O Xatcobeo foi o primeiro satélite galego lanzado ao espazo. Foto: AttlanTIC.

O Xatcobeo foi o primeiro satélite galego lanzado ao espazo. Foto: AttlanTIC.

Cando a revolución do ‘low cost’ levou a Galicia ao espazo

Vigo acolle un congreso de estatal de 'New Space', a disciplina nacida da redución de custos que deu lugar aos nanosatélites como o Xatcobeo

A redución de custos puxo en marcha hai uns anos unha auténtica revolución no sector aeroespacial, ata ese momento copado por grandes axencias e corporacións, dando entrada a novas empresas e organizacións. Peza central nese proceso de democratización do espazo, coñecido como new space, son os nanosatélites, que no caso de España iniciaron a súa carreira co Xatcobeo, o cubesat deseñado e construído pola Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, lanzado ao espazo o 12 de febreiro do ano 2012. Transcorridos case sete anos desde ese fito e 11 desde que comezou a carreira aeroespacial na institución académica, Vigo se converterá no epicentro do new space o vindeiro 29 de novembro, co gallo da celebración de New Space España. Organizado pola propia universidade, o Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (Cinae) e a spin-off Alén Space, o evento, o primeiro sobre new space que se celebra en España, reunirá a máis dun cento de representantes, tanto de novas empresas, coma de grandes axencias e corporacións aeroespaciais.

Presentación de New Space España. De esquerda a dereita, Fernando Aguado, Manuel Reigosa e Aarón Nercellas. Foto: Duvi.

Presentación de New Space España. De esquerda a dereita, Fernando Aguado, Manuel Reigosa e Aarón Nercellas. Foto: Duvi.

“Será un evento moi importante con presenza de persoas moi importantes”, asegurou o reitor, Manuel Reigosa, na presentación do evento, que se desenvolverá na sede de Afundación, en sesións de mañá e tarde. Na súa intervención Reigosa, que estivo acompañado polo responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, Fernando Aguado, e polo cofundador de Alén Space, Aarón Nercellas, destacou o traballo desenvolvido durante máis dunha década na institución académica viguesa no ámbito aeroespacial, asegurando que “facemos país nun tema punteiro. No nicho da democratización do espazo estamos ben colocados, temos grupos punteiros, como o de Fernando, que son punta de lanza no sector”, dixo o reitor.

A UVigo lanzou nos últimos seis anos máis do 50% dos nanosatélites de España

Coa participación confirmada, a tres semanas vista da celebración do evento, de máis dun centro de profesionais do sector aeroespacial, New Space España “reunirá por primeira vez no país ás empresas do new space, á industria máis potente e a empresas e institucións que apoian e financian estes proxectos”, explicou Aarón Nercellas, que sinalou que o evento tamén servirá poñer en valor “o potente polo que existe en Galicia en relación co campo dos nanosatélites”. No mesmo sentido, se pronunciou Fernando Aguado, para quen “que este evento de primeiro nivel nacional se faga en Vigo é un recoñecemento por parte das institucións e as empresas ao traballo ben feito desde da Universidade de Vigo”, dixo o investigador en relación co papel da institución, que nos últimos seis anos lanzou máis do 50% dos nanosatélites de España.

Baixo o título Oportunidades de negocio fóra da Terra, no evento daranse cita os principais axentes do sector de new space (PLD, Aistech, DHV Technology, Satlantis, Alén Space…), as grandes empresas do sector aeroespacial español (Airbus, Everis, Deimos, GMV…) e entidades e institucións cun protagonismo relevante no sector (INTA, Plataforma Tecnológica Aeroespacial Española, GAIN…). Ao longo da xornada sucederanse as intervencións sobre new space con mesas redondas nas que se abordarán cuestións como os retos e novas oportunidades dos novos satélites; o new space e a industria aeroespacial española e o financiamento e apoio ao desenvolvemento do sector.

Tras agradecer o apoio dos patrocinadores do evento (Abanca, Alter Technology Group, Everis, Gain e Wind One Advisor) e lembrar os fitos máis salientables da carreira aeroespacial da Universidade de Vigo, Nercellas e Aguado destacaron a importancia de conseguir que na cidade se dean cita “non só as empresas de new space, que nacen como start ups que buscan financiamento semente para desenvolver aplicacións nicho a través de constelacións de pequenos satélites, senón tamén referentes como Airbus, que participan en grandes misións ou empresas como PLD que vai construír o primeiro foguete que vai poñer en órbita satélites con tecnoloxía española. É dicir, temos unha integración multidisciplinar transversal das capacidades que se poden realizar en España”, sinalaron.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.