Domingo 6 Outubro 2024

Novo fito científico en Galicia: conseguen a reprodución de polbos de piscifactoría

Investigadores do Oceanográfico de Vigo e Pescanova conseguen que os polbos criados en catividade teñan descendencia

Investigadores do Grupo Nova Pescanova e o Instituto Español de Oceanografía, adscritos ao Oceanográfico de Vigo, acaban de conseguir un novo fito histórico na acuicultura en Galicia: despois de que o ano pasado conseguiran criar polbo común (Octopus vulgaris) en catividade, acaban de anunciar que un destes polbos conseguiu reproducirse e ter crías nun entorno fóra do seu hábitat natural, o que supón un avance de gran relevancia nestas investigacións.

Fases do crecemento dos polbos nacidos o ano pasado en catividade: Á esquerda, polbo con 195 días de idade, no paso de xuvenil á adulto; á dereita, polbo xuvenil, con 150 días de idade. Fonte: Pescanova.
Fases do crecemento dos polbos nacidos o ano pasado en catividade: Á esquerda, polbo con 195 días de idade, no paso de xuvenil á adulto; á dereita, polbo xuvenil, con 150 días de idade. Fonte: Pescanova.

Despois de décadas de traballos en institucións de todo o mundo, o paso acadado en Galicia sitúa a Pescanova e o IEO na vangarda internacional. O equipo galego leva tempo traballando con 50 polbos nacidos xa en catividade en 2018, pertencentes á especie do polbo común, a máis consumida en Galicia e España e que se produce sobre todo no océano Atlántico e Mediterráneo.

Publicidade

A investigación comezouna o Instituto Español de Oceanografía, que logrou a supervivencia de exemplares xuvenís nacidos en acuicultura e, unha vez chegado a un acordo en exclusiva sobre a patente, Pescanova avanzou coa investigación nas súas instalacións. Segundo informa a empresa, os polbos, dos que a metade son femias, alcanzaron a idade adulta e un deles realizou xa unha posta de ovos, aos que estará coidando ata aproximadamente dentro dun mes, cando eclosionarán.

Segundo explica Ricardo Tur, Investigador Principal de Cefalópodos de Pescanova, “o polbo require unhas condicións mariñas moi específicas para o seu desenvolvemento, como a dispoñibilidade de alimento e factores oceanográficos óptimos relacionados coa temperatura, a salinidade, as correntes oceánicas e o benestar do animal”. Por isto, a taxa de supervivencia dun polbo salvaxe é do 0,0001% mentres que, cos resultados que está a obter Pescanova ata o momento, esta cifra estímase que se elevará ao 50% en acuicultura.

Publicidade

Estímase que a taxa de supervivencia pase do 0,0001% das condicións naturais ao 50% da acuicultura

Deste xeito, segundo Tur, as perspectivas para as crías son moito mellores: “Nas instalacións de Pescanova, as condicións están controladas; é dicir, libres de depredadores, de contaminación, de correntes, tormentas ou obxectos á deriva, como simplemente un tronco, que ao ter o polbo un corpo xelatinoso, mataríaos. Ter todo isto controlado permite obter unhas supervivencias moito maiores ás do medio salvaxe”.

A femia que puxo os ovos, segundo explican desde Pescanova, recibiu o nome de Lourditas, a raíz das brincadeiras dos investigadores. “Milagres, a Lourdes”, dicían ao pensar que non conseguirían pechar o ciclo reprodutivo despois de decenios de investigacións sen resultado. Pola súa banda, o pai dos ovos que eclosionarán nunhas semanas recibiu o nome de Goliath.

O obxectivo da compañía é continuar explorando opcións para unha futura comercialización do polbo, como resposta á alta demanda a nivel internacional nos últimos anos, o que provocou unha crecente escaseza de polbo salvaxe e, por tanto, un problema de sustentabilidade do medio mariño. Como asegura o CEO da compañía, Ignacio González, “continuaremos investigando en como seguir mellorando o benestar dos polbos, estudando e replicando o seu hábitat natural, coa previsión de poder comezar a comercializar polbo de acuicultura a partir do ano 2023”.

O cultivo de polbos será unha das principais liñas de estudo que realizará o Pescanova Biomarine Center, un dos centros de I+D+i de referencia internacional que abrirá as súas portas no Grove en 2020, e cuxo equipo xa comezou o seu labor investigador desde as instalacións de Nova Pescanova en Chapela (Vigo). Tal e como explica o director xeral do Pescanova Biomarine Center, David Chavarrías, “segundo a FAO, actualmente o 50% do peixe que se consome no mundo provén da acuicultura, e está previsto que a cifra ascenda ao 66% en 2030”. Con este traballo, a compañía avoga pola acuicultura como método para reducir a presión sobre os caladoiros e garantir os recursos sustentables, seguros, saudables e controlados, complementando á pesca.

O ano pasado, GCiencia adiantou o primeiro dos fitos acadados polos investigadores galegos, cando conseguiron que os polbos sobreviviran en catividade:

Científicos logran o fito histórico de criar polbo de acuicultura

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O científico galego que regresa de Edimburgo para estudar a sostibilidade na acuicultura

Diego Robledo volve a Galicia cunha investigación para facer que os peixes sexan máis resistentes fronte ás enfermidades
00:00:36

Científicos de Vigo empregan drons para estudar a saúde do rorcual nas Rías Baixas

A campaña RorquGAL pretende caracterizar xenéticamente á poboación galega destes cetáceos

Achada unha nova especie de esponxa na Ría de Arousa

O Instituto Español de Oceanografía e o Grupo de Estudo do Medio Mariño de Riveira publicaron o descubrimento

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia