A gripe aviaria chega a Galicia: debemos preocuparnos?

A Xunta notifica dous positivos en aves silvestres e afirma que, de momento, non é preciso confinar os animais de corral

A confirmación de dous casos de gripe aviaria en Galicia esperta dúbidas e unha manchea de preguntas. A Consellería de Medio Rural comunicou onte a detección de dous positivos de influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) en aves silvestres, despois dun informe emitido polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Segundo trasladaron dende a Xunta, os afectados son dous exemplares de mascato (Morus bassanus). O primeiro deles foi recollido no porto de Cangas, a onde chegou a bordo dun barco pesqueiro. O segundo foi localizado nunha praia de Valdoviño. As mostras dos dous animais foron analizadas no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo e no de Santa Cruz de Oleiros.

Que á a gripe aviaria?

A gripe aviaria é unha enfermidade que afecta as aves, producida por un virus ARN que pertence á familia dos Orthomyxoviridae. Segundo explican dende o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a meirande parte destes virus non provocan ningún tipo de enfermidade e, de ser así, os síntomas adoitan ser leves. É por iso que se coñecen como “virus de baixa patoxenicidade”. Porén, este non é o caso de Galicia, onde se detectadon dous casos positivos con “virus de alta patoxenicidade”. É dicir, son capaces de producir enfermidade e están asociados a altas taxas de mortalidade.

Publicidade

Pódense infectar as aves de corral?

Si, todas as especies de aves son susceptibles de padecer a enfermidade, tanto as silvestres como as de corral. Segundo o MAPA, as aves domésticas que máis predisposición presentan á hora de mostrar síntomas clínicos son as galiñas e os pavos. Con todo, en Galicia non se notificaron casos en aves de corral, polo menos de momento. Os positivos saltaron en dúas aves silvestres, os mascatos. Tal e como explica a Xunta no seu comunicado, son unha especie que apenas se aproxima á costa, salvo para aniñar. Xusto por isto, a detección do virus de IAAP en aves silvestres non afecta o status sanitario oficial das explotacións avícolas galegas, nin implica ningún tipo de restrición de movementos para as aves e os seus produtos.

Malia que os riscos son baixos para as aves de corral en Galicia, a Consellería de Medio Rural insta a reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, sobre todo aquelas destinadas a evitar contacto con aves silvestres. De feito, en xaneiro deste ano detectáronse focos de gripe aviaria en varios países da Unión Europea, o que derivou nun aumento da situación de alerta en España. Por parte da Xunta, Medio Rural prohibira a cría de aire libre de aves de corral en 34 localidades do territorio para conter a transmisión intraespecífica das novas cepas en circulación.

Publicidade

Como se transmite a influenza aviaria?

Despois da notificación dos casos positivos, e de que a especie afectada non adoite aproximarse á costa, cabe preguntarse cales son as posibilidades de que o virus de transmita ás aves de corral. Segundo explican dende o MAPA, a enfermidade pódese contaxiar a través do contacto directo entre os exemplares sans e os enfermos, posto que estes últimos excretan o virus polas secrecións nasais, boca, ollos e feces. De todas formas, a influencia aviaria tamén pode propagarse por contacto con materiais, equipos, vehículos ou alimentos e auga contaminados.

A este respecto, o Ministerio explica que as aves silvestres desenvolven un papel fundamental á hora de dispersar a infección, especialmente a través das súas rutas migratorias. Por iso, insisten —de igual modo que o recalca a Xunta—, en que as explotacións avícolas adopten rigurosas medidas de bioseguridade para impedir que os animais de corral entre en contacto cos silvestres.

Cal é a súa sintomatoloxía?

O período de incubación da enfermidade é de 3 a 5 días. Os seus síntomas varían en función da cepa (se ten alta ou baixa patoxenicidade) e da sensibilidade da especie afectada. De todas formas, a doenza adoita cursar con depresión, inapetencia, descenso da posta, edema facial, con cristas tumefactas, hemorraxias en membranas internas, pancreatite e morte.

Pode transmitirse ás persoas?

Si, pero o risco é baixo. Segundo indica Medio Rural: “Non hai constancia de que o subtipo de virus que durante o último ano está afectando a Europa teña capacidade zoonósica significativa”. É dicir, a capacidade de transmitirse ás persoas é “moi reducida”. Dende o MAPA puntualizan que o nivel de risco pode aumentar en persoas que teñen unha exposición frecuente ás aves. Por exemplo, persoal que presta os seus servizos nas granxas, matadeiros e servizos veterinarios relacionados coa produción agrícola. En calquera caso, o virus non pode transmitirse ao home a través de carne cociñada, ovos ou produtos procesados derivados deles. Malia todo isto, a Xunta insta a minimizar o contacto innecesario coas aves que mostren signos da enfermidade ou se atopen mortas no campo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous bens da Coruña elevan a 91 os elementos galegos incluídos na Lista Vermella do Patrimonio

A antiga igrexa barroca de Vimianzo e a Casa Grande do Ribeiro colocan a Galicia no sexto posto nacional por número de inmobles incluídos

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie