No ano 1900, seis dos 15 municipios con máis poboación de Galicia estaban na provincia de Lugo. Eran a capital lucense (2º), A Fonsagrada (8º), Chantada (11º), Vilalba (13º), Pantón (14º) e Monforte de Lemos (15º). E ademais, Viveiro, Sarria, O Saviñao, Mondoñedo e Guitiriz superaban os 10.000 habitantes no seu censo. Hoxe, 119 anos despois, os últimos datos só deixan a Lugo, Monforte, Viveiro, Vilalba, Sarria e Foz por riba dese nivel. É só un dos moitos exemplos que expoñen o gran cambio na distribución da poboación no territorio galego: mentres o eixe atlántico medrou a gran velocidade desde comezos do século XX, miles de aldeas do interior (tamén na Coruña e en Pontevedra) foron baleirándose, ano a ano.
O papel demográfico de Galicia no conxunto de España viuse notablemente mermado desde entón. Así, mentres o crecemento poboacional galego foi de arredor do 37%, España medrou nun 150%.
Sirva de ilustración o dado de que mentres a poboación galega medrou un 37% entre 1900 e2017, a española fíxoo nun 150%.
Alén dos cambios administrativos e territoriais (deslindes, fusións, segregacións, etc.) a grande parte dos concellos de Lugo e Ourense teñen hoxe menos habitantes ca en 1900. Mentres naquel momento as provincias orientais representaban máis do 44% do total de habitantes de Galicia, con case 870.000 persoas (Lugo mesmo superaba a Pontevedra), hoxe o reparto é totalmente distinto. Das arredor de 2.700.000 persoas censadas nalgún dos 313 concellos galegos, Lugo e Ourense só representan xa o 23,71%, con 640.000 persoas.
Ourense *
As zonas montañosas de Ourense encabezan o retroceso demográfico nos últimos 118 anos. Así, A Veiga, un dos municipios con maior superficie do país, que hoxe está por debaixo dos 1.000 habitantes, chegou a ter preto de 7.000 no ano 1900. É o maior descenso en porcentaxe, seguido da Teixeira (-85,78%), San Xoán de Río (-84,88%) e Chandrexa de Queixa (-84,2%). Parada de Sil, O Bolo e Montederramo tamén perderon 8 de cada 10 habitantes.
Pola contra, só 10 concellos (Ourense, Barbadás, Verín, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Xinzo de Limia, O Carballiño, San Cibrao das Viñas, Celanova e Ribadavia), incrementaron a súa poboación desde entón.
*NOTA: Nos datos e no mapa non se inclúen os concellos que foron anexionados despois de 1900, como é o caso de Vilanova dos Infantes (Celanova), Canedo (Ourense) ou Moreiras (Xinzo de Limia), así como Ramirás, creado pola fusión de Freás de Eiras e Vilameá de Ramirás.
Lugo *
Do mesmo xeito que en Ourense, a perda demográfica na provincia lucense foi máis acentuada nas zonas montañosas. Folgoso do Courel, que pasou de 6.413 habitantes en 1900 a 1.018 en 2018, cunha caída do 84,13%, é o municipio con maior descenso. Ségueno Navia de Suarna, Samos, Ourol, Cervantes, Muras, Pantón e O Incio, tamén cun retroceso no censo superior ao 80%.
Pola contra, o único ascenso rexístrase, ademais de na capital, noutras seis vilas: Foz, Monforte de Lemos, Viveiro, Ribadeo, Sarria e Vilalba. Cómpre subliñar tamén que Cervo (do que se segregou Burela en 1995), só perde un 12% respecto a 1900, polo que tamén se podería situar nos municipios con saldo demográfico positivo ao incluír naquel ano os habitantes do que hoxe é Burela.
*NOTA: Nos datos e no mapa non se inclúen algúns dos cambios acontecidos desde 1900, como a división de Negueira de Muñiz e A Fonsagrada, a segregación de Rábade de Begonte, a de Ribeira de Piquín de Meira, e a de Burela de Cervo, o cambio de nome de Vilameá e a súa fusión con Vilaoudriz para formar A Pontenova, entre outros.
Numerosos traballos demográficos teñen analizado polo miúdo esta cuestión. Tal e como expoñen autores como os investigadores da UVigo Alberto Pazo e María Pilar Moragón, nun artigo titulado Cartografía do despoboamento na Galicia oriental. Análise a escala parroquial, publicado en 2010, o devalo demográfico no rural da Galicia interior comeza a percibirse nalgunhas zonas desde do 1900, aínda que os movementos cara os núcleos municipais e comarcais ocultan en certa media o despoboamento.
A fenda prodúcese, segundo estes autores, a partir de 1950. Un “cambio brutal na paisaxe que se debuxaba anteriormente”. Así, segundo a análise a nivel parroquial realizada por Pazo e Moragón, “un 95,8% dos espazos parroquiais ourensáns e un 94,9% dos lucenses perden poboación neste período”. Non en tanto, o reseñable é, sobre todo, a magnitude destes descensos: “un 69,3% das parroquias ourensás e un 62,9% das lucenses perden neste lapso máis do 50% dos seus efectivos”. Só as capitais comarcais e algúns núcleos costeiros do norte de Lugo se salvan desta caída xeralizada.
Nos últimos anos, o éxodo non parece frearse. Despois do traballo publicado en 2010, os mesmos autores presentaron en 2018 outro artigo que evidencia o aceleramento da situación. “A visualización da catástrofe“, titularon o traballo. Nel, expoñen que entre 2000 e 2015 máis do 87% das parroquias de Lugo e Ourense perderon poboación. De feito, hai xa arredor dunha decena de parroquias que xa están abandonadas. Unha situación que tamén é notoria na Coruña e Pontevedra, co movemento cara aos principais núcleos de poboación.