Miguel, un convidado explosivo e inesperado que ‘varrerá’ Galicia en horas

Elevan o aviso a nivel laranxa debido aos fortes refachos de vento que a borrasca deixará durante a tarde do xoves na zona oeste

Case ninguén esperaba a Miguel, pero parece que vai chegar con bastante forza a Galicia ás portas do verán, nun momento no que as cicloxéneses explosivas son moi pouco habituais. “É raro que se produzan nesta época do ano”, explica desde Galicia Juan Taboada. Engade que “estas borrascas explosivas sacan a súa enerxía do encontro das masas de aire polar (moi frío) co aire subtropical (moi quente); e a estas alturas, o normal é que as masas polares estean xa confinadas a latitudes moi altas”, expón o meteorólogo.

Non en tanto, o meandro da corrente en chorro ou jet stream, que adoita afectar en diversas ocasións a Galicia, ben sexa con aire frío ou cálido, sitúase nesta ocasión bastante ao sur, o que provoca a formación de Miguel. A súa intensidade, tal e como acordaron varias axencias meteorolóxicas europeas desde 2016, obriga a bautizala cun nome propio, co fin de advertir a poboación dos seus posibles efectos.

Publicidade

Miguel, pequeno pero intenso

Todos os factores conspiran“, resume Juan Taboada. Non en tanto, o pequeno tamaño de Miguel, a pesar da súa profundidade, obrigou a aumentar os niveis de aviso segundo os modelos foron afinando a súa exactitude. “Se non chega a pasar preto, nin nos teriamos enterado, pero ao achegarse máis, vaise notar”, contan desde MeteoGalicia.

A Axencia Estatal mesmo emitiu unha nota informativa na que eleva a predición de vento aos 120 quilómetros por hora “nas zonas máis expostas” que tamén se deixarán sentir no Cantábrico en canto Miguel continúe cara ao leste. Con todo, segundo a Aemet, “non se prevé que o centro da borrasca chegue a alcanzar a costa, sendo probable que a súa traxectoria pase a 150 quilómetros do litoral galego, dirixíndose posteriormente cara á Bretaña francesa e o sur de Inglaterra”. Advirte ademais a Aemet do “grao de incerteza” de Miguel pola súa propia natureza de cicloxénese explosiva.

Publicidade

Polo tanto, o paso de Miguel será notable. MeteoGalicia e Aemet elevaron na mañá do mércores o aviso ao nivel laranxa en todo o territorio das provincias de Pontevedra e A Coruña entre as 12 do mediodía e as 6 da tarde do xoves. Pola súa banda, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Emerxencias, declarou a situación de alerta laranxa, polo que se recomenda extremar as precaucións durante este lapso de tempo.

Os refachos superarán os 100 quilómetros por hora en bastantes zonas. Ademais, hai aviso amarelo no oeste da Coruña e toda a provincia de Pontevedra por chuvias que poderían superar os 15 litros por metro cadrado nunha hora ou, no caso do occidente coruñés, os 40 litros en 12 horas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual