Venres 19 Abril 2024

O bloqueo burocrático volve poñer en dificultades os oceanográficos

Os traballadores dos centros de Vigo e A Coruña afrontan obstáculos burocráticos que levaron ao amarre dos buques de investigación

Case dous anos despois de que os recortes e as constantes trabas nos trámites desencadearan a protesta de centos de investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO), que ten na Coruña e Vigo dúas das súas sedes, os científicos da institución volven levantar a voz ante o que consideran un “bloqueo” e un “problema estrutural de xestión”, cunha organización “obsoleta”. O último chanzo destas dificultades foi, segundo recollía este xoves El Confidencial, un problema burocrático que levou a amarrar, ata que haxa solución, os barcos de investigación da entidade, unha frota punteira a nivel internacional. Ata que se completen os trámites, algo que segundo o Ministerio de Ciencia levará semanas, e ata tres meses, e debido a que non se poden sufragar os gastos en combustible e víveres e os da tripulación, os buques non poderán saír do porto. No caso dos que se atopaban navegando, recibiron ordes de regresar canto antes ao porto. Algúns deles ficarán amarrados en Vigo.

No Oceanográfico vigués, con máis de 100 anos de historia e unha referencia da investigación mariña estatal, centos de traballadores atópanse no seu día a día con obstáculos derivados da situación. “Non é un erro burocrático puntual, é algo que se repite porque non se abordou o problema que xa denunciamos hai dous anos”, lamenta Francisco Rodríguez, científico do IEO de Vigo.

Publicidade

O calendario do buque Ángeles Alvariño, publicado no web do IEO, advirte de que o plan está "suxeito á dispoñibilidade orzamentaria".
O calendario do buque Ángeles Alvariño, publicado no web do IEO, advirte de que o plan está “suxeito á dispoñibilidade orzamentaria”.

Explica o investigador que “o ano pasado, no mes de setembro, pechouse o gasto para os proxectos, pero estamos xa a metade de febreiro e segue sen abrirse o de 2020. Os compañeiros de administración fan o que poden, e incluso máis, pero é imposible sacar adiante todo o que está pendente”. A centralización en Madrid de parte dos trámites precisos para pagar facturas e sacar adiante os proxectos tampouco axuda. Ademais, segundo denuncian, os niveis de retribución dos administrativos son baixos en bastantes casos.

A situación está afectar, ademais da paralización dos barcos, ao traballo diario nos laboratorios. “Hai series temporais de datos, un dos grandes tesouros que ten o IEO, que se poderían ver interrumpidas, e isto redunda nunha falta de confianza cara a institución que nos prexudica. Levamos moito tempo sendo o principal organismo de asesoramento en investigación mariña para todo o sector pesqueiro en España, e isto está comprometido”.

Un dos exemplos deste bloqueo que denunciaron os traballadores hai dous anos era o do montacargas do centro de Vigo. “Nun edificio de catro plantas, con traballadores que teñen que levar constantemente material dun andar a outro, estivemos tres anos con el avariado. Agora por fin se están facendo as obras, pero ao tempo que se arranxa isto, xorden outros problemas para os que a solución non chega”.

Os investigadores non descartan, segundo apunta Rodríguez, iniciar de novo mobilizacións, e valoran difundir un novo manifesto despois do publicado en 2018 cando denunciaran publicamente, por primeira vez, o bloqueo burocrático. Lamentan, con todo, que a situación poida repercutir na imaxe dunha institución centenaria. “Acábase percibindo unha mala impresión que non corresponde co prestixio do IEO. Pero o que mina a imaxe non son as protestas, senón a propia estrutura que nos impide traballar ben. Defendemos que isto pode funcionar ben como un organismo público de investigación, pero hai que melloralo”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia

h

Un equipo galego revisa a literatura científica sobre estes eventos dende comezos do século XX ata a data

Máis de 600 persoas mergúllanse na ciencia mariña do CIM

Os obradoiros, as visitas guiadas e os paseos divulgativos en barco tiñan como obxectivo achegar ao público o traballo que realiza o persoal investigador

A galega Elena Ojea gaña o Premio Fundación Banco Sabadell á Sostibilidade Mariña

A investigadora recibe este recoñecemento polo seu traballo sobre a adaptación e transformación dos sistemas socioecolóxicos mariños