O furacán ‘Danielle’ impactará en Galicia a principios de semana convertido en borrasca

A Axencia Estatal de Meteoroloxía prevé que chegue sen "maior adversidade", con refachos de vento fortes e chuvias no oeste e zona centro

Novo cambio de rumbo. O furacán Danielle, que nos últimos días parecía seguir unha traxectoria que o afastaba de Galicia, volve apuntar cara á península ibérica. Así o confirmaba esta mañá a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) na súa canle de Twitter. Segundo as súas previsións, o furacán comezará a perder as súas características tropicais e converterase nunha “borrasca profunda”. “Achegarase á península a comezos de semana, sen maior adversidade que calquera borrasca outonal, con refachos de vento fortes e chuvias no oeste e zona centro”, indican dende a AEMET. Un prognóstico que confirma Juan Jesús González Alemán, tamén investigador do organismo. “A incerteza vaise despexando, o que quedaría por ver é como será o episodio, se de alto impacto ou non”, apunta en Twitter.

O que xa parece determinante, malia os cambios constantes de dirección que experimentou Danielle nos últimos días, é que chegará a Galicia como unha borrasca. Este tipo de prognósticos tan oscilantes son propios de fenómenos tan complexos como Danielle. “A predición da traxectoria de ciclóns tropicais está suxeita a gran incerteza“, insisten dende a AEMET, malia que xa consideran “consistente” o debilitamento do furacán conforme se despraza cara ao leste. Un proceso que deriva na súa transformación en borrasca que pode afectar á península ibérica. De feito, un escenario que por veces parecía probable e, por outras, moi complicado, fai que González Alemán defina esta nova dirección como “un xiro de 360º”. “A incerteza vaise despexando”, asegura o meteorólogo.

Publicidade

“A predición da traxectoria de ciclóns tropicais está suxeita a gran incerteza”

O experto da AEMET é un dos que maior seguimento fixo do fenómeno. Dende o primeiro momento, o seu foco de atención non estaba sobre o posible impacto na península, senón nas anomalías que estaba a presentar Danielle, incluso antes da súa formación e declaración como furacán. Os propios investigadores do Centro Nacional de Furacáns (NHC) dos Estados Unidos mostraban a súa sorpresa ante o comportamento errático e impredicible de Danielle. “Segue batendo récords. Xa é o ciclón tropical formado ao norte dos 38ºN de latitude que máis enerxía liberou durante o seu ciclo de vida. Todo iso favorecido, en gran parte, pola onda de calor mariña que está afectando o Atlántico”, detalla González Alemán.

Ademais, o meteorólogo insiste en que, cada un fenómeno desta natureza se forma en rexións do Atlántico norte —central ou oriental—, hai que seguir atentamente o seu desenvolvemento e a evolución das predicións. “Nunca descartar ningún escenario posible nin usar o determinismo”, declara na súa canle de Twitter. Amais disto, González Alemán insiste en que Danielle non se pode estudar no mesmo contexto que os “típicos furacáns” cuxos restos afectan cada certo tempo a Europa. “É unha anomalía”, insiste o meteorólogo, aludindo ao insólito fenómeno dos últimos días. De todas formas, e malia que a actualidade científica da última semana tivo como gran protagonista a Danielle, a AEMET asegura que “a tempada de tormentas tropicais atlánticas está sendo moi pobre. Por primeira vez dende 1997, sen ningunha nomeada en agosto, cando a media adoita ser de tres ou catro”, indican.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia