Venres 26 Abril 2024

O insólito furacán consolídase pero a súa traxectoria afástase da costa galega

Diferentes modelos meteorolóxicos prognostican que 'Danielle' continuará cara ao nordeste, afastándose da península

Un dos meteorólogos que máis está a seguir o fenómeno é Juan Jesús González Alemán, investigador na AEMET. Malia que un dos escenarios que el barallaba era a chegada de Danielle —xa convertido en borrasca— á península, especificamente na costa galega, hoxe anunciou a través da súa canle de Tiwtter novos cambios na predición da súa traxectoria. “A non ser que haxa variacións de última hora, por fin xa podemos comezar a pensar na idea de que o anómalo furacán non representará ningunha ameaza, nin en forma de ciclón tropical nin en forma de borrasca, á península”, aseguraba o experto. De feito, o propio Centro Nacional de Furacáns (NHC) dos Estados Unidos, que está a facer un seguimento minucioso de Danielle, xa contempla unha traxectoria que o afasta das costas galegas.

Un fenómeno anómalo

Días antes de que Danielle fora considerado furacán, a atención sobre unha serie de perturbacións no Atlántico norte fixo saltar as alarmas. Máis alá da preocupación polo seu impacto sobre Galicia, que naquel momento era unha predición afastada e complicada de realizar, os meteorólogos poñían o foco sobre esta rexión do océano polas características anómalas que estaba a presentar. O motivo polo que se considera un fenómeno tan insólito resúmeo González Alemán nas seguintes declaracións: “Convértese no primeiro ciclón formado ‘preto’ da península en alcanzar forza de furacán tan rápido e tan ao norte en latitude. Todo isto na época na que hai satélites, a máis rigorosa e coherente”.

Publicidade

Amais disto, o experto da AEMET insistía en que a formación e o proceso de intensificación de Danielle converten o furacán nun “evento insólito”. Un fenómeno, ademais, favorecido polas “excepcionalmente altas temperaturas do Atlántico” na zona na que se formou o sistema, que conforman unha onda de calor mariña. Ademais, o comportamento de Danielle está a ser moi complicado de controlar e analizar. De feito, durante a fin de semana, especialmente o sábado 3, existía un amplo abano de posibilidades de traxectorias: tanto a súa chegada á península como o seu achegamento a Groenlandia. De todas formas, o primeiro escenario perde forza nestes intres, segundo diferentes modelos e estacións meteorolóxicas.

“É o primeiro ciclón formado ‘preto’ da península en alcanzar forza de furacán tan rápido e tan ao norte”

JUAN JESÚS GONZÁLEZ ALEMÁN, meteorólogo da AEMET

Tal e como explica González Alemán, os ciclóns tropicais que se forman moi ao norte das zonas subtropicais “adoitan presentar unha alta incerteza pola complexidade dos procesos asociados á interacción co fluxo de latitudes medias”. De todas formas, o meteorólogo insistía durante a fin de semana que, malia o amplo abano de posibilidades de traxectoria que se contemplaban para Danielle, non chegaría como furacán. “En moitas pode estar sufrindo transformacións de borrasca moi potente, ou incluso en restos de ciclón tropical”, explicaba o meteorólogo. Aínda así, avisaba do seguinte: “Deixar de ser tropical non implica menos impacto, como adoita pensarse”. Como exemplo, pon o furacán Sandy, que impactou nos Estados Unidos en 2012 cando xa era unha borrasca. Pero engade: “Este escenario con Danielle é pouco probable de momento”.

Malia que o achegamento a Galicia é cada vez máis afastado, González Alemán insiste no interese que ten este fenómeno para a comunidade científica. Como exemplo do seu rechamante comportamento, esta mesma fin de semana Danielle debilitouse por “causas descoñecidas”. Así o anunciaba o NHC e así se facía eco da noticia González Alemán. Este último matizaba que un dos motivos de sospeita era un proceso físico relacionado coa súa interacción co océano. É dicir, rebaixouse a súa categoría a tormenta tropical o sábado 3 e o domingo 4 volvía ser considerado furacán polo NHC. De momento, a perigosidade que podería ter para Galicia xa se vai reducindo. Será a ciencia a que decida, en función dos acontecementos, que protagonismo ten Danielle de cara a futuras predicións.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro galegos proban o primeiro fármaco contra o fígado graxo nun ensaio clínico pioneiro

O tratamento, que acaba de ser aprobado en Estados Unidos, pode tardar dous anos en estar dispoñible en España

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

O sector galego das TIC suma 23.000 empregos directos, 4.000 no último lustro

A facturación medra preto dun 14% e achégase aos 3.700 millóns de euros

Estamos máis preto da detección precoz do alzhéimer?

A través dos biomarcadores podémonos adiantar á aparición das enfermidades vinculadas á vellez