Un día cos gardiáns do tesouro da acuicultura en Galicia

Nos 230 quilómetros cadrados da ría de Arousa (un tamaño semellante á superficie do municipio de Santiago de Compostela) hai unha riqueza difícil de albiscar. As idóneas condicións da auga, grazas ao afloramento que enche de nutrientes esta costa, xerou un sector que é, aínda que non se diga o suficiente, unha referencia mundial na acuicultura de moluscos. E á súa beira tamén creceron organismos reguladores, centros de seguridade alimentaria -como o Intecmar- empresas auxiliares e grupos de investigación científica que, en conxunto, conforman o equipo encargado de coidar, conservar e mellorar o tesouro das rías.

Foto de familia da Caravana pola acuicultura organizada por Inmunogenom.
Foto de familia da Caravana pola acuicultura organizada por Inmunogenom.

Para que a sociedade galega coñeza de preto a importancia do seu traballo, a rede Inmunogenom, un proxecto científico que procura solucións innovadoras para o control sanitario da acuicultura, convidou a produtores, técnicos, consumidores, hostaleiros, xestores públicos e xornalistas a unha viaxe pola ría de Arousa, na que se puido coñecer de primeira man o traballo que día a día desenvolve toda a cadea de produción do sector dos moluscos. E, do mesmo xeito, amosouse a importancia da investigación para que a acuicultura das rías sexa máis sostible e respectuosa co medio ambiente, se aumente a protección contra enfermidades, tanto do propio produto como as que se poidan transmitir aos consumidores.

Publicidade

A caravana, de camiño ao banco do Sarrido.
A caravana, de camiño ao banco do Sarrido.

A caravana partiu de Santiago de Compostela cara a Cambados, onde agardaban responsables da confraría da vila e do Consello Regulador do Mexillón de Galicia para comezar a xornada. Con todo, varios dos científicos de Inmunogenom aproveitaron o traxecto para presentar varios dos proxectos nos que participa a rede, financiada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e composta por seis grupos de diversas ramas do coñecemento da USC (Acuigen, Ditaprein, Gapavet, Gipa, Matbioinfo e Paraquasil), ademais do Centro de Investigacións Mariñas de Corón, en Vilanova de Arousa, dependente da Xunta de Galicia.

Xa na sede da confraría de Cambados, e trala presentación de Paulino Martínez, catedrático de Xenética da USC e coordinador da rede, interviron dous científicos profundamente coñecedores do traballo a pé de campo en Arousa: Juan Carlos Mariño, responsable da asistencia técnica da confraría cambadesa, e Ángeles Longa, responsable de I+D do Consello Regulador do Mexillón de Galicia. Ambos achegaron detalles sobre o cultivo de bivalvos na ría.

Publicidade

Demostración dunha batea de cultivo de ostra.
Demostración dunha batea de cultivo de ostra.

Líder na UE

A produción do Mexillón de Galicia, segundo subliñou Ángeles Longa, representa o 78% da acuicultura española, o que dá conta do seu tamaño. Unha media de 250.000 toneladas extraídas cada ano das máis de 3.000 bateas que hai nas rías galegas, nas que traballan máis de 1.000 barcos e máis de 4.400 persoas (só tendo en conta as bateas), que aumentan a 20.000 en todas as actividades relacionadas co mexillón. Galicia é así líder na Unión Europea, e só superado a nivel mundial por China e Chile, países que a multiplican en quilómetros de costa. Mais non só é o mexillón: as diversas variedades de ameixas, o berberecho e, en menor medida, a exquisita ostra, tiran tamén con forza do sector.

Emprego feminino e redistribución

Ademais, segundo destacaron as cifras expostas por Juan Carlos Mariño, a acuicultura das rías galegas destaca pola relevancia do emprego feminino: máis do 90% das mariscadores de a pé son mulleres, e, só dentro do sector mexilloeiro, están empregadas  o 63% das mulleres que traballan na acuicultura en Galicia.

É tamén unha produción que redistribúe a riqueza en maior medida que outras tipos de explotacións acuícolas. Toda a cadea de produción, desde a semente ata a comercialización e os empregos indirectos, está en mans locais.

Inmunogenom reúne a sete grupos de investigación con solucións innovadoras para o control sanitario da acuicultura

Para que toda a roda funcione, por tanto, precísase un esforzo grande e constante da investigación científica. Previr e reaccionar ben ante os episodios de toxicidade, afrontar as enfermidades que afectan aos produtos, buscar posibilidades de mellora xenética nos organismos e conseguir unha maior sustentabilidade son varias das liñas mestras que se puxeron de manifesto na caravana.

A xornada continuou con dúas visitas sobre o terreo. En primeiro lugar, a caravana achegouse ao banco marisqueiro de O Sarrido, a “xoia da coroa” da confraría de Cambados. E despois realizouse un percorrido en catamarán para coñecer de preto varios tipos de batea: as que serven como semente e preengorde para berberecho e ameixas, antes de repoboar os bancos marisqueiros, e as que cultivan ostras e mexillóns.

Na volta á sede da confraría, os participantes gozaron dunha degustación de moluscos acompañados doutros produtos da terra. Antes de regresar a Compostela, a caravana da acuicultura citouse para a vindeira edición, que estará centrada no peixe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

Detrás da elevada mortalidade do berberecho: este é o principal patóxeno en Galicia

O último informe publicado polo Intecmar revela que a 'Marteilia cochinillia' é o parasito que máis afecta a este molusco bivalvo dende 2012

A sorprendente conexión entre unha foca, unha ameixa e unha lura

Dominan a hidráulica, comparten a pedra calcaria... Os tres animais buscan solucións diferentes para un mesmo obxectivo: sobrevivir no océano

A UVigo lidera un proxecto europeo para revolucionar os pensos de acuicultura

Un equipo do CIM desenvolverá un ingrediente alternativo e nutritivo para a alimentación de especies como a robaliza