Desfruta o que poidas do aire libre: un estudo a grande escala constata múltiples beneficios

Unha revisión cos datos de máis de medio millón de persoas asocia un menor risco de trastornos depresivos con pasar máis tempo no exterior

O traballo constata que cada hora ´de exposición á luz solar redunda nun maior benestar. Foto: Pixabay.
O traballo constata que cada hora ´de exposición á luz solar redunda nun maior benestar. Foto: Pixabay.

Agora que se achega o inverno, e despois da inxección de luz solar que desfrutamos durante os meses de verán, o aumento das horas de escuridade son unha preocupación para moita xente, pola influencia que isto pode ter no estado de ánimo. E así o constata un traballo de investigadores da Universidade de Monash, en Melbourne (Australia), que despois de analizar a información coa situación de máis de 400.000 persoas dun banco de datos no Reino Unido atopan un vínculo entre o tempo que pasamos ao aire libre e un mellor estado anímico, un mellor descanso á hora do sono e un menor risco de padecer trastornos depresivos.

“Recibir luz durante o día é tan importante como evitala durante a noite”, resume o psicólogo e experto no estudo do sono Sean Cain, autor principal do artigo. Os estudos previos de Cain xa demostraran a influencia da luz artificial nocturna sobre o sono e os ritmos circadianos.

Neste novo estudo observacional, os científicos analizaron o efecto que a exposición á luz exterior tiña sobre a calidade do sono nestas 400.000 persoas do Biobanco do Reino Unido, unha gran base de datos que compila información sobre factores como exercicio, os hábitos de descanso, os diagnósticos médicos e outros indicadores de saúde.

Unha das cuestións destes datos analizaba o tempo que as persoas pasaban ao aire libre nun día de verán ou inverno. Segundo isto, os participantes no Biobanco informaron de que pasaban arredor de 2,5 horas ao aire libre. As persoas madrugadoras e as que tiñan maior actividade durante a mañá reportaban unha maior actividade exterior que as noctámbulas.

Existían estudos previos que xa demostraban os beneficios para a saúde de pasar tempo ao aire libre e en contornas naturais. Isto podería estar relacionado con que a luz natural é o sinal máis importante para os ritmos circadianos que regulan o funcionamento do noso organismo.

Por este mesmo motivo, non recibir suficiente luz natural podería contribuír a un peor estado de ánimo e a problemas de sono, asociados á súa vez coa depresión, unha patoloxía cunha incidencia crecente no mundo.

“Os humanos evolucionamos nunha contorna cunha clara distinción entre día e noite, pero as nosas actividades foron esborrallando esta distinción”, explican os científicos no seu artigo. Fronte a isto, engaden, a xente “pasa a meirande parte das horas de vixilia en condicións intermedias de iluminación artificial, debido á redución da exposición á luz solar e a exposición a luz nocturna brillante”.

Estas modificacións no comportamento poden provocar, por tanto, a redución dos niveis de melatonina, a hormona promotora do sono. Análises previas do mesmo equipo atoparon que case a metade dos fogares usaban uns niveis de luz artificial que podían chegar a suprimir un 50% da melatonina.

Así, no novo estudo exponse que cada hora de exposición á luz natural reduce a probabilidade de padecer depresión durante a vida, un menor uso de antidepresivos e unha mellor consideración sobre a felicidade propia. Ao longo do tempo, os datos do Biobanco do Reino Unido constataron, catro anos despois, que o estado de ánimo e o mellor descanso co sono seguían relacionados coa maior exposición á luz natural diúrna.


Referencia: Time spent in outdoor light is associated with mood, sleep, and circadian rhythm-related outcomes: A cross-sectional and longitudinal study in over 400,000 UK Biobank participants (Publicado en Journal of Affective Disorders).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.