As aves máis atractivas non son as que máis crían

Investigadores do CSIC conclúen que unha menor coloración da plumaxe podería derivar nunha vantaxe reprodutiva segundo o contexto

Macho adulto de papamoscas negro coa plumaxe ornamental. Crédito: David Ochoa

Unha das principais armas dos animais para asegurar a transmisión dos seus xenes é o desenvolvemento de caracteres sexuais, a modo de ornamentos, que destaquen a súa calidade. En xeral, os individuos máis atractivos son tamén aqueles cunha mellor condición física e xenética, polo que cabería esperar que acadasen un maior éxito reprodutivo. Non obstante, un estudo coordinado por investigadores do CSIC destaca que un mellor físico podería supor máis disputas e, polo tanto, menor tempo adicado á cría de descendentes.

Publicidade

Este traballo vén de ser publicado na revista Journal of Evolutionary Biology e suxire que unha coloración menor da plumaxe das aves podería levar unha vantaxe reprodutiva en función do contexto social onde se desenvolvan estas.

O estudo

O desenvolvemento e mantemento de ornamentos sexuais de alta calidade non é unha tarefa doada. En moitos animais, como as aves, os coloridos sinais visuais que indican o seu nivel de atractivo resultan custosos de producir e manter. Un exemplo disto son os machos de papamoscas negro, un pequeno paxaro migrador que sinaliza o seu atractivo sexual e o seu status social mediante a coloración do lombo. Esta coloración pode oscilar dende o marrón pálido ata o negro baia nos machos dominantes.

Os investigadores do CSIC analizaron arredor de 2.000 machos dende 1984

Non obstante, pode que mostrar un gran atractivo, cos custos que isto leva, non sexa sempre beneficioso en termos de descendencia. O estudo do CSIC analiza datos anuais de densidade de cría e cor da plumaxe en arredor de 2.000 machos examinados dende 1984. Contrariamente ao esperado, os individuos con coloracións intermedias resultaron ser os máis beneficiados en termos reprodutivos.

Máis tempo para criar

Esta aparente contradición podería deberse ao alto prezo a pagar polos individuos que mostran un sinal de elevado status sexual e social: aínda que poden gozar dos mellores territorios de cría ou das mellores femias, son o centro das miradas dos seus competidores, polo que defender as súas posesións pode orixinar esgotamento físico e reducir o coidado adicado ás crías, comprometendo a súa supervivencia.

Aínda que depende do contexto social, os machos cunha coloración intermedia terían máis tempo para coidar ás súas crías

Este maior gasto en defensa favorecería aos machos cunha coloración intermedia xa que, a pesar de non ter o mellor físico, estarían adicando menos tempo ás disputas e máis tempo e enerxía a sacar adiante a máis crías. Con todo, é unha conclusión que depende do contexto social.


Referencia: Phenotypic selection on an ornamental trait is not modulated by breeding density in a pied flycatcher population (Publicado en Journal of Evolutionary Biology)

1 comentario

  1. Quisiera seguir recibiendo información de publicaciones sobre ciencia me es de mucho interés.
    Muchas gracias

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.