O arco da vella de lume, visible sobre Galicia

O fenómeno, pouco habitual, ten lugar debido á refracción da luz dos raios de Sol coas partículas de xeo dos cirros, un tipo de nubes altas

Susana Bayo e Juan Antonio Añel, investigadores do grupo Ephyslab no campus de Ourense, volvían de xantar, arredor das 15 horas deste mércores, cando viron algo abraiante no ceo. “Eu nunca o vira”, confesa Susana. Coma eles, máis persoas en Galicia puideron contemplar este mediodía a particular imaxe, que ten o nome de “arco da vella de lume” ou “arco circunhorizontal“. Parécese ao arco da vella, máis habitual, pero a súa orixe e explicación é lixeiramente distinta.

Arco da vella de lume avistado este mediodía en Ourense. Foto: Susana Bayo / Twitter.
Arco da vella de lume avistado este mediodía en Ourense. Foto: Susana Bayo / Twitter.

“Ten que verse un tipo de nube concreta, os cirros, que están compostas de cristais de xeo se ubican nunha altura de entre 6.000 e 12.000 metros. E ademais, o Sol debe atoparse nunha parte bastante alta”, explica Susana Bayo. Ao atopármonos preto do solsticio de verán, as condicións cumpríanse, ao poder incidir a luz de forma horizonal sobre os cristais de xeo, aínda que o arco da vella de lume estivo a punto de agocharse debido á presenza de nubes máis baixas, tal e como recollen as imaxes tomadas por Bayo e Añel.

Publicidade

Condicións moi axeitadas

Nun artigo publicado pola Sociedade Galega de Historia Natural, o responsable da sección de Astronomía da entidade, Paulino Gasalla, engade tamén a condición de que “a temperatura en capas altas da atmosfera sexa moi baixa, por iso son máis frecuentes en países fríos, pero nunca máis ao norte ou ao sur dos 55º de latitude, e os avistamentos serán máis probables cando máis próximos nos atopemos ao solsticio de verán”. As de hoxe eran, por tanto, condicións propicias para que se producira, debido ao aire frío que trae consigo a cicloxénese explosiva Miguel.

Este arco da vella de lume ou arco circunhorizontal adoita ser retratado en diversas partes do mundo nas contadas ocasións nas que se produce. E ás veces, dependendo da forma dos cirros nos que se refracta a luz solar, poden adoptar aparencia de lapas, de aí o seu alcume “de lume”, tal e como se pode ver nestas imaxes.

Publicidade

Arco circunhorizontal en forma de lapa en Florida. Foto: Hewholooks / CC BY-SA 3.0.
Arco circunhorizontal en forma de lapa en Florida. Foto: Hewholooks / CC BY-SA 3.0.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Unha masa de aire africano trae temperaturas por enriba dos 30 graos en Galicia a partir do xoves

O fenómeno elevará as máximas ata 37ºC en Ourense e deixará valores próximos aos 30ºC en boa parte do territorio, con aviso amarelo no interior

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

Catro días de incógnita

Días antes da eclipse do 12 de agosto, a meteoroloxía e a nubosidade seguen a ser as preguntas máis frecuentes para asegurar a observación. Por Andrea Veiga