As mareas vermellas afectan de xeito periódico ás costas galegas.

As mareas vermellas afectan de xeito periódico ás costas galegas.

Os porqués das mareas vermellas

Son fenómenos naturais causados pola proliferación de microalgas; nin sempre son vermellas, nin son sempre tóxicos

Nin son propiamente mareas, nin son sempre vermellas, mais son un fenómeno ben coñecido pola xente do mar en Galicia, sobre todo os mariscadores. Reciben tamén o nome de purga de mar, e débense a unha “explosión” no crecemento de determinadas algas microscópicas que medran nas rías galegas.

O afloramento mariño que ten lugar na plataforma continental galega debido á elevada presenza de fitoplancto permite que as rías sexan unha enorme fonte de vida diminuta, da que se alimentan os moluscos e crustáceos que os mariscadores capturan. Non en tanto, esta gran actividade biolóxica ten tamén os seus inconvenientes.

As toxinas máis habituais en Galicia son as das algas do xénero “Dinophysis”

Baixo determinadas condicións ambientais, con cambios de temperatura ou de correntes, prodúcese un fenómeno natural que causa o crecemento descontrolado destes organismos. Así, a auga tínguese da cor dos pigmentos que estes organismos utilizan para facer a fotosíntese: hainos vermellos, pardos, alaranxados ou verdes.

Os episodios non teñen por que ser sempre tóxicos. Non en tanto, son frecuentes as aparicións de mareas de microalgas con toxinas. As máis habituais nas augas galegas son as do xénero Dinophysis, coñecidas como toxinas diarreicas. Algúns moluscos e crustáceos, como a vieira ou mexillón, entre outros, filtran a auga e as toxinas, que se fixan no seu organismo e poden causar problemas de saúde aos humanos en caso de seren consumidos.

Antes da creación dos mecanismos de control, houbo tamén casos de intoxicación amnésica e paralizante. Non en tanto, debido á importancia económica do marisqueo en Galicia, a Xunta creou o Intecmar, organismo responsable dos controis da auga nas zonas de produción. Para anticiparte aos episodios de toxina e garantir un consumo seguro, fanse milleiros de controis. Así, Galicia é un referente a nivel mundial na calidade dos controis sobre de toxinas.

logo_MEIC_FECYT_Web

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.