Xoves 25 Abril 2024

“Os incendios na provincia de Pontevedra son os máis perigosos para a vida humana”

Os incendios forestais que hai na provincia de Pontevedra, sen ser moitas veces os máis grandes, están a ser os que provocan unha maior mortalidade. Así, nos últimos 40 anos, a taxa de mortalidade de persoas falecidas por esta causa nesta provincia –excluídos os pilotos, que non teñen que ver co risco en terra- é de 13 falecidos por millón de habitantes, cifra que descende ata os 3 mortos por mill/hab no resto de Galicia. A que se debe isto? Que está detrás desta triste realidade?

Incendio na parroquia viguesa de Coruxo, o pasado domingo.
Incendio na parroquia viguesa de Coruxo, o pasado domingo.

Este venres visitou a Facultade de Bioloxía, convidado pola Delegación de Alumnado do centro, o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, o científico do CSIC Serafín González, quen, dende unha perspectiva o máis ampla posible, achegou ás persoas que asistiron á súa charla, Incendios forestais: a marea negra dos montes galegos, a magnitude dun problema que leva décadas asoballando os montes e a propia sociedade galega, desde as causas principais, ata as consecuencias, tanto directas como indirectas, que teñen os incendios sobre as persoas, a flora, a fauna, os solos…

Publicidade

“Os lumes da provincia de Pontevedra son os máis perigosos para a vida humana”, explicou o experto, que defendeu a súa afirmación con múltiples argumentos. Empregando imaxes da Fotoguía forestal de Galicia. Comportamento asociado ao lume, publicada este mesmo ano, González fixo unha comparativa da velocidade de propagación do lume en tres tipos de masas forestais, “ben mantidas e conservadas”: unha carballeira, un piñeiral e un eucaliptal. No caso da carballeira, a velocidade de propagación en condicións normais é, segundo explicou, de 10 metros por minuto; no piñeiral, esta cifra aumenta a 12 metros por minuto, un 20% máis; e no caso do eucaliptal, “igual de ben coidado e xestionado” a velocidade increméntase ata os 15 metros por minuto, “é dicir, a velocidade de propagación do lume nun eucaliptal é un 50% máis rápida ca nunha carballeira”, recalcou o experto, ao que engadiu que “mesmo nas condicións máis favorables” un lume nun eucaliptal pode xerar focos secundarios a 400 metros de distancia, “recalco 400 metros nas mellores condicións”.

E se isto pasa nas mellores condicións, que pode chegar a acontecer nas peores, nunha masa de eucaliptal moi densa e mal mantida? Segundo expuxo o investigador, autor de máis de 60 artigos en revistas científicas sobre incendios forestais, en condicións negativas os focos secundarios esténdense a case un quilómetro de distancia e, se o vento axuda, esta cifra pode subir ata os tres quilómetro, o que explica que cando hai lumes de copa nos eucaliptais os focos se multipliquen a gran velocidade e, a máis intensidade do lume, máis focos e ata distancias maiores. “Cando pasa isto a xente comeza a dicir que anda alguén no monte prendendo lume, pero non, estes lumes poden saltar, esas faiscas incandescentes provocan múltiples lumes secundarios tanto preto como lonxe do foco inicial”, subliñou González.

‘As faíscas de eucalipto poden provocar lumes a 3 kms de distancia’

“Se nunha carballeira ben mantida a velocidade de propagación do lume é de 10 metros por minuto, nun eucaliptal mal mantido, no que non se teñen realizado os rareos oportunos, esta cifra pode dispararse ata os 50 ou 60 metros por minuto, cinco veces máis rápido ca na carballeira e, ademais, xerando focos secundarios ata case a tres quilómetros de distancia”, recalcou o investigador, ao tempo que apuntou que “isto é o que explica porque os incendios da provincia de Pontevedra son máis perigosos para as persoas ca os do resto da comunidade”.

Con respecto á pregunta de se detrás da vaga de lumes -a de hai quince días, a de 2006 ou calquera outra anterior- pode haber unha conspiración incendiaria, Serafín González, insiste en que “non hai ningunha proba de que iso exista. Galicia leva sufrindo lumes reiterados desde hai moitos anos e estou seguro de que de haber algunha trama sería imposible que pasase desapercibida no mundo rural galego”. Detrás, baixo o seu punto de vista, hai múltiples e moi variadas causas, entre as máis importantes, “unha terrible falta de vontade política para superar este problema”. Neste senso, non dubidou en afirmar que “en Galicia o 90% dos incendios son causados pola man do home” e “hoxe, igual ca no pasado, os incendios seguen a ser unha arma de ataque entre partidos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas