Unha crista subtropical disparará as temperaturas en Galicia ata os 30 graos

A semana comeza con intensas precipitacións provocadas pola borrasca Pierrick pero un cinto de altas presións producirá un cambio radical de tempo a partir do mércores

O importante non é como se empeza, senón como se acaba. Un refrán ben acaído para a situación meteorolóxica de Galicia na segunda semana de abril. Unha fronte asociada á borrasca Pierrick, situada nas illas Británicas, será a protagonista do luns, unha xornada fría e con acumulacións de chuvia que poden acadar os 30 l/m2 nalgúns puntos do territorio. Con todo, Galicia experimentará a partir do mércores un radical cambio de tempo. Un cinto de altas presións, denominado “crista subtropical” provocará un acusado ascenso das temperaturas, que poderán acadar os 30 graos a finais de semana nalgúns puntos de Galicia. Agárdase, por tanto, que o ambiente sexa máis propio do verán que da primavera.

Antes do brusco ascenso das temperaturas, o territorio galego despídese das precipitacións da man da borrasca Pierrick, que deixa avisos amarelos na Costa da Morte e no noroeste da Coruña por ondas entre os 4 e os 5 metros entre o luns e o martes. Agárdase que a maior cantidade de chuvia caia durante a xornada de mañá e que se abran grandes claros a partir do mediodía. Con todo, a fronte asociada a Pierrick trae unha masa de aire frío que impedirá que as temperaturas superen os 15 graos en toda Galicia, con mínimas que roldarán os 7 en todas as cidades galegas. Unha temperatura semellante á do martes, cando as chuvias desaparezan para dar paso á influencia das altas presións.

Publicidade

O mércores producirase un brusco cambio de tempo en Galicia pola entrada de aire cálido en superficie, segundo informa Meteogalicia. O portal Meteored atribúe este acusado ascenso das temperaturas a unha “crista subtropical” que elevará os termómetros ata os 30 graos nalgúns puntos de Galicia, deixando tempo seco e ceos practicamente despexados. Malia que as temperaturas máximas estarán por enriba da media para esta época do ano, as mínimas non superarán os 5 graos, deixando entrever unha gran oscilación térmica entre o día e a noite. A cidade na que se rexistrarán as máximas temperaturas será Ourense, que tamén bateu récord este venres 5 de abril acadou os 15,8 graos de mínima, segundo informou esta mañá a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).

De cara á fin de semana a situación manterase estable e sen grandes cambios. Continuarán dominando as altas presións, o tempo seco e as temperaturas elevadas. Pese á incerteza, Meteogalicia estima que se chegará aos 25 graos en gran parte de Galicia entre o venres e o sábado desta semana. Unha potente masa de aire cálido será a responsable do acusado ascenso dos termómetros, con valores elevados para a época do ano. De momento, non se prevén precipitacións no curto prazo e ata o luns da vindeira semana non semalla que as probabilidades de chuvia aumenten máis alá do 20%.

Publicidade

Un mes de marzo moi frío e húmido

A situación que se agarda na segunda semana de abril para Galicia contrasta co vivido durante o mes de marzo. Segundo o último informe climatolóxico de Meteogalicia, feito público este domingo, foi un mes frío e moi húmido, cunha media de precipitación acumulada 148% superior ao valor climático normal. Os lugares nos que se concentrou máis chuvia, por ser máis frecuente e persistente, foi nas serras litorais e na comarca da Baixa Limia. No que respecta ás temperaturas, o valor medio das máximas foi de 13,4 graos e, nas mínimas, de 4,8 graos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro