Xoves 18 Abril 2024

Lourditas, a femia de polbo de acuicultura, xa nada cos seus fillos

Os científicos do Instituto Español de Oceanografía e Pescanova dan un novo paso ao desenvolver a segunda xeración de "Octopus vulgaris" en catividade

O fito científico que os investigadores dos Centros Oceanográficos de Vigo e Canarias e a empresa Pescanova anunciaron hai algo menos dun ano, como adiantara no seu momento GCiencia, acaba de dar un novo paso. Lourditas, a femia nacida en catividade que puxo os ovos hai uns meses, xa convive coas súas crías, unha vez superado o colo de botella que causaba mortalidades que non eran asumibles para facer rendible o cultivo do cefalópodo. Os investigadores involucrados no proxecto informaron que ata medio cento de crías superaron esta fase crítica. É a primeira vez na historia que se consegue.

A supervivencia desta xeración de polbos de acuicultura supón unha nova meta superada polo equipo que conforman os científicos Ricardo Tur –investigador principal—, Pablo García, Pablo Touriñán e Asela Ruíz, integrados na actualidade no departamento de I+D do Pescanova Biomarine Center, que abrirá as súas portas o vindeiro ano no Grove.

Publicidade

Esta semana, a empresa está presentando aos medios en tres grandes tanques aos exemplares desta nova xeración de Octopus vulgaris. Os resultados obtidos ata o de agora aclaran un camiño que culminará coa produción e comercialización a gran escala dos polbos de piscifactoría, que poderían chegar ao mercado a partir de 2023.

Tal e como explicaba hai uns meses Ricardo Tur, “o polbo require unhas condicións mariñas moi específicas para o seu desenvolvemento, como a dispoñibilidade de alimento e factores oceanográficos óptimos relacionados coa temperatura, a salinidade, as correntes oceánicas e o benestar do animal”. Por isto, a taxa de supervivencia dun polbo salvaxe é do 0,0001% mentres que, cos resultados que está a obter Pescanova ata o momento elévase ata o 50%.

A fase crítica atópase na transición dos animais desde a súa fase larvaria ata que se converten en adultos Os investigadores adscritos á empresa galega conseguiron superala grazas a un sistema revolucionario que cambiou por completo a forma de enfrontarse ao problema, con importantes novidades no apartado da alimentación e no protocolo de cultivo.

Ata o momento, moitos proxectos baseábanse ata a data utilizaban unha dieta de larvas de centola que, ademais de resultar pouco económica, obrigaba a unha complicada  sincronización das postas do crustáceo e os polbos. Ademais da dieta alternativa, o novo sistema, con técnicas vinculadas ao proxecto Octowelf, reduce os custos e eleva  de forma exponencial a supervivencia dos alevíns.

O momento crítico é o do asentamento da paralarva, cando o individuo cambia de función e de alimentación e baixa ao fondo da columna de auga. É un proceso que pode durar 15 ou 20 días, que nos actuais ensaios supérase cunha porcentaxe de supervivencia superior ao 65%, moi por encima do 3% habitual en catividade. Son índices que sitúan o proxecto moi próximo ao seu desenvolvemento comercial. Superada esa fase, as propias condicións da especie favorecen a súa cría industrial, xa que unha femia pon ata medio millón de ovos e son animais de rápido crecemento, que poden alcanzar un peso dun quilo en apenas un ano.

A femia Lourditas, despois da posta de ovos. Fonte: Pescanova.
A femia Lourditas, despois da posta de ovos. Fonte: Pescanova.

Supervivencia das nais

A supervivencia da nai tras a posta é tamén outro obstáculo superado polos científicos. O habitual nos individuos do polbo vulgar salvaxe é que, tras superar ese proceso, a femia incube e protexa á súa  progenie ata a eclosión da totalidade dos ovos, un período no que non se alimenta, o que lle provoca a morte aproximadamente un mes máis tarde. Os científicos do Biomarine Center lograron salvarlle a vida.

Lourditas pesa na actualidade uns catro quilos e medio. Agora nada nas instalacións de Pescanova en Chapela, na ría de Vigo, nun tanque de 500 litros, situado xusto debaixo doutro de 80 litros no que flotan medio milleiro de larvas recentemente  eclosionadas. A exposición complétase cun terceiro tanque de forma octogonal no que conviven 50 larvas asentadas e 80 preasentadas con medio cento de alevíns de ata 65 días, xa con forma de polbo, de entre 500 e 800 miligramos de peso. Todos os exemplares, nas súas distintas fases, son fillos de  Lourditas e de Goliath, macho tamén criado en catividade.

A supervivencia desta segunda xeración culmina así o proceso que comezou en xullo de 2018, coa incubación dunha femia salvaxe. En agosto naceron as larvas, entre elas Lourditas, que supuxeron o fito científico. En xullo deste ano, Lourditas puxo os ovos, e en agosto eclosionaron.

O nome da femia foi elixido polos investigadores precisamente polo “milagroso” que, en broma, consideraban a posibilidade de lograr a supervivencia das larvas. “Milagros, a Lourdes”, adoitaban dicir.

Relacionadas

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia

Cal é o alimento que desencadea o pracer nos peixes?

Coñecer os mecanismos de motivación pola comida podería mellorar a eficiencia económica das empresas dedicadas á acuicultura

h

Un equipo galego revisa a literatura científica sobre estes eventos dende comezos do século XX ata a data

O CIM participa na creación dunha rede europea de infraestruturas de investigación

O obxectivo é mellorar os servizos en acuicultura, pesca e economía azul das institucións que forman o consorcio