Ensaio de plantación de centeo baixo nogueiras desenvolvido en Arzúa, ao abeiro do proxecto Afclima, financiado pola Axencia Estatal de Investigación, no que participa a EPS de Lugo. Foto: USC.
Ensaio de plantación de centeo baixo nogueiras desenvolvido en Arzúa, ao abeiro do proxecto Afclima, financiado pola Axencia Estatal de Investigación, no que participa a EPS de Lugo. Foto: USC.

Un estudo expón como os sistemas agroforestais frean os incendios

Científicos do Campus de Lugo propoñen nun artigo a integración de cultivos forestais e agrogandeiros como antídoto fronte aos lumes

O aumento da voracidade nos incendios forestais que se está detectando en moitas partes do mundo, como os casos recentes de Australia -pero tamén coas últimas vagas en Galicia– obriga a reforzar os traballos de prevención para evitar que, unha vez chegue o lume, as lapas arrasen con todo. Unha das propostas é a integración, en sistemas agroforestais, da vexetación leñosa e os cultivos agrícolas ou gandeiros nas zonas explotadas polo ser humano. E nesta idea enmárcase un artigo que acaba de publicar a revista Agroforestry Systems, do que é autora a catedrática da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, Rosa Mosquera Losada, e que tamén asinan os investigadores galegos José Javier Santiago Freijanes e Mercedes Rois Díaz.

O artigo agora publicado analizou os datos de incendios que tiveron lugar entre 2008 e 2017 e os datos de cobertura e uso dos solos nos que aconteceron. Os resultados indican que as áreas agroforestais tiveron menos casos de incendios cós bosques, zonas de mato ou pasteiros, “o que proporciona evidencia do potencial da agroforestería para reducir o risco de incendios e protexer os ecosistemas”, apuntan os autores.

O estudo é o resultado dun traballo colectivo no que participaron investigadores de universidades e centros de España, Italia, Grecia, Portugal e, entre outros, Reino Unido, ao abeiro de iniciativas internacionais como Afinet ou Agforward, un proxecto de investigación financiado ao abeiro do Sétimo Programa Marco da Unión Europea para a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico desenvolvido entre 2014 e 2017. O obxecto deste programa é o da promoción de prácticas agroforestais acaídas para o desenvolvemento rural en Europa a partir da mellora da competitividade e dos valores sociais e ambientais das explotacións agropecuarias.

Así serán os incendios do futuro en Galicia: máis rápidos, máis grandes e moi perigosos

Unha vez rematada a execución das diversas actividades programadas ao abeiro destes programas, o estudo publicado agora na revista científica de referencia e con maior impacto no ámbito agroforestal, constata que os sistemas silvopastorais, nos que conviven prácticas agrarias e forestais, son unha alternativa eficaz para a prevención de lumes forestais. “Nas dehesas non hai incendios”, salienta a xeito de conclusión Rosa Mosquera, que tamén dirixe o grupo de investigación en Sistemas Silvopastorais.

Alén desta consideración, a profesora da EPS de Lugo tamén destaca outros múltiples beneficios derivados das prácticas agroforestais, tal e como pode ser a conservación da biodiversidade, o maior secuestro de carbono, o aproveitamento do territorio e fixación de poboación relacionada coa súa explotación, o crecemento máis rápido das árbores e a maior calidade da madeira. “Estamos a falar de bioeconomía ou economía circular, un concepto agora en alza e que tamén é de máximo interese cando se tratar de avanzar na loita contra os efectos do cambio climático”, comenta Rosa Mosquera.

As conclusións recollidas no artigo permiten corroborar outros indicadores xa destacados en estudos anteriores, lembra a investigadora da USC, quen, sen embargo, destaca o eco acadado no panorama mundial por unha investigación centrada no contexto europeo, da que xa se fixeron eco medios de comunicación norteamericanos, como The Guardian.

Aldeas modelo e franxas secundarias

Rosa Mosquera sinalou asemade que o traballo do grupo de investigación Sistemas Silvopastorais da USC lidera xunto coa Xunta de Galicia e outros investigadores da UVigo un novo proxecto presentado a convocatorias europeas e que aspira a recibir un financiamento duns 10 millóns de euros.

O obxecto desta nova actuación, que coñecerá se conta con achega económica de fondos europeos ao longo do mes de maio, data na que está prevista a concesión dos recursos económicos habilitados para a primeira fase do proxecto, é o de afondar na protección dos núcleos de poboación e optimizar o aproveitamento agroforestal das franxas de territorio localizadas a máis de 50 metros de distancia das casas. Estas accións contribuirían ademais a fixar poboación nas áreas rurais, cara as que a Administración pretende atraer xente nova.


Referencia: Agroforestry as a sustainable land use option to reduce wildfires risk in European Mediterranean areas (Publicado en Agroforestry systems).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.