Xoves 25 Abril 2024

Grande expectación polo primeiro rexistro dun tiburón branco en Galicia

O achado da especie nesta zona do Atlántico Oriental, onde está en perigo crítico de extinción, supón un fito para a ciencia mariña

O tiburón branco (Carcharodon carcharias) causa menos mortes que o hipopótamo, as chinches os cans ou os mosquitos (os animais máis letais para o ser humano). Porén, a súa imaxe quedou ligada á dun voraz asasino por mor de episodios illados de ataques e, principalmente, pola ficción. Así, o avistamento dun exemplar da especie en augas galegas esta semana, no que supón o primeiro rexistro gráfico e inequívoco neste recuncho do Atlántico, xerou un certo temor, aínda que os expertos insisten en que non hai por que preocuparse. O acontecemento supón, de feito, un fito para a ciencia mariña en Galicia pois, a pesar de que esta costa está dentro da súa distribución, ata agora non se conseguira retratar este escualo.

As imaxes tomadas por José María Méndez Lanza na dársena do porto exterior de Punta Langosteira, en Arteixo, comezaron a circular desde a tarde do mércores. A expectación foi enorme e houbo quen dubidou da súa veracidade pola inexistencia de rexistros previos do tiburón branco. Tal e como contaba a GCiencia Toño Maño, experto nestes animais que leva moitos anos divulgando sobre a especie no seu blog Tiburones de Galicia, é habitual que circulen polas redes sociais imaxes atribuídas á costa galega que, en realidade, pertencen a outras partes do globo.

Publicidade

Con todo, desta vez parecía distinto. A propia Autoridade Portuaria da Coruña difundiu as imaxes, sen confirmar nun primeiro momento que se tratase dun branco, falando de forma xenérica dun tiburón.

Porén, ademais do autor das imaxes, outras testemuñas corroboraron a presenza do animal na dársena do porto exterior na tarde do mércores, o que levou a un importante número de expertos a interesarse por el. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) confirmou na mañá do xoves que o animal das imaxes era un tiburón branco.

Entre outros expertos, a CEMMA consultou a Gorka Ocio e Gonzalo Mucientes. Este último explica a GCiencia que hai varios trazos que permiten distinguir a especie do tiburón peregrino (Cetorhinus maximus) ou o marraxo azul (Isurus oxyrinchus) que se avistan de forma habitual no litoral galego. “A cor é máis pálida no manto, e cambia ventralmente á branca, mentres que no marraxo é máis azul brillante, con cambio gradual. Ademais, os ollos son moi negros e pequenos, coa cabeza máis ancha e menos afiada que a do marraxo”.

Pola súa parte, Toño Maño tamén contactou con Claudio Barría, biólogo mariño do Institut de Ciències del Mar de Barcelona e un dos impulsores da iniciativa Catsharks, asociación para o estudo de tiburóns e raias. Despois de analizar as imaxes e comprobar a súa veracidade, Barría destacou o “marabilloso e histórico avistamento”, apuntando que o tiburón branco se atopa en peligro crítico de extinción no Atlántico Oriental, isto é, nas costas europeas.

A cita anterior do tiburón branco, sen confirmar

Ao confirmarse o avistamento en Punta Langosteira, os ollos volvéronse sobre as citas anteriores da especie nesta zona do Atlántico. Nunha análise publicada en 2018, Mucientes e Maño fan referencia á cita do libro Guía dos Peixes de Galicia, publicada en 1983, na que os autores falan de seis exemplares capturados cun palangre de marraxo que foron descargados no porto da Coruña. Porén, non hai fotos nin máis rexistros deles, como tampouco se pode confirmar que a zona da captura estivese preto da costa galega.

Hai algunhas referencias nos últimos dous séculos, case todas elas dubidosas, nas costas do Golfo de Biscaia. Só dunha delas, a dunha femia xuvenil capturada por un barco que a levou ao porto de La Rochelle, en 1977, hai testemuña gráfica. Isto engade, por tanto, unha gran trascendencia científica ao achado da Coruña.

Que levou ao tiburón branco ata Langosteira? Non é facil descubrilo, por agora. Non houbo novos avistamentos, e postúlase que puidese seguir o rastro dos atúns, unha das súas fontes de alimento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As candorcas volven a Galicia e non se sabe o porqué: “Deberían chegar a finais do verán”

Os expertos detectan un cambio no comportamento destes cetáceos, que en primavera adoitan concentrarse no Estreito de Xibraltar
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano

“As toxicidades atraídas polos ‘pellets’ son unha ameaza para os animais mariños”

Dende a Cemma apuntan que o máis preocupante é o risco de afección que sofren os mamíferos acuáticos
00:00:25

Un lobo mariño na Coruña: "A chegada dunha femia adulta ás costas é inusual"

A Cemma segue a ruta deste exemplar dende o 30 de decembro, cando foi avistada en Burela