Avistan a segunda balea azul en augas galegas en só dez días

A balea foi avistada a unhas dez millas da costa pontevedresa (ao fondo). Foto: BDRI.
A balea foi avistada a unhas dez millas da costa pontevedresa (ao fondo). Foto: BDRI.

Menos de dúas semanas despois de se que confirmara a presenza dunha Balaenoptera musculus na boca da ría de Muros e Noia, un equipo do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), organismo con sede no Grove, atopou este mércores un novo exemplar de balea azul a dez millas da costa pontevedresa, máis ou menos á altura da illa de Ons.

Publicidade

En conversa con GCiencia, o director do BDRI, Bruno Díaz, narrou así o momento do avistamento: “Vimos de lonxe un grupo de baleas comúns e caldeiróns e achegámonos; e entón observamos que había unha balea que tiña un sopro moito máis grande, así que empezamos a tirar fotos para ter rexistro gráfico e poder analizar as imaxes despois con calma”.

Houbo poucas dúbidas. Xa polas dimensións do mamífero, arredor de 24 metros, as evidencias apuntaba a que fose unha Balaenoptera musculus. Non en tanto, tanto o patrón de coloración, como a alerta dorsal confirmaron o achado. Nesta época, estes mamíferos realizan a migración cara o sur, na procura de augas máis cálidas para pasar o inverno.

“As imaxes xa están circulando por medio mundo”, afirma Bruno Díaz.

O experto afirma que “as imaxes xa están circulando por medio mundo. É unha alegría enorme; cando traballas nisto e atopas unha especie nova sempre te alegras, pero ver unha balea azul, un animal que é un símbolo da conservación mariña, é unha sensación indescriptible”.

O equipo do BDRI leva varias semanas facendo observacións mar adentro debido a que teñen detectado un gran aumento da diversidade, case sen parangón na Terra. “Debe de haber un afloramento de nutrientes moi importante, porque os barcos están pescando moito, e nestes días temos visto ata oito especies distintas de cetáceos: caldeiróns, baleas comúns, golfiños alibrancos… É algo pouco habitual, os sitios que hai no planeta con condicións coma estas cóntanse cos dedos das mans”.

Unha balea azul distinta

Segundo Díaz, todo apunta a que o individuo localizado este mércores é distinto ao atopado hai case dúas semanas na ría de Muros e Noia. “Cada balea azul ten unhas manchas características no corpo, e estamos case seguros de que non é a mesma. Algunhas imaxes non teñen a calidade idónea para confirmalo, pero hai varios detalles que nos fan pensar que as manchas varían dun exemplar ao outro”.

Así, Bruno Díaz destaca tamén que estos dous avistamentos son “unha gran noticia“. E engade: “Temos unha enorme fortuna por poder gozar nas nosas costas dunha riqueza natural tan grande; isto ten que servir para concenciar á xente do importante que é coidar e conservar a natureza“, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.