Enxame sísmico con 24 terremotos en Ourense no último mes

Este martes 30 de xullo rexistrouse un sismo cunha magnitude de 3,2 e con epicentro en Cartelle

O fenómeno dun enxame sísmico de pequena magnitude está afectar á provincia de Ourense no último mes, con 24 terremotos rexistrados. O máis recente foi este mesmo martes, 30 de xullo, con epicentro no municipio de Cartelle e unha magnitude de 3,2.

A actividade sísmica no sur da provincia de Ourense é practicamente diaria dende o comezo do mes de xullo. Sete dos 24 terremotos rexistrados polo Instituto Xeográfico Nacional superaron os 2 graos de magnitude. O resto son pequenos sismos que resultan imperceptibles.

Publicidade

Localización dos sismos na provincia de Ourense este mes de xullo. Fonte: IXN.

A cadea de sismos comezou o luns 1 de xullo, á 1.05 horas da madrugada, cando se rexistrou un terremoto de 2,4 graos de magnitude localizado no concello da Merca, co hipocentro situado a 1 quilómetro de profundidade. No mesmo municipio, foi detectado outro sismo de 1,8 de magnitude o pasado sábado 29 de xuño; e outro de 2,1 o venres 28.

Ademais, na mesma área foron detectados polo IXN outros dous sismos na fin de semana, localizados en Cartelle, que non alcanzaron os 2 graos de magnitude.

Publicidade

Defínese como enxame sísmico a sucesión de tremores que se producen nun área concreta durante un período determinado de tempo. Poden durar horas, días ou meses, e destácanse, tal e como sinala Emilio Carreño, do Instituto Xeográfico Nacional, porque “non existe un sismo que poidamos chamar principal“.

Sismos e pequenas faias activas en Pontevedra e Ourense. Fonte: Vidal Romaní.

O fenómeno do enxame sísmico adoita producirse con certa periodicidade en Galicia, aínda que a súa intensidade non chega a ser percibida en moitos casos pola poboación. Con todo, hai experiencias recentes de situacións de risco. Foi, por exemplo, o que aconteceu a mediados dos anos 90 no bautizado como ‘triángulo sísmico’, entre as localidades lucenses de Sarria, Becerreá e Triacastela. Centos de tremores de magnitude superior a 3 sucedéronse durante meses. O evento principal produciuse o 21 de maio de 1997, cun tremor de magnitude 5,1 que se sentiu en toda Galicia.

Galicia non adoita vivir grandes sismos como os que acontecen noutras zonas do planeta. Porén, de cando en vez as fallas que atravesan o territorio lembran que a tectónica de placas está aí. Outro enxame sísmico tivo lugar o ano pasado en Pontevedra. E hai un lugar onde a actividade é moito maior e concentrada ca na contorna: o encoro de Belesar, no río Miño. Nunha área de poucos quilómetros cadrados entre os concellos de Taboada, Chantada e O Saviñao, as medicións do Instituto Geográfico Nacional (IGN) rexistraron preto de 200 pequenos terremotos nos últimos anos. Un fenómeno ao que xa prestaron atención varios traballos de investigación sobre sismicidade. Neste caso, os científicos sospeitan que os sismos teñen que ver co asentamento do propio encoro de Belesar.

Belesar, o encoro que provoca terremotos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño