Galicia a contracorrente: frío no xuño máis cálido da historia en Europa

A vaga de calor que asolou Europa e as altas temperaturas en latitudes polares contrastan cos baixos valores sinalados por MeteoGalicia

As temperaturas de xuño foron
As temperaturas de xuño foron "extremadamente frías" en Galicia mentres que no resto de Europa os valores foron anormalmente altos. Fonte. MeteoGalicia/Copernicus.

Xa se comentaba a pasada semana: mentres toda Europa occidental, desde Andalucía ata Alemaña, vivía en alerta polas temperaturas superiores aos 40ºC, unha das maiores vagas de calor que se recordan no continente pasou inadvertida neste recuncho. E os primeros datos que se fan públicos como balance de xuño, tanto nun como noutro sentido, apuntan a que Galicia, e tamén boa parte de Portugal, foi a contracorrente: mentres case toda Europa abafaba, aquí seguimos sen quitar o saio.

O pasado martes, o servizo climático Copernicus informou de que as temperaturas medias de xuño en Europa “estiveron máis de 2°C por riba do normal na actual serie de referencia, e converteuse no xuño máis cálido nunca rexistrado” segundo estes datos. Non en tanto, estendendo o rango temporal ata a media dos anos 1850-1900, a temperatura do xuño de 2019 en Europa estivo 3ºC por riba.

A información, que recolle e procesa un dos centros de referencia na predición meteorolóxica da Unión Europea, expuxo que os rexistros estiveron 0,1º C por riba do récord anterior, acadado en xuño de 2016. A razón está, sobre todo, na última semana do mes, coincidindo coa vaga de calor, momento nos que os termómetros chegaron a estar entre 6 e 10ºC por riba do habitual na maioría de Francia, Alemaña, noreste de España, norte de Italia, Suíza, Austria ou a república Checa.

Xuño “moi frío” con mínimas “extremadamente frías” en Galicia

A outra cara da moeda foi, sen dúbida, Galicia. O informe publicado este xoves por MeteoGalicia fala dun mes “moi frío“, cunha anomalía de temperatura de -1.86 ºC, “o que fai que o mes poida considerarse no conxunto de Galicia como moi frío co precedente máis próximo no ano 1997”, segundo a axencia autonómica.

A situación foi aínda máis excepcional no caso das temperaturas mínimas: atendendo aos períodos de referencia, as mínimas acadaron a categoría de “extremadamente frías”, con 1,46ºC por debaixo do normal, mentres que as máximas caeron ata 2,26ºC por debaixo do habitual.

A que se debeu?

Desde o departamento de Observación e Climatoloxía de MeteoGalicia, Ángeles Lago explica que durante case todo o mes de xuño “unha serie de borrascas situadas ao oeste de Galicia, sobre o Atlántico, impediron en todo momento o achegamento de aire quente desde África”. Foi o caso da borrasca Miguel, que chegou a deixar folerpas de neve en pleno xuño nas zonas máis altas de Lugo e Ourense, e as baixas presións que tamén impediron o paso do aire africano cara a finais do mes.

Así, aínda que estas baixas presións non estiveron o suficientemente preto para deixar precipitacións, as nubes e néboas foron habituais. Deste xeito, as máximas foron máis baixas. “Que haxa 30º C en Ourense é normal en xuño, e este ano foi moi raro”, explica Lago.

Récords nas mínimas

Así, mesmo se chegaron a acadar rexistros históricos negativos en canto as mínimas. Foi o caso de Santiago, onde a mínima media foi de 11º C, por debaixo do menor valor da serie histórica, 11,2º C (1992), e igualáronse os 15,5º C da media, marcados tamén no ano 1992.

Outro detalle curioso de xuño en Galicia foi o das temperaturas máximas, que en todas as estacións de referencia se acadaron o primeiro día do mes.

En canto precipitacións, MeteoGalicia considera o mes como húmido. En parte, as chuvias concentráronse o día 6, coa borrasca Miguel. E no conxunto do mes, as precipitacións superaron o 200% dos niveis medios no suroeste da provincia da Coruña, Serra do Xistral, Terra Chá e o Xurés, mentres que pola contra houbo só un 50% do normal no interior de Lugo e a comarca de Vigo.


Máis información:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.