A aprendizaxe teórica deixa ás veces pouco lugar para a comprobación práctica de moitos principios científicos. Que consecuencias teñen, por exemplo, as diversas propiedades dos elementos da táboa periódica? E a lei da gravidade, ou determinadas fórmulas matemáticas, como o teorema de Pitágoras? O portal Science Alert compilou algunhas curiosidades coas que podemos aprender física, química ou matemáticas e, ao tempo, ficar abraiados.
-
A auga pode ferver e conxelarse ao mesmo tempo
Hai unhas condicións precisas nas que a auga, e moitas outras substancias, pode coexistir no estado gasoso, líquido e sólido. É o chamado punto triplo, cando o equilibrio termodinámico da substancia provoca que mínimos cambios na presión e temperatura induzan os cambios de estado. No caso da auga, este triplo estado ubícase nos 273,1598 Kelvin (0,0098 ºC) e unha presión de 611,73 Pa.
Este vídeo amosa o triplo estado do ciclohexano, un hidrocarburo.
-
Un láser pode ficar atrapado nun regueiro de auga.
A luz vai pola súa conta, ou pode adaptarse segundo os fluídos polos que circule? Poucas veces o podemos ver tan claro como neste vídeo, que expón un gran exemplo da reflexión interna total. Un fenómeno que permite múltiples aplicacións nas telecomunicacións e outras ciencias, como a cirurxía.
-
Como é un ovo baixo a auga?
A partir dunha determinada profundidade baixo a auga, debido ao aumento da presión, sorprenderíanos ver o que pasa se rachamos a casca dun ovo. A clara fica pegada a xema, e non se espalla como se estiveramos na superficie. Toda unha fonte de curiosidades.
-
O teorema de Pitágoras en fluídos
Aprendémolo todos na escola. O cadrado da hipotenusa dun triángulo rectángulo é igual á suma dos cadrados dos catetos. Por tanto, se temos tres recipientes cadrados correspondentes a cada un dos lados dun triángulo, o teorema debería cumprirse. E así é:
-
Por que os gatos caen de pé?
Non é cousa de ter sete vidas (que tamén) senón de Física. Un movemento que nos pode pasar inadvertido, pero que ten unha relevancia clave a nivel físico, e que fai posible algo que non nos deixa de sorprender. Caian como caian, os gatos son quen de caer de pé. Outra das grandes curiosidades desta especie.xe
O sistema de percepción dos felinos avisa rápidamente de que algo está pasando, e entón reaccionan. A partir do eixo central da columna, as patas dianteiras e traseiras actúan de xeito independente. Grazas á flexibilidade da súa columna vertebral, poden estirar cara arriba as patas traseiras para aumentar o seu momento de inercia e encollen as dianteiras para xirar máis rápido. Unha vez que as patas dianteiras xiran, chega o momento de facelo coas traseiras. Encólleas e, entón consegue que o seu corpo estea xirado 180º para caer de pé. Finalmente, a súa flexibilidade permite que o contacto coa superficie sexa moito máis livián. Neste vídeo explícano moi ben.
-
É peor o estourido dunha granada baixo a auga?
Si, non polos danos exteriores, senón polo que pasaría no interior do corpo. É dicir, a metralla reduce a súa perigosidade en gran medida baixo a auga, xa que lle é moito máis difícil avanzar. Pero a onda expansiva que produce o estourido pode ser letal. No aire disípase rapidamente, pero na auga, se topa con algún obxecto ou cavidade cunha densidade menor, esta onda comprímea fortemente. E iso serían os nosos pulmóns, os intestinos ou o pavillón auditivo. Así que o consello é tirarse á auga se a granada está fóra, si, pero se está dentro, mellor tirarse ao chan e confiar en que non nos faga dano a metralla.
-
Xirar unha pelota e facela voar
É unha das curiosidades que adoitamos ver no baloncesto, o fútbol, o balonmán, o tenis e moitos outros deportes de pelota. Se lle aplicamos unha rotación a un obxecto, vemos como, en vez de desprazarse en liña recta, o obxecto (neste caso a pelota) traza unha curva no aire. Un fenómeno que ten nome: efecto Magnus, na honra dun físico alemán que o describiu no século XIX.
O efecto xa é sorprendente cando o vemos con movementos horizontais. Pero, e se o vemos impulsado pola forza da gravidade, lanzando unha pelota de baloncesto desde máis de 120 metros de altura? Isto é o que pasa: