Sábado 27 Abril 2024

Os ‘drons’, os novos sentinelas a prol do desenvolvemento rural

Unha tese constata o potencial dos sistemas aéreos non tripulados para detectar posibles patoloxías en cultivos en rexións en fase de crecemento

Un estudo constata as múltiples aplicacións dos sensores de vehículos aéreos non tripulados en distintos procesos de desenvolvemento de áreas rurais en rexións aínda en fase de crecemento e modernización. A investigación de doutoramento, Aplicación de técnicas xeomáticas na Smart Farming: Monitorización de cultivos, determinación de biomasa e detección de enfermidades, está desenvolta polo enxeñeiro vilalbés Izar Sinde González na Escola Politécnica Superior de Enxeñaería do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC) baixo a dirección da profesora Mariluz Gil Docampo.

A xeración de cartografía, a inspección de infraestrutura, a vixilancia de bosques, ou a xestión de cultivos mediante agricultura de precisión constitúen algunhas das aplicacións máis destacadas e coñecidas relacionadas co emprego de vehículos aéreos non tripulados (UAV), popularmente coñecidos como “drons”, cuxas prestacións no ámbito da Smart Farming permiten potenciar as vantaxes que reportan outras tecnoloxías tamén recentes como os sistemas de xestión da información, a automatización ou a agricultura de precisión. Estas prácticas implican operacións orientadas a optimizar a calidade e a cantidade dos cultivos a través de tecnoloxías eficientes e limpas para o medio ambiente.

Publicidade

Gran potencial

Neste contexto, a investigación de doutoramento presentada por Izar Sinde González aborda as metodoloxías empregadas actualmente en agricultura de precisión e, nomeadamente, no campo da teledetección mediante sensores aéreos non tripulados, uns dispositivos, sostén o autor, capaces de prestar unha importante axuda nos procesos de desenvolvemento rural en áreas de Ecuador que aínda se atopan sen desenvolver.

A xeración de cartografía, a inspección de infraestrutura ou a vixilancia de bosques constitúen algunhas das aplicacións máis destacadas do emprego de vehículos aéreos non tripulados

As metodoloxías analizadas nesta tese de doutoramento abranguen temáticas relacionadas coa análise do crecemento en canto á xeración de biomasa en cultivos de raygrass e kikuyo, estudos sobre o estado de saúde de plantacións de lupino en áreas montañosas da rexión andina mediante a súa resposta espectral e a detección de enfermidades en palma africana, a través do estudo da variabilidade da súa resposta espectral.

As pescudas desenvolvidas por Sinde González no marco da súa tese de doutoramento puxeron de manifesto o potencial dos sistemas UAV á hora de estudar e xestionar cultivos clave na economía da República de Ecuador e doutros países en vías de desenvolvemento. De feito, para a casuística dos cultivos antes mencionados empregáronse equipos como os UAV os espectrorradiómetros de man, a fin de poder xerar produtos xeoespaciais de alta resolución a través de técnicas de fotogrametría SfM e teledetección de baixa altura.

As pescudas desenvolvidas por Sinde González no marco da súa tese de doutoramento puxeron de manifesto o potencial dos sistemas UAV á hora de estudar e xestionar cultivos clave na economía da República de Ecuador

A información xeoespacial permitiu a posterior extracción de valores espectrais a nivel de planta cos que resulta viable inferir resultados satisfactorios a través da aplicación de diversas probas estatísticas, sinala Sinde González. Esta metodoloxía de traballo, engade o investigador, permitiu detectar de forma temperá a afectación de Pudrición de Cogollo (PC) en palma africana, determinar que tratamento de desinfección de semente é o máis axeitado para controlar a evolución da antracnose (cancro) en lupino (xénero de plantas leguminosas) ou mesmo para constatar que o cultivo de ryegrass perenne é o que ofrece mellores rendementos na produción de biomasa para solos da área andina ecuatorial.

Tribunal de tese e cualificación

O enxeñeiro agrónomo e profesor na Universidade Politécnica de Madrid Ignacio Cañas Guerrero presidiu o tribunal responsable de avaliar a tese de doutoramento presentada por Izar Sinde. A profesora da Universidade de Vigo Julia Armesto González e o tamén docente na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC Juan Ortiz Sanz completaron o tribunal, que outorgou a máxima cualificación de sobresaínte cum laude ao investigador chairego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s

Unha tese galega demostra a viabilidade de reutilizar restos vinícolas e pesqueiros no país

Antonio Cortés avaliou a sustentabilidade das estratexias de valorización de residuos orgánicos, alén de estudar a ecoeficiencia dos procesos