Xoves 25 Abril 2024

Como seguir innovando no sector agroalimentario e forestal?

Redución de antibióticos na gandería, unha alimentación máis sostible e proteínas de alta calidade, a debate nun evento organizado por Feuga

A sede da Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) en Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 8 de setembro o evento Vai de Agro. Co-innovando no sector agroalimentario e forestal, ao abeiro das actividades de divulgación de catro proxectos de innovación: Avienergy, Micoalga-Canle de Contidos, Proteinleg e Tirac. Ademais de dar visibilidade ao traballo destes equipos, o obxectivo da xornada é presentar diferentes redes temáticas do sector, outros proxectos de innovación e proxectos piloto, que permitan non só dar a coñecer as iniciativas, senón tamén promover novas ideas e actividades no sector agroalimentario e forestal.

Os temas centrais que se tratarán no bloque dedicado a espazos de co-innovación serán a redución de antibióticos en gandería; unha alimentación máis sostible a través de proxectos que buscan, por exemplo, novas proteínas de alta calidade ou novos produtos de alto valor nutricional a partir de insectos; a revalorización de subprodutos e residuos en agricultura e gandería mediante o aproveitamento enerxético das dexeccións ou creando novos insumos agrícolas para a mellora de cultivos en ecolóxico e innovación para a conservación da biodiversidade.

Publicidade

Os participantes

Vai de Agro contará coa presenza, a través dunha videoconferencia, de Inge Van Oost, Policy Officer e directora xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, que expoñerá aos asistentes as claves da estratexia europea de innovación en agricultura. Isabel Bombal Díaz, directora xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, será a encargada de abordar a temática referida ao presente e futuro do medio rural, poñendo o acento na importancia da innovación e a xeración de coñecemento. Por último, a xornada contará coa presenza de José Luis Cabarcos Corral, director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria dependente da Xunta de Galicia, que centrará a súa intervención nos instrumentos e iniciativas públicas para impulsar o medio rural en Galicia.

A xornada completarase con comida networking, área expositiva e encontros entre asistentes. Así mesmo, Vai de Agro incluirá no seu programa visitas demostrativas a proxectos de innovación, en concreto ás instalacións de Hifas da Terra para observar os avances técnicos ao redor dos proxectos Micoalga-Canle de contidos e Greencastanea e á Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), onde se desenvolven parte das actividades científicas de Proteinleg e Algaterra. Esta xornada conta co financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e a participación e colaboración da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea (DG AGRI), a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cunchas de moluscos, as grandes aliadas do sector da bioconstrución

A empresa Extraco promove o emprego de materiais de orixe biolóxica para a fabricación de morteiros ou formigóns

Un científico galego descobre os poderes do veleno de avespa contra as superbacterias 

César de la Fuente: “O logro abre novas portas para deseñar novos antibióticos inspirándonos nos velenos do mundo natural"

Unhas xornadas afondan en como creatividade e innovación xeran un futuro máis sostible

Celebraranse este mércores 24 na Casa das Campás, en Pontevedra, ao abeiro do programa "Ciencia de ida e volta" impulsado pola UVigo

Santiago acolle o evento final dun proxecto europeo de viticultura de precisión

A cita busca crear unha ampla rede de contactos para os profesionais do sector vitícola