Xoves 25 Abril 2024

O polbo de piscifactoría pode chegar aos mercados en catro anos

O polbo de piscifactoría chegará aos mercados “en catro ou cinco anos“, despois de que se complete o ciclo de engorde para a súa comercialización. Así o aseguraron onte mércores a GCiencia investigadores responsables do fito histórico da cría en catividade deste cefalópodo. Aínda queda por diante moito traballo de investigación, pero o avance máis decisivo xa está feito e patentado.

Os científicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO) conseguiron agora superar a fase crítica que durante máis de 20 anos impedía criar polbo de acuicultura, tal e como adiantou en primicia GCiencia hai dúas semanas. Pero aínda queda un camiño para a súa chegada aos mercados, no que de feito participarán os propios investigadores, xa da man de Pescanova, despois de que adquirise un dereito preferente sobre a patente.

Publicidade

O Instituto Español de Oceanografía (IEO) anunciou este xoves que científicos do Oceanográfico de Vigo conseguiron, mediante técnicas “revolucionarias“, superar o colo de botella que impedía a supervivencia das larvas antes de pasaren á etapa xuvenil; unha fase cunhas taxas de mortalidade que facían imposible a viabilidade comercial do cultivo. E ante estes achados a empresa Pescanova, que xa estaba en negociacións co equipo científico e o IEO, xa mercou a patente e incorporará ao seu grupo de I+D aos investigadores que fixeron posible este fito histórico.

As probas realizadas no IEO de Vigo por Ricardo Tur – xa contratado desde hai uns meses por Pescanova- Pedro Domingues, Eduardo Almansa, Pablo García, Pablo Touriñán, Evaristo Pérez e María Lago, baseáronse nun novo protocolo de cultivo que aumentou por riba do 60% a supervivencia das paralarvas, ademais de reducir os custes na alimentación. Uns resultados “espectaculares”. Ata o de agora, era moi difícil atopar alternativas á alimentación das crías de polbo nesta etapa crítica, na que consumían larvas de centola: un produto caro, e que ademais obrigada a facer coincidir no tempo as postas do crustáceo e dos polbos.

Fase crítica

Tal e como afonda hoxe o anuncio do IEO, o asentamento da paralarva é unha fase crítica, xa que ademais de mudar a súa alimentación, é o momento no que estes cefalópodos descenden ata o fondo do mardesde a columna de auga. Ata agora, as mellores cifras apenas superaban o 3% de supervivencia.

Unha vez superado este colo de botella, a investigación terá que pechar o ciclo ata a fase adulta, mediante técnicas de engorde. Porén, agárdase que non haxa dificultades, xa que no caso dos polbos salvaxes é unha tarefa que se leva facendo desde a época romana, e en Galicia segue habendo plantas de engorde das crías, que son alimentadas con descartes de peixe e crustáceos de baixo valor comercial. Nesta fase recae unha das principais ventaxas do cultivo do cefalópodo, xa que ten un enorme potencial reprodutivo e de crecemento: dun peso de miligramos pasa a pesar máis dun quilo en só un ano, e cada femia pode poñer centos de miles de ovos.

Cría de polbo obtida nos cultivos realizados este ano no IEO.

Cría de polbo obtida nos cultivos realizados este ano no IEO.

E unha vez pechada esta fase, o polbo de acuicultura estará dispoñible para o consumidor. Os investigadores son prudentes, e calculan que non estará nas peixerías ata dentro de catro ou cinco anos.

Nos últimos meses, de portas para adentro xa se viña comentando que o anuncio deste fito podería ser inminente. O científico Pedro Domingues deixou caer o pasado 10 de outubro no foro ACUI celebrado no Grove, algúns dos avances: “Desta vai, sen ningunha dúbida”. Tras adiantar “resultados espectaculares”, non comentou máis detalles. Agora confírmase que Pescanova comezará a desenvolver os traballos no seu novo centro de I+D, actualmente en construción no concello do Grove.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia

h

Un equipo galego revisa a literatura científica sobre estes eventos dende comezos do século XX ata a data

Un equipo de Vigo estuda como mellorar a pesca de arrastre para protexer os cetáceos

O IEO está probando dispositivos para reducir os descartes e evitar a captura accidental de especies protexidas

A temperatura da ría de Vigo foi estable ata 2020: estamos ante un cambio brusco de ciclo?

Un equipo do IEO recoñece que está sendo un "verán atípico" e con valores moi altos nas Rías Baixas, pese á tendencia dos últimos 30 anos