A evolución da locomoción bípeda que nos caracteriza tivo consecuencias dolorosas para a nai, e converteu ao neonato nun consumado contorsionista. Pero tamén afectou ao corpo do pai, en principio de maneira máis avegosa.
Nas femias dos mamíferos, a vaxina abre na parte posterior do corpo e diríxese cara ao interior nun plano horizontal algo inclinado cara a abaixo. Isto facilita a progresión dos espermatozoides cara ao fondo en dirección ao colo do útero, un corredor case horizontal en cuxo fondo se atopa o óvulo.
Cando a femia dun simio está receptiva e o macho se aproxima por detrás, esta levanta os seus cuartos traseiros e, sen máis dilacións, o macho móntaa para comezar unha brevísima cópula. Unha vez inseminada, a femia pode deambular sen perder o seme depositado na vaxina: ao andar de poutelas non hai risco de que o fluído seminal escorregue.
Este mecanismo tan universal, común nos nosos antecesores simiescos e cuadrúpedos hai millóns de anos, trastornouse coa locomoción bípeda. Para conseguila, os ósos pélvicos, os músculos e a disposición das vísceras que ocupan a cavidade pélvica sufriron transformacións.
Na cavidade pélvica do macho só están aloxados a vexiga, a próstata e os intestinos. Na da femia, ademais destas vísceras (excepto, obviamente, a próstata), sitúase o aparello xenital, que aumenta de tamaño durante o embarazo.
Nas femias humanas a vaxina e o útero forman un ángulo practicamente recto. No resto dos simios a disposición de ambos os órganos é practicamente horizontal.
Por tanto, mentres que a evolución cara á marcha ergueita non supuxo grandes problemas para a anatomía interna do macho, foi un proceso que esixiu profundas transformacións no aparello xenital feminino. Unha delas foi o desprazamento da vaxina. Ao modificarse a arquitectura da pelve, rotou ata colocarse na posición actual: aberta cara a adiante e dirixida cara arriba.
As repercusións que tivo na nosa evolución este feito aparentemente banal foron numerosas e afectaron ao noso comportamento antes e despois da cópula e á estrutura do aparello xenital masculino. Vexamos as implicacións que unha vaxina vertical e o deambular ergueito tiveron para a evolución do pene.
Se as carreiras dos sanfermíns lle parecen perigosas, olvídeo. Para percorrido tortuoso, para carreira aflixida, frenética e desesperada, a que percorren os espermatozoides humanos para alcanzar o seu obxectivo: fecundar ao óvulo. Cada vez que un home normal exacula, produce entre cen e catrocentos millóns de espermatozoides.
Só uns poucos espermatozoides privilexiados, loitando contra a forza da gravidade e tras superar varias barreiras químicas, físicas e biolóxicas, serán capaces de achegarse ás proximidades do óvulo. Só un logrará fecundalo.
Un fronte a catrocentos millóns. A razón para esta desproporción recae, para empezar, en que nas mulleres a vaxina é vertical mentres que o colo uterino conserva a súa disposición orixinal no plano horizontal. Isto fai que ambos formen un ángulo case recto, un abrupto curruncho que deberán dobrar os afortunados espermatozoides que, ademais de vencer á forza da gravidade, puideran ter sobrepasado o case letal conduto vaxinal.
Cada vez que un home normal exacula, produce entre cen e catrocentos millóns de espermatozoides, e só un adoita acadar o obxectivo
Case o 90% dos espermatozoides non o supera. Isto é debido a que os seus fluídos teñen un pH ácido que actúa como espermicida moi eficaz. Algo que se sabe desde moi antigo: o lavado postcoital con certos ácidos débiles como o acético é o fundamento dun vello e perigoso método anticonceptivo que xa se empregaba na Grecia clásica.
A continuación, a decimada pero veloz comitiv seminal deberá entrar no colo uterino, unha foz cuxo paso está taponado por unhas mucosidades pegañentas que atrapan á inmensa maioría deles. O resto, os máis potentes e resistentes, están agora no colo uterino, onde deben enfrontarse ás defensas inmunolóxicas que os recoñecen como xermes estraños e que tentan aniquilalos.
Atacados por lexións de leucocitos, a inmensa maioría sucumbe alí. Apenas un cento, os máis veloces e mellor orientados, consegue librarse para enfiar a recta final, as trompas de Falopio. No seu interior, comodamente instalado, agarda o óvulo.
A tal esixencia, tal resposta. O percorrido do exaculado é tortuoso. A vaxina é vertical. O bipedismo favorece a caída gravitacional do exaculado. O conduto vaxinal está cheo de perigos e forma un ángulo recto co útero. Conclusión: o mellor é que o seme acurte camiño e sexa introducido o máis profundamente posible.
Hai que subliñar que, alén de todas as causas que nos veñen á mente, as femias foron (e son, claro) a causa do alongamento en tamaño do pene do home ao falarmos de reprodución. Aínda que na maioría dos casos non sexa como para tirar foguetes, o tamaño do pene do home é extraordinario cando se compara co doutros primates. Entre eles, non temos rivais.
Tomemos como exemplo aos nosos parentes de maior talla: os gorilas. Máis ou menos un gorila adulto dominante pesa ao redor de douscentos quilos, mentres que o seu diminuto pene en erección non excede os cinco centímetros. Ou sexa, un centímetro por cada corenta quilos de masa corporal. Vexa vostede como non hai que desanimarse: pese, mida e compare o seu peso e a súa talla. Nos tempos que corren toda alegría é pouca.
Outra beneficiosa e incomparable consecuencia da marcha ergueita é o orgasmo. Quen pense que un pene máis grande é capaz de proporcionar máis pracer á muller, ao permitir maiores e mellores posturas copulatorias, que o esqueza. Os orangutáns, dotados dun membro moito máis pequeno, son capaces de deixar en ridículo ao home en canto a posturas sexuais. A súa cópula dura ata quince minutos, toda unha doce utopía para o común dos mortais.