Hai cemiterios en Galicia, sobre todo nas zonas máis despoboadas da parte oriental, onde as persoas morren máis dunha vez. Acontece tamén nos camposantos onde a xente aínda acode a visitar a quen xa non está; de cando en vez vense nichos con flores murchas, ou ben de plástico, para quen non pode ou non quere refrescar cada pouco a lembranza con ramos novos. Pero existen tamén lugares, diciamos, nos que a xente morre de novo porque ninguén visita os cemiterios. Un destes exemplo está na igrexa de San Pedro de Esperante, no Courel, onde a herba xa medra por riba das tumbas do camposanto sen que ninguén a manteña a raia.
Son lugares onde os vivos xa case tampouco están. En Folgoso do Courel, por exemplo, a poboación caeu un 84,1% desde o ano 1900. De máis de 6.000 habitantes pasouse a menos de 1.000. Con todo, os cemiterios, moitos case abandonados, onde por non haber xa non hai enterros, seguen amosando como eran estes lugares antes do éxodo. E os mapas, como moitas veces, axudan a ver como está a situación. Así o fixo o investigador da Universidade de Santiago Dominic Royé, experto en sistemas de información xeográfica, que a partir dos datos do Instituto Galego de Estatística e de Open Street Maps cartografou a densidade de cemiterios nos concellos de Galicia.
Segundo os datos recollidos por Royé, Samos é o municipio con maior densidade de cemiterios por cada 1.000 habitantes, con 14,7 camposantos. E en canto á área, é outro municipio lucense, Pol, o que máis espazo ten para cada persoa nos seus camposantos (10,5 metros cadrados por habitante).
Aclara o xeógrafo da USC, que pode haber inexactitudes nos datos, debido a factores como a dificultade de cartografar todas as áreas catalogadas como cemiterios, a construción de novos recintos, o solapamento e desaparición dalgúns deles debido a diversas obras e reformas nos adros das igrexas, onde adoitan estar moitos dos camposantos.
Despoboamento e parroquias, factores clave
Explica Royé que a idea xurdiu a partir dun cartógrafo estadounidense que traballa para a axencia meteorolóxica NOAA, e que analizou os cemiterios no país norteamericano. “Había patróns curiosos, como que as maiores densidades se daban nos lugares onde houbo máis batallas durante a Guerra de Secesión, por exemplo”.
Xurdiu entón a pregunta de como sería a distribución en Galicia e España, que Royé difundiu a través das redes nas últimas semanas, coincidindo coa proximidade da festividade de Todos os Santos. Conta que hai dous factores principais que explican a diferente distribución dos camposantos no país. Por unha parte, o despoboamento do leste de Galicia, sobre todo nas montañas de Lugo e Ourense, provoca que persistan camposantos en parroquias onde hoxe apenas quedan veciños.
E por outra banda, a outra pata desta densidade é a cantidade de parroquias existentes en cada concello. Polo menos cada unha delas, xunto coa súa igrexa, conta co seu camposanto, case sempre situado no adro do templo, e coa maioría dos enterramentos en forma de sepultura. Este tipo de cemiterio é, segundo a clasificación realizada por autores como Antonia Pérez Naya (2005), o máis habitual nas zonas rurais de Galicia, aínda que nos últimos anos deu paso aos cemiterios construídos de novo, que adoitan estar afastados dos núcleos de poboación, e con enterramentos en forma de nicho, aumentando a superficie dispoñible para as sepulturas.
Así, na Galicia occidental, cun elevado número de habitantes por cada parroquia e unha densidade de poboación maior, os cemiterios son de maior tamaño sobre todo nas vilas. E na zona oriental, ademais do despoboamento, o factor do relevo provoca que os cemiterios aparezan en maior número. Unha das posibilidades para explicar esta situación é que moitas veces, en zonas illadas, os traxectos para levar os cadaleitos ao cemiterio eran complicados, e por iso moitas aldeas tiñan o seu propio camposanto. Isto vese no mapa en zonas como Valdeorras, O Courel ou os Ancares, onde lugares case abandonados manteñen os seus cemiterios. Así, concellos como A Veiga, Samos, Navia de Suarna, O Incio ou Cervantes, con máis de 20 parroquias, teñen menos de 70 habitantes de media por cada unha delas.
O xeógrafo realizou tamén os cálculos para o resto de España e Europa, que se poden ver baixo estas liñas, e que amosan, sobre todo no caso da Península, a presenza de camposantos nas zonas de menor densidade de poboación.
¿Te has preguntado dónde se encuentran más cementerios en España peninsular? #mapa #datavis #halloween #rstats #OpenStreetMap #gis
(inspirado en @jscarto) pic.twitter.com/kycDh7vQZs
— Dominic Royé (@dr_xeo) October 13, 2019