede”, puntualiza. Así, a información sobre os servizos dispoñibles é cargada nos dispositivos de usuarios, que ofrecerán estes servizos a cada un dos usuarios en función da súa localización e horario.
A investigación de Jack Fernando Bravo xa foi premiada nun congreso en Las Vegas
O traballo de Bravo achega solucións para comunicacións máis complexas, e parte dun concepto que nace no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, MIT. A principal vantaxe deste sistema con respecto ás redes celulares e satelitais é precisamente evitar o uso destas redes para ofrecer servizos de comunicacións con moito menor custe. A conexión realízase directamente entre vehículos, “isto é, non se precisa unha infraestrutura fixa, como no caso dos sistemas celulares, senón que a rede axústase dinamicamente e é conformada polos vehículos dispoñibles nesta”. Con todo, o investigador explica que, se ben isto é una vantaxe para o rápido despregue, é tamén un dos maiores problemas para o despregue de servizos baseados neste tipo de redes “debido á variabilidade na topoloxía”.
O traballo de Jack Fernando Bravo foi premiado xa nas súas fases iniciais na International Conference on Consumer Electronics 2012, o congreso de electrónica de consumo máis importante do mundo, celebrado en Las Vegas.
Docente universitario no seu país de orixe, o Ecuador, Jack Fernando Bravo elixiu a Universidade de Vigo para realizar a súa tese de doutoramento. Xustifica a súa escolla na “calidade e prestixio” da institución viguesa, “que me impulsou a iniciar os meus estudos de doutoramento no Departamento de Enxeñaría Telemática”.