Ángeles Longa, na confraría de Cambados, coa ría de Arousa ao fondo. Foto: R. Pan.
Ángeles Longa, na confraría de Cambados, coa ría de Arousa ao fondo. Foto: R. Pan.

Ángeles Longa: “Na corda dunha batea poden vivir preto de 100 especies distintas”

Ángeles Longa Portabales é unha das encargadas de que as arredor de 250.000 toneladas de Mexillón de Galicia que saen todos os anos das bateas teñan a máxima calidade posible. Dirixe o departamento de I+D do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida deste bivalvo, en cuxa produción Galicia é unha referencia mundial, e ten desempeñado tamén importantes cargos a nivel comunitario, como a dirección do grupo de traballo sobre mariscos no Consello Consultivo de Acuicultura da Unión Europea. Participou na Caravana pola Acuicultura da rede Inmunogenom, onde expuxo algunhas das chaves da importancia que a ciencia ten no éxito do sector.

– Que fai a ciencia día a día polo mexillón?

– Para nós a investigación é unha parte moi importante, porque nos permite reforzar os sistemas de control do produto de cara ao mercado. Defender aos sectores locais é algo primordial, porque o que eles obteñen o mexillón que vai levar o selo de calidade cando saia á venda. Para iso temos que loitar , por exemplo, contra a fraude na etiquetaxe, para así reforzar a todos os elos da cadea, non só da produción, senón tamén da elaboración e a transformación.

“Temos que saber responder e adiantarnos ao cambio climático ou a acidificación dos océanos”

E por outro lado, agora estamos traballando con varios grupos de investigación do CSIC, o IEO e das universidades, para ver cales van ser as condicións ás que se vai enfrontar o mexillón co no futuro: cambio climático, acidificación dos océanos… Imos intentar descubrir, ou polo menos ter unha idea de como vai estar o mexillón dentro dun tempo: vai sufrir? Vaise adaptar? Imos ter que cambiar a forma de entender o seu cultivo? Temos que saber responder a estas cuestións.

– Estanse notando xa estes efectos?

– Cando iniciamos estas colaboracións, o que vimos foi que habia bastante desprendemento do mexillón, e os produtores queixábanse de que había unha anémona que asociaban a estes problemas. Outros anos comentaban que había baixadas de rendemento, que non crecía como sempre… É moi difícil dicir que se debe ao cambio climático, porque é un entorno moi variable. Un ano parece que a cousa empeora, e despois ven un ano boísimo, con rendementos moi grandes. Pero estamos vendo que as condicións en terra cambian, e que algo hai (secas, chuvias torrenciais), e temos que prestarlle atención.

O Mexillón de Galicia é o medio de vida de moita xente. Como inflúe isto no control científico para que todo vaia ben?

– A acuicultura do mexillón en Galicia é a referencia a nivel estatal e europeo. E ademais é un sector conformado por moitas familias, moitas microempresas. Hai moita man de obra, directa e indirecta, porque é un sector no que se elabora aquí, e se transforma aquí. Por tanto, é un piar para que moitas outras actividades económicas se desenvolvan.

Por todo isto, ten que haber un control moi intenso do produto. Tanto a nivel sanitario, como a nivel de orixe. Nós controlamos todo o mexillón que se desembarca, e todo o que está certificado, está controlado, porque hai protocolos moi estritos.

– Como se soporta o equilibrio entre a produción e a conservación do ecosistema?

– A min falar de soportar xa me rechía algo, porque non se di o mesmo cando falamos dunha actividade intensiva en terra. Esta é unha actividade extensiva, e de todas as actividades de cultivo, é a que menos impacto ten no medio, porque é a máis natural. E de todos os cultivos que hai, é o que máis produce por hectárea de mar cada ano. Se o pensas, a ría de Arousa, que ten a maior produción por volume de mexillón, é tamén á que máis xera outros produtos, como mariscos de praia.

Ao mexillón no é preciso botarlle nada. Abonda con deixar caer as cordas na auga. E, unha vez acabado o ciclo, podes levantar a mesma corda e ves todo o que hai nela. E hai actividades de captura que se desenvolven no entorno das bateas. É máis ben un uso eficiente dos recursos naturais.

“Dise que o mexillón é un monocultivo, pero eu véxoos máis en terra; aquí hai moita actividade arredor das bateas”

O equilibrio xa o temos: levamos 60 anos producindo, e somos sostibles; hai unha regulación que ordena o cultivo para axustalo ás capacidades do medio, e non hai sinais preocupantes.

Hai quen critica que é un monocultivo, pero para min non é así. Eu vexo monocultivos en terra, onde hai grandes extensións no que morre todo o que eu non quero que medre, e que non sexa o que eu estou cultivando; ou utilizando moitos fitosanitarios.

Ás bateas podemos equiparalas en terra coas devesas. Son ecosistemas cunha compoñente humana importante, pero non deixa de ser un ecosistema. Isto é algo semellante.

– Cantas especies poden chegar a convivir nunha batea?

– Uns estudos realizados hai bastantes anos atoparon que, só nas cordas, sen ter en conta os peixes e moitos outros organismos que hai arredor, pode haber preto de 100 especies. Vese a simple vista cando miramos as cordas. Se levantamos unha a piques de cultivar, é alucinante a biodiversidade que hai alí. Non só organismos pequenos, senón que hai cangrexos, e ata polbos pequenos que viven arredor dela.

– A sociedade galega é consciente desta riqueza?

– Moitas veces ten que vir alguén de fóra a dicirnos o que valemos. Nós desde o Consello Regulador intentamos transmitir o que somos, pero é difícil facelo ver ás veces. Hai cousas básicas, que igual non teñen que ver co mexilón, pero si cos cultivos. Por exemplo, o minifundio: hai pouco tempo, escoitaba que unha persoa que coñecía esta realidade desde fóra, dicía que Galicia tiña unha vantaxe na agricultura respecto a outras sociedades, porque aquí nunca se modernizou a agricultura, mentres que noutros sitios se esqueceron as formas tradicionais de cultivar e se pasou a métodos demasiado intensivos.

E agora, os sistemas máis modernos son aqueles que buscan volver ao tradicional, porque as producións así serán moito máis naturais e de maior calidade. Estabamos un paso por detrás, pero agora estamos un paso por diante, e moitas veces non valoramos o propio e a oportunidade que iso supón. Fáltanos a todos dar forza ao que temos; nós podemos facelo, e outros non poden, e temos que aproveitalo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.