Por que Galicia se vai librar da vaga de calor que asola Europa?

Gran parte de continente afronta días de temperaturas de 40ºC, con posibles récords históricos, pero o noroeste peninsular apenas chegará aos 25ºC

Vai ser unha vaga de calor “potencialmente perigosa” en países como España, Francia,  Bélxica, Alemaña, Países Baixos ou Inglaterra. Hai quen menciona a semellanza coa catastrófica vaga de agosto de 2003 en Francia, cando faleceron milleiros de persoas como consecuencia directa ou indirecta das altas temperaturas rexistradas. Alén da intensidade, preocupa a duración destas condicións, xa que se manterá alomenos ata o 1 de xullo desde mediados desta semana, segundo informou a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) nun boletín especial emitido este luns. Pero Galicia apenas o vai notar, agás na zona máis oriental de Lugo e Ourense.

Tal e como explica a Aemet, a partir deste mércores comezará a ascender desde o norte de África unha masa de aire tropical continental, moi cálida, seca e con po en suspensión. Ao coincidir coa forte insolación e a curta duración da noite, a situación dará lugar a valores moi altos no leste da península e Baleares. Chegarase aos 35º C en moitas zonas do interior, e mesmo por riba 40º.

Publicidade

Sen vaga de calor

Pero en Galicia apenas se notará. “A masa de aire quente vai pola parte leste e hai que ter tamén en conta que hai unha bolsa de aire frío que continúa enriba de nós”, explica Alberto Romero, de MeteoGalicia. Así, mentres as predicións chegan a amosar valores de 30º C no aire a 1.500 metros de altura, ao noroeste de Galicia, no Atlántico, permanece unha masa de aire procedente da corrente en chorro, moi ondulada e en latitudes bastante meridionais para a época do ano, que arrefría o ambiente. O único reseñable podería ser, segundo Romero, unha leve sensación de bochorno e algunha treboada puntual.

Así, mentres o mércores 26 podería chegarse a pasar dos 40ºC en Aragón,, Navarra, Castilla-La Mancha ou Madrid, na Coruña e en Vigo non se superarán os 25º, e as mínimas caerán ata os 15ºC pola noite. Con todo, nas zonas do leste, sobre todo na provincia de Ourense, si que se superarán os 30ºC, pero aínda así estarán lonxe das previsións da Meseta.

Publicidade

Ante esta situación, os servizos de meteoroloxía están preparando e concienciando á poboación, sobre todo os grupos máis vulnerables, para evitar graves consecuencias. En Francia, onde a vaga de 2003 causou un forte impacto social, os medios de comunicación e insititucións estanse mobilizando para evitar que se repita o acontecido hai 16 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra o segundo mes de xuño máis cálido dende que hai rexistros

O último informe de Meteogalicia conclúe que foi un período seco e marcado por dous importantes episodios de calor

O aire atlántico suaviza as temperaturas no litoral pero o interior activa a alerta por calor

Parte das provincias de Lugo e Ourense rexistrarán temperaturas por enriba dos 36 graos ao longo da semana

Catro claves para crear bosques urbanos e combater a crise climática dende as cidades

Unha urbe sen árbores posúe unha menor infiltración de auga, temperaturas máis altas e unha poboación con máis enfermidades

Domo de calor, máximas de 40 graos e ventos do sur: as claves do tempo en Galicia na fin de semana

MeteoGalicia indica que o sur da comunidade será o máis afectado, en especial a zona de Ourense