Venres 19 Abril 2024

A costa de Dexo-Serantes: onde converxen terra e mar

A súa riqueza biolóxica, paisaxística e xeomorfolóxica levaron á categorización do lugar como Monumento Natural e Zona Especial de Conservación

A costa galega ofrece centos de posibles lugares onde pasear, perderse e evadirse, escondidas en lugares das catro provincias. Algunhas, como a Praia das Catedrais (Lugo) son famosas e moi transitadas, pero moitas outras pasan desapercibidas ou son descoñecidas. A Costa de Dexo-Serantes, no concello coruñés de Oleiros, é un espazo natural composto por ao redor de 11 quilómetros de cantís, praias escondidas e multitude de especies vexetais e animais. A súa extensión vai desde o faro de Mera ata o porto de Lorbé.

No ano 2000 foi catalogada como Monumento Natural, título ao que 14 anos despois sumaríase o de Zona Especial de Conservación (ZEC). Está integrada, por tanto, na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.

Publicidade

Fauna e flora

Neste espazo, que é un dos poucos ben conservados da costa Ártabra, coexisten tres dimensións que se combinan e complementan para dotar á conta de Dexo dunha riqueza indiscutible: a biolóxica, a xeomorfolóxica e a paisaxística.

Esta zona foi unha das afectadas polo desastre do Prestige no ano 2002, que minguou especies como o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). Esta ave, catalogada como especie vulnerable en Galicia, ten a súa zona de aniñamento na costa de Dexo. Por este motivo, foi declarada no ano 2014 como Zona Especial de Conservación (ZEC), que abrangue arredor de 346 hectáreas. Ademais, outras aves coexisten neste espazo, como a gaivota do Caspio ou o andoriñón real.

O corvo mariño cristado, unha especie en perigo de extinción, aniña na costa de Dexo

Ao longo do litoral aprécianse arrecifes e furnas mariñas, pero tamén bancos de area. As rochas metamórficas que forman os cantís, de fácil erosión, permitiron que as calas se abrisen espazo. A vexetación que predomina na zona litoral son as algas; as rochas dos cantís, que son silíceas, están infestadas de plantas casmófitas, que se alimentan do material que reside entre as fendas.

Existen tamén estepas de gramíneas e prados con solos con turba, un material orgánico formado pola descomposición de vexetais, nos que crecen os xuncos. Nos montes aluviais crecen árbores como o freixo ou o ameneiro.

A Aula do Mar de Dexo

O punto de inicio da Costa de Dexo, segundo a súa categoría de Monumento Natural, sitúase nos faros de Mera, que, pola súa localización, se converte nun escaparate do horizonte atlántico, no que converxen, no Golfo Ártabro, as rías da Coruña, de Betanzos e de Ares; a ría de Ferrol asómase tamén tras os cantís.

Dende aquí obsérvase o illote de A Marola, caracterizado pola fama das augas bravas que o rodean. As adversas condicións de vento e ondada, que dificultaban o tránsito marítimo bordeando a costa por este punto, foron a orixe do dito “Quen pasou A Marola, pasou a mar toda!”. Un pouco máis adiante atópase unha das zonas máis características da costa: a Punta de Seixo Branco, cuxa denominación vén dada pola veta desta cor que descende serpenteando polo cantil ata perderse na espuma mariña.

Aquí atópase tamén a antiga casa do fareiro. Grazas a un convenio entre o municipio de Oleiros e a Fundación Arao, este habitáculo converteuse na Aula do Mar, que alberga no seu interior unha exposición permanente formada por dúas salas, dous miradoiros acristalados, un laboratorio, espazos para a proxección de audiovisuais, unha terraza e varios puntos de observación ornitolóxica.

A aula é unha experiencia inmersiva na Costa de Dexo. O visitante pode observar a reprodución dunha batea, ou mergullarse nunha cova mariña onde os seus sentidos perciben o mesmo que os animais que a habitan, así como apreciar, sobre unha imaxe aérea, os elementos patrimoniais e puntos de interese máis relevantes do Monumento.

A nivel administrativo, a aula do Mar informa sobre as restricións e posibilidades da zona, para garantir que o impacto sexa mínimo; ofrécese tamén un servizo de guías para grupo. Poden consultarse os horarios de visita aquí.

O roteiro finaliza no porto de Lorbé, onde as condicións permiten, a diferenza doutros puntos da zona norte de Galicia, o crecemento de bivalvos, concretamente mexilóns, que se crían nas augas da enseada. Neste punto ponse fin ao roteiro que une este porto cos faros de Mera: unha viaxe de mar, terra e vida.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A insólita historia de María Wonenburger, a xenia galega das Matemáticas

A científica era descoñecida en Galicia e España e foi visibilizada grazas as súas compañeiras de profesión, María José Souto e Ana Dorotea, da UDC

O tiburón de Oleiros morreu por inxestión de plásticos

Varios obxectos, como tapóns de botella e fibras de pesca, obstruíron a válvula espiral do exemplar ata provocar o seu falecemento

O “desastre ecolóxico” de Bastiagueiro eran os restos dun bosque fósil

O afloramento de restos vexetais de hai miles de anos, asolagados polo mar e os sedimentos, é común e visible en diversos puntos da costa galega

A galega Alicia Tojeiro, elixida mellor profesora de España

A viguesa é mestra de Educación Primaria no CEIP Parga Pondal de Oleiros (A Coruña)