Martes 23 Abril 2024

Zarpa o Ángeles Alvariño na maior campaña para estudar a xouba

O buque do Instituto Español de Oceanografía en Vigo participa nun estudo para analizar o futuro da sardiña na costa galega e portuguesa

A preocupación dos pescadores lusos e galegos polo estado do stock iberoatlántico de sardiña tradúcese nun incremento do esforzo científico tanto do Instituto Español de Oceanografía (IEO) como do seu homólogo portugués o Instituto Português do mar e da Atmosfera (IPMA).

Así, ás campañas que habitualmente teñen lugar na primavera para avaliar principalmente o stock reprodutor de sardiña, únese agora unha nova serie que vai dirixida a estimar a forza de recrutamento desta especie; trátase de determinar o número de sardiñas nadas na posta desta primavera, as “xoubas” ou “parrochas” para nós, “petinga” para os portugueses.

Publicidade

Cuantificar de xeito preciso esta abundancia, dada a baixa presenza de adultos, é clave para o futuro desta especie. O método que se vai a usar é o da ecointegración. Para levalo a cabo, a área potencial de distribución da sardiña prospéctase mediante unha grella con radiais cuxa distancia varía de oito millas entre elas nas zonas onde historicamente a abundancia de sardiña era baixa, a catro nas máis propicias.

A enerxía dos ecos procedentes dos bancos de peixes é contabilizada e promediada sobre unha área e posteriormente transformada en densidade (número de peixes por milla náutica cadrada, a unidade de superficie usada no mar). Para isto calcúlase un factor de conversión acústico entre esa enerxía media e o número de peixes. Finalmente o número total calcúlase multiplicando esa densidade media pola superficie do estrato.

As capturas de sardiña teñen descendido nos últimos anos en Galicia.

Esta forma de calcular a forza de recrutamento foi establecida xa nos anos sesenta do século pasado e segue sendo a máis precisa. Con todo, require que esa abundancia sexa estruturada en tallas ou idades, para o que é preciso tomar mostras mediante pesca peláxica. En total tense previsto prospectar unhas 900 millas en 96 radiais entre Fisterra e Cabo São Vicente, realizando unhas 30 pescas para estruturar as poboacións de peces. Antes do inicio o barco calibrará os equipos acústicos, paso fundamental e necesario para alcanzar unhas estimacións fidedignas.

A cooperación é a clave da campaña. Máis aló da colaboración entre os institutos de investigación, haberá unha implicación decisiva do sector pesqueiro, propiciada neste caso pola Consellería do Mar. Así, durante esta fin de semana no que a campaña se desenvolverá nas Rías Baixas, os mariñeiros facilitarán o traballo do buque oceanográfico Ángeles Alvariño retirando os aparellos das zonas de traballo previstas.

De igual forma, entre Porto e Figueira da Foz, os pescadores lusos levarán a cabo unha serie de pescas que complementarán o traballo do buque Ángeles Alvariño.

Na campaña participa tamén o Instituto Português do mar e da Atmosfera (IPMA)

O golfo de Biscaia, entre Galicia e ata a Bretaña francesa será cuberto polo buque Ramón Margalef, tamén do IEO, no marco da campaña JUVENA, que ten como obxectivo estimar a forza de recrutamento do boquerón, pero que adicionalmente observará o da sardiña.

Ambos os buques, de aspecto e equipamento semellante, traballarán tamén cunha metodoloxía similar; ademais dos equipos de acústica e pesca, levarán tamén persoal para realizar a caracterización hidrolóxica das augas, o plancto, así como observadores de aves e mamíferos mariños.

Conseguirase, deste xeito, unha cobertura sinóptica, como unha foto da comunidade peláxica das augas do atlántico europeo entre Brest e o Algarve, nunca realizada con anterioridade, o que dá conta da implicación dos institutos de investigación IPMA, IEO e Azti, dependente este último do goberno vasco, na sustentabilidade e o bo estado ambiental dos ecosistemas mariños.

Os resultados desta campaña serán analizados durante o mes de outubro e presentados nos foros científicos internacionais dependentes de Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES polas súas siglas en inglés) no mes de novembro.

O Instituto Español de Oceanografía (IEO), é un organismo público de investigación (OPI), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, dedicado á investigación en ciencias do mar, especialmente no relacionado co coñecemento científico dos océanos, a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e o medio ambiente mariño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización