Juan Picos, Alfredo García, e Xoán Vázquez Mao. Foto: Eixo Atlántico.
Juan Picos, Alfredo García, e Xoán Vázquez Mao. Foto: Eixo Atlántico.

Un informe pide maior cooperación nos incendios entre Galicia e Portugal

Con máis de 1,5 millóns de habitantes e unha extensión de preto dun millón de hectáreas, das que case 200.000 forman parte de espazos naturais protexidos, a área transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal constitúe unha zona de alta riqueza forestal, pero tamén un área xeográfica que sufre “anualmente milleiros de incendios” e que forma parte dun territorio susceptible de verse afectado por grandes lumes forestais.

Así o amosan cifras como que o oeste da Península Ibérica concentrase nos últimos anos máis do 80% dos lumes de máis de 10.000 hectáreas, entre eles entre eles o primeiro incendio cualificable como de “sexta xeraciónrexistrado en Europa, o acontecido en xuño de 2017 en Pedrógão Grande, que lle custou a vida a máis de 60 persoas. Partindo deste contexto, identificar oportunidades de cooperación que permitan desenvolver un traballo máis efectivo en materia de prevención e combate dos incendios é o propósito central do estudo presentado este mércores polo Eixo Atlántico e coordinado polo director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos. 

O informe foi realizado polos expertos Marc Castellnou e Antonio Salgueiro

Realizado conxuntamente co inspector xefe de área forestal da Generalitat de Cataluña Marc Castelnou e o coordinador técnico do Grupo de Análise e Uso do Fogo e do Grupo de Especialistas de Fogo Controlado da Autoridade Florestal Nacional portuguesa, Antonio Salgueiro, o estudo Cooperación Transfronteiriza na prevención e extinción de incendios forestais no Eixo Atlántico foi presentado na tarde do mércores en Vigo polo director da EE Forestal, o presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, e o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao. Coincidindo co aniversario dos lumes que o pasado outubro afectaron ao sur de Galicia e norte de Portugal, este informe pon o acento na “necesaria cooperación” entre diferentes administracións e axentes a ambos lados da raia, co propósito de desenvolver iniciativas “que permitan enfrontar, nas mellores condicións, esta ameaza constituída polos grandes lumes forestais, normalmente asociados a condicións meteorolóxicas extremas e de difícil control na emerxencia”.

25 quilómetros de socorro mutuo

O pasado mes de xuño, a Comisión Mixta Hispano-Portuguesa de Protección Civil estableceu unha franxa de 25 quilómetros a cada lado da fronteira como unha área “para o socorro mutuo no primeiro ataque en caso de lumes forestais”. Área que, no caso de Galicia-Norte de Portugal abrangue 105 concellos e municipios e na que “os montes e a cadea forestal asociada teñen grande importancia nas economías”, como sinalan os autores do informe. Trátase así mesmo dunha das “áreas xeográficas de maior concentración de lumes forestais”, na que os ecosistemas forestais e os factores que afectan aos lumes “supoñen unha mesma realidade a ambos lados da fronteira”, engade o informe, no que se subliña que “non son infrecuentes” os lumes que, orixinados nun país, “traspasan a fronteira e producen graves danos” do outro lado da raia.

Neste punto, o estudo diferencia estas zonas de fronteira en dous grandes grupos, un que comprende da desembocadura do Miño ata o municipio de Melgaço, no que o río supón unha “importante barreira” para a continuidade dos lumes e que conta cunha “importante densidade” de poboación; e un segundo que iría desde esta área ata o límite do municipio de Vinhais, duns 235 quilómetros, caracterizado pola “predominancia case absoluta de espazos naturais en zonas de fronteira”, reducida densidade de poboación e “maiores posibilidades” de sufrir grandes lumes forestais. Así mesmo, o estudo incide en que, polos ventos dominantes, existe unha maior probabilidade de “incidencias de incendios transfronteirizos” no sentido Galicia-Norte de Portugal, aínda que con “condicións meteorolóxicas extremas” pode darse a situación inversa, como aconteceu en outubro do pasado ano.

Cooperación en materia de prevención, vixilancia e extinción

O acordo da Comisión Mixta Hispano-Portuguesa, engaden os autores do informe, “define un área de características inmellorables para unha colaboración real e non só reactiva ocasional”, que deberá axudar tamén a “dispor de mecanismos máis ambiciosos”. De aí que o apartado se centre na identificación de “oportunidades de cooperación en materias como a prevención”, na que destaca a importancia dunha planificación conxunta dos labores de “prevención estrutural” na área de socorro mutuo; ou no ámbito da vixilancia e detección, no que apuntan ao establecemento “de canles de comunicación rápidos e simples” e de “sistemas e índices de risco comúns”. O documento incide así mesmo, en materia de extinción, na necesidade de acometer medidas de optimización dos recursos, coordinación entre administracións e análise compartida das actuacións, mentres que no eido da protección de persoas e ben incide na importancia de “accións coordinadas de información para a autoprotección”, e no relativo a formación fai énfase “nas necesidades de tecnificación no operativo”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.