A balea azul está de volta en Galicia: un exemplar de 22 metros preto das Cíes

O instituto BDRI do Grove localizou este xoves unha "Balaenoptera musculus" acompañada por un rorcual común a unhas millas do arquipélago

A balea azul localizada este domingo a unhas millas das Illas Cíes. Foto: BDRI.
A balea azul localizada este domingo a unhas millas das Illas Cíes. Foto: BDRI.

A balea azul (Balaenoptera musculus) volve aparecer en Galicia. Foi este domingo 14 de xullo cando nunha saída de investigación do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con base no Grove, puido verse de novo este xigante dos mares a unhas millas das illas Cíes, segundo explica Bruno Díaz, director do BDRI. Ía acompañada dun rorcual ou común (Balaenoptera physalus), no que tamén supón o primeiro avistamento de 2019 para un adulto desta especie.

Segundo explica Díaz, a balea azul, duns 22 metros de lonxitude, estivo tamén alimentándose mentres duraba o avistamento. “Estas observacións, xunto a un estudo realizado en conxunto con investigadores das Azores confirman o movemento destes animais que unha vez rematan o seu periodo de alimentación nas Azores viaxan a Galicia para seguir alimentándose”, tal e como narraban desde o BDRI en abril deste ano.

Este é o vídeo do regreso da balea azul a Galicia

Neste sentido, explica Bruno Díaz, “levamos todo o ano realizando saídas para estudar a chegada destes animais as nosas augas e concretar o periodo de forma máis precisa e xa podemos confirmar, por terceiro ano consecutivo, que os xigantes dos nosos oceanos escollen Galicia para alimentarse”.

Isto é debido a que “os eufausiáceos do cal se alimentan (krill do norte) xa teñen as dimensións necesarias para achegar enerxía a estes xigantes”. No marco da súa investigación, desde o BDRI explican que a investigación está consistindo “en medir os tempos de inmersión destes animais para entender mellor o seu comportamento e o tipo de alimentación que realizaban”, un estudo que continuará en vindeiras semanas.

A balea azul, de volta

Este novo avistamento constata o regreso a augas galegas dun dos maiores animais do mundo. En 2017, entre os meses de setembro e novembro confirmouse a presenza de varios exemplares adultos a poucas millas da costa. En varios puntos das Rías Baixas, como Corrubedo, Sálvora e Ons, localizáronse varios destes xigantes do mar.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.