A borrasca Domingos provocou un temporal de fortes ventos e chuvias. Os refachos azotaron ás costas cantábricas e ao noroeste da península. Tal foi a súa intensidade en Galicia que Portos do Estado vén de informar que durante a fin de semana a boia de Estaca de Bares, na Coruña, rexistrou 13,95 metros (Hs), o que supón o récord absoluto dende a posta en marcha do organismo. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o sábado 4 de novembro acadouse o récord de altura significante, que representa a media da terceira parte das ondas máis altas.
En oceanografía física, a altura de onda significante (“SWH” ou “Hs” polas súas siglas en inglés) defínese como a media aritmética do terzo coa maior altura de ondas rexistradas (H1/3). Portos do Estado explica que a altura significante é a media do terzo das ondas máis altas durante un período de 30 minutos, mentres que a altura máxima (Hmax) é a maior altura de onda rexistrada durante ese período.
A borrasca Domingos afectou na súa meirande parte ao noroeste peninsular, especialmente ao litoral da Coruña, cunha situación atmosférica moi inestable que deixou miles de incidencias. O día con máis vento e chuvia foi o sábado, o mesmo día que se bateu o récord de altura significante de onda. En Galicia as ondas chegaron aos catorce metros de altura en zonas de Fisterra. Este luns a Aemet informou dunha mellora da situación para esta semana no litoral e desactivouse o aviso vermello por temporal no mar.













