A Academia de Ciencias amplía a presenza feminina co ingreso de Herminia Domínguez

A institución dálle a benvida á catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo, unha das cinco mulleres que se sumarán ás súas filas en 2022

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) está de celebración. A catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo (UVigo) Herminia Domínguez súmase ás súas filas, sendo xa a sexta académica numeraria. Ademais, a investigadora é unha das cinco mulleres que se incorporarán á institución galega en 2022: Carmen Isabel Álvarez Lorenzo e María Loureiro García, tamén como numerarias; e Marisol Soengas e Ana Cebreiro como académicas correspondentes. En total, entre numerarias e correspondentes, a RAGC ten actualmente dez mulleres entre os seus integrantes.

A cerimonia celebrouse esta tarde no Pazo de San Roque de Santiago, onde se lle deu a benvida a Herminia Domínguez, que xa integra a sección de Ciencias Técnicas. A nova académica pronunciou o seu discurso se ingreso, Biorrefinerías, multifactorías verdes, que foi contestado en nome da RAGC por Pedro Merino Gómez, tamén membro numerario da sección de Ciencias Técnicas e catedrático emérito de Ciencias dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da UVigo.

Publicidade

Traxectoria profesional

Herminia Domínguez González, nada en San Xoán de Río en 1965, completou a súa formación pre e posdoutoramento no Consello de Investigación de Saskatchewan e na Universidade de Lund. Actualmente é coordinadora do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da UVigo.

A súa actividade investigadora está centrada no deseño de procesos baseados en estratexias de intensificación, en especial con fluídos subcríticos e supercríticos, e na tecnoloxía de membranas para o fraccionamento de biomasa seguindo a filosofía das biorrefinerías e o residuo cero. Ademais, tamén desenvolve novos produtos con ingredientes funcionais e biopolímeros obtidos a partir de recursos renovables infrautilizados ou considerados residuos.

Publicidade

A catedrática reúne unha longa traxectoria de proxectos de investigación, artigos e patentes

Por outra banda, foi investigadora principal en máis de 30 proxectos de investigación e contratos con empresas, dirixiu 15 teses de doutoramento, publicou máis de 250 artigos e 30 capítulos de libros internacionais, é coeditora de catro libros e coinventora de nove patentes e tamén foi galardoada co Premio A-IQS.

O acto

O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, foi o encargado de abrir o acto, ao que asistiron outros académicos da institución como Gumersindo Feijóo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago (USC); Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (UDC); María Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense da UVigo; e Pedro Cardona, comandante director da Escola Naval Militar de Marín; entre outras autoridades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a oceanógrafa Aida Fernández Ríos

No acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco referentes galegos de diferentes áreas de coñecemento

Aida Fernández Ríos: da produtividade das rías á acidificación oceánica

A traxectoria da Científica Galega do Ano 2026 representa unha contribución destacada ao coñecemento do océano no sistema climático. Por Fiz Fernández Pérez

Un libro lembra a figura da Científica Galega do Ano

A publicación, producida por GCiencia, presentouse no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo como acto inicial da homenaxe

Tres científicos e dúas científicas de USC e UVigo reciben as Medallas de Investigación

Os premios da Real Academia Galega de Ciencias recoñecen a Mabel Loza, Sebastian Villasante, Leandro Alejano, Rosa Crujeiras e Francisco Rivadulla