Na actualidade, unha zona pixelada oculta as instalacións militares do Iroite. Fonte: Google Maps.
Na actualidade, unha zona pixelada oculta as instalacións militares do Iroite. Fonte: Google Maps.

Monte Iroite: a base militar que Google Maps oculta en Galicia

A base do Escuadrón de Vixilancia Aérea nº10 do Exército do Aire aparece pixelada, ao igual que numerosas instalacións militares de todo o mundo

A evolución das tecnoloxías da información e comunicación nos últimos decenios fixo posible que só cun teléfono móbil e conexión á rede poidamos visitar practicamente calquera lugar do mundo. Tanto por terra como por aire, ferramentas como Google Maps e Google Street View convértennos en turistas virtuais. Pero, con todo, hai lugares que seguen na sombra, case sempre por cuestións de seguridade nacional. Mesmo hai quen dedica o seu tempo a enumerar todas estas zonas, case sempre vinculadas ás forzas armadas dos distintos países do mundo. E en Galicia só existe un enclave militar que aparece pixelado respecto ao seu arredor: a sede do Escuadrón de Vixilancia Aérea (EVA) número 10, situado no monte Iroite, na serra do Barbanza.

Entrada ás instalacións do EVA-10 no Iroite. Fonte: Google Street View.
Entrada ás instalacións do EVA-10 no Iroite. Fonte: Google Street View.

Este escuadrón, creado en 1980, é un dos asentamentos destinados a controlar o espazo aéreo español, e conta cunha estación radar e de comunicacións do Sistema de Mando e Control Aéreo. Ademais da actividade militar, desde o lugar colabórase con organismos como Salvamento Marítimo, a Axencia Estatal de Meteoroloxía ou a Universidade de Santiago de Compostela.

Segundo recolle a web do Exército do Aire, escolleuse o cume do Iroite por tratarse dun lugar idóneo para vixiar a zona noroeste da península Ibérica. E precisamente pola súa importancia estratéxica, fontes do propio Exército do Aire explican a GCiencia que “por cuestións de seguridade” se protexen determinadas instalacións como a do Barbanza. Son peticións, engaden, que se adoitan realizar dende a Presidencia do Goberno aos responsables da toma destas imaxes para protexer os enclaves estratéxicos de potenciais ameazas.

O caso do Iroite é o único no territorio galego que se oculta por cuestións de seguridade. O aeródromo militar de Lavacolla, en Santiago, con funcións de apoio loxístico e seguridade para unidades dos tres exércitos, non aparece oculto. Hai máis instalacións militares, pero non aparecen pixeladas, senón que se poden ver con todo detalle, mesmo en relevo, como os peiraos da Armada en Ferrol ou Marín. Do mesmo xeito, a illa de Tambo, na ría de Pontevedra, tamén parece pixelada debido a que segue baixo xurisdicción militar.

Outras instalacións militares, como o peirao de Ferrol, poden verse con detalle. Fonte: Google Maps.
Outras instalacións militares, como o peirao de Ferrol, poden verse con detalle. Fonte: Google Maps.

A razón hai que buscala nas fontes que achegan estas imaxes a xigante de internet. Segundo explican desde Google España, “Google Earth fornécese cunha gran cantidade de provedores de imaxe, incluíndo fontes públicas, gobernamentais, comerciais e do sector privado, algunhas das cales pixelan as imaxes antes de subministrárnolas“. Do mesmo xeito, indican: “Esforzámonos por publicar as imaxes que sexan máis útiles, e temos en conta moitos factores para determinar que imaxe é a óptima (a data, a resolución ou a claridade)”.

A confidencialidade deste enclave militar no Iroite non é, con todo, moi difícil de descifrar. Na propia páxina do EVA-10 aparece unha fotografía aérea das instalacións (iso si, algo antiga, a xulgar polos vehículos da imaxe e a paisaxe). E o propio Instituto Geográfico Nacional amosa sen ‘censura’ as instalacións desde o aire. Así, a base do Iroite aparece oculta no último PNOA (2017), pero pode verse en todos os anteriores. O máis recente, é o de 2014, como se pode ver baixo estas liñas.

Imaxe aérea da base do Iroite no Plan Nacional de Ortofotografía Aérea de 2014. Fonte: IGN.
Imaxe aérea da base do Iroite no Plan Nacional de Ortofotografía Aérea de 2014. Fonte: IGN.

En España, outras instalacións de maior tamaño, como a base militar de Torrejón de Ardoz, a fortaleza de Isabel II en Menorca (o lugar máis oriental do territorio estatal) ou a zona da Armada en Cartagena destacan pola súa pouca definición respecto aos puntos do seu arredor. No resto do mundo, son chamativos casos como o de Israel, onde a calidade das imaxes aéreas de gran parte do territorio é moito menor do habitual.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.