“Pescadores de plásticos”, un novo vídeo divulgativo da UVigo

Ricardo Beiras, do grupo Ecotox, conduce este audiovisual que conciencia sobre a importancia de librar o mar de plásticos

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemorou o 5 de xuño, e do Día Mundial dos Océanos, que se celebra o vindeiro sábado, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo afonda, a través dunha nova peza audiovisual, nunha realidade preocupante para a contorna: o deterioro da saúde dos mares por mor dos plásticos.

No vídeo Pescadores de plásticos o director do grupo Ecotox do CIM-UVigo, Ricardo Beiras, explica a implicación da institución académica na loita contra este problema a través do proxecto de investigación Repesca_Plas, incidindo na idea en que “temos que ser conscientes de que o mar non é o vertedoiro onde debe rematar o lixo que nós xeramos en terra. Ese lixo temos que procesalo adecuadamente e evitar que chegue ao mar”.

Publicidade

Desde 2017, o equipo de investigación que lidera Beiras traballa nesta cuestión en colaboración con Aimplas (Instituto Tecnológico del Plástico de Valencia), a Fundación Global Nature, a Asociación Vertidos Cero e as Confrarías de Pescadores de Gandía, Marín e Vigo.

O seu principal obxectivo é ampliar o coñecemento sobre os residuos plásticos e reducir o seu impacto no medio ambiente.

Publicidade

O investigador explica no vídeo da UCC+i que “o papel que ten a Universidade de Vigo no proxecto Repescaplas é intentar avaliar a toxicidade dos plásticos que os pescadores recollen do mar e traen a porto. Todos sabemos que a maioría non se degradan e, por tanto, poden permanecer centos de anos no mar”.

Ademais, o director de Ecotox sinala que “un descubrimento científico recente indica que estes obxectos, en xeral, se fragmentan en plásticos cada vez máis pequenos, denominados microplásticos, que son inxeridos polos organismos mariños e pasan ás cadeas tróficas, polo que é importante estudar os efectos destes microplásticos sobre as redes tróficas mariñas”, explica Beiras.

O docente e investigador da Universidade de Vigo destaca en Pescadores de plásticos que “ata o momento se están recollendo arredor dunha tonelada de residuos cada ano. Deses residuos, as tipoloxías máis frecuentes son bolsas de plástico, botellas, embalaxes pero tamén aparecen bastantes artes de pesca, nasas, restos de redes…”.

A divulgación deste vídeo está enmarcada no compromiso da Universidade de Vigo coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. Este plan de acción global establece a obriga de protexer o planeta contra a degradación, mediante o consumo e a produción sustentables, a xestión sustentable dos seus recursos naturais e a posta en marcha de medidas urxentes para facer fronte ao cambio climático.

A Axenda 2030 busca avanzar na prosperidade, na xustiza e na paz universal a través de 17 obxectivos, os denominados Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Concretamente, esta acción divulgativa vincúlase cos ODS Vida submariña (14) e Vida dos ecosistemas terrestres (15).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla