Venres 19 Abril 2024

Unha galega demostra que o consumo ocasional de alcohol na adolescencia altera a microbiota

A flora intestinal podería ser un biomarcador para detectar de forma temperá o desenvolvemento dunha adicción

Depresión, cirrose, cancro de esófago, demencia, hipertensión… O consumo excesivo de alcohol pon en risco a saúde e pode causar unha longa nómina de enfermidades graves. Aínda que é perigoso a todas as idades, os adolescentes son unha poboación especialmente vulnerable porque aínda non concluíron o seu proceso madurativo. O elevado consumo de alcohol, sobre todo na época universitaria, pode derivar nunha adicción. Por iso, diversas investigacións tratan de reverter este proceso e buscar alternativas. Unha das máis recentes é a liderada pola neurocientífica galega Carina Carbia Sinde. Xunto a un equipo da Universidade de Cork, acaba de demostrar que o consumo ocasional de acohol produce alteracións na microbiota dos adolescentes, aínda que só beban durante a fin de semana. É dicir, esta substancia é capaz de modificar a flora intestinal de forma moi temperá e antes de que se desenvolva unha adicción.

Segundo explica a investigadora, hai literatura científica que xa corrobora as alteracións na microbiota en persoas adultas con alcoholismo crónico. Porén, non había nada estudado na poboación máis nova. Ademais, no seu estudo —publicado na revista eBioMedicine— atoparon unha correlación entre os cambios na flora intestinal e as ansias de consumir. É dicir, as alteracións na microbiota asociáronse con máis ganas de beber alcohol. Esta premisa levou ao equipo de Carbia a propoñer o microbioma intestinal como posible biomarcador. “Os cambios nos microorganismos do intestino poderían ser unha pista para saber se unha persoa vai desenvolver unha adicción no futuro, ou non”, aclara a neurocientífica galega.

Publicidade

Os cambios no microbioma intestinal asócianse con máis ganas de beber alcohol

Carbia comezou esta investigación en 2018, despois de recibir unha bolsa Marie Curie, unha das máis competitivas a nivel europeo. Viña da Universidade de Santiago (USC), onde se licenciara en Psicoloxía e se especializara en Neurociencia. En Galicia estaba centrada no estudo do cerebro adolescente e os posibles danos ocasionados polo consumo de alcohol. Carbia seguiu con esta liña de investigación, pero incluíndo un novo factor: a influencia da microbiota. “Agora estamos na cresta da ola e parece que a flora intestinal se converteu no novo paradigma da neurociencia. Pero hai apenas cinco anos, cando comecei esta investigación, o estudo do microbioma intestinal estaba nacendo”, apunta a investigadora galega. O seu interese por este campo estaba estreitamente vinculado cos estudos que xa realizara en Santiago. “Se o cerebro adolescente aínda está madurando, ten que ocorrer o mesmo coa microbiota”, explica.

Dietas e probióticos

O seguinte paso era demostrar ata que punto o consumo de alcohol, aínda que non fose excesivo, podía influír na flora intestinal. Unha tese que xa queda corroborada co seu último estudo. Pero Carbia non quería quedar aquí. Agora segue con esta liña de investigación na Universidade Católica de Lovaine, en Bélxica. “Estamos intentando detectar os perfís de persoas con alteracións na microbiota asociadas ás ansias por consumir. É dicir, queremos atopar marcadores que nos axuden a identificar de maneira temperá e intervir con novas ferramentas”, engade Carbia. O seu obxectivo a longo prazo é crear terapias dirixidas ao microbioma que poidan axudar a tratar as adiccións. Por exemplo, con intervencións dietéticas ou o desenvolvemento de probióticos, como o kéfir ou o kombucha. “No futuro, queremos crear terapias coadxuvantes. Non van ser o único tratamento, pero poden complementar outros fármacos e combater estas alteracións asociadas ao alcohol”, asegura a investigadora.

Problemas na cognición

Carbia considera que este tivo de avances son esenciais, dado que o alcohol é “unha droga social cunha prevalencia totalmente normalizada”. Polo tanto, saber ata que punto o seu consumo pode destruír ou afectar negativamente á flora intestinal positiva é un paso esencial para mellorar a nosa saúde. Ademais, ultimamente fálase moito do eixe intestino-cerebro. É dicir, en como a microbiota se comunica co cerebro a partir de diferentes vías, como pode ser o sistema inmune. Todo isto acaba tendo unha repercusión na saúde mental, como tamén demostra o estudo publicado na revista eBioMedicine. “As alteracións da microbiota relacionáronse con problemas na cognición dos participantes. Aos rapaces que consumían máis alcohol custáballes máis identificar emocións”, engade Carbia. Polo tanto, a microbiota intestinal parece estar relacionada co funcionamento emocional do cerebro.

“Aos rapaces que consumían máis alcohol custáballes máis identificar emocións”

CARINA CARBIA, neurocientífica e autora do estudo

Seguindo esta liña, a neurocientífica galega cre que o estudo da microbiota é fundamental para o tratamento da saúde mental. O interese do seu equipo está centrado na ansiedade e na depresión, porque son os trastornos que máis comorbilidade teñen co alcohol. “Sería interesante saber se mellorando a microbiota podemos reducir ou mellorar a saúde mental. Se a flora intestinal está relacionada co recoñecemento das emocións, demostra que hai unha comunicación directa co cerebro e, polo tanto, esta vía pode verse alterada polo alcohol”, continúa explicando a investigadora galega.

As limitacións do estudo

Malia a importancia do seu estudo, Carbia recoñece que se enfrontaron a varias limitacións durante o proceso. A primeira delas é o alto custo dos análises da flora intestinal. Aínda que a recollida de mostras é moi sinxela, sobre todo se se compara con outros métodos moi invasivos como a extracción de tecido hepático, as análises da microbiota adoitan ser “moi caras”. Ademais, para o estudo da flora intestinal é preciso ter en conta moitos factores e moi variados, posto que o alcohol non é, nin de lonxe, o único capaz de alterar estes microorganismos. A dieta, a contaminación, os factores xenéticos ou o ter nacido por cesárea ou parto natural inflúen na cantidade de bacterias que habitan o noso intestino, segundo enumera a neurocientífica.

Máis alá disto, e das futuras investigacións que poidan saír deste primeiro estudo, o consumo de alcohol en adolescentes é un problema que é preciso abordar o antes posible. Carbia cualifícao como “bastante preocupante” e asegura que o 30% dos rapaces teñen os picos máis elevados cando comezan a universidade. España é un dos países nos que máis alcohol se consome, xunto cos países nórdicos —que lideran a lista—, Irlanda, Bélxica e Portugal. “O consumo desta substancia é un factor de risco, xa non só para caer en adiccións, senón para desenvolver trastornos psicopatolóxicos nun futuro”, insiste Carbia. Un escenario aínda máis preocupante no que respecta aos adolescentes, que aínda non completaron a maduración do sistema inmune, nin do cerebro, nin da microbiota. Talvez a clave —e oxalá a solución— para o alcoholismo e outras doenzas estea neses microorganismos que nos habitan.


Referencia: The Microbiome-Gut-Brain axis regulates social cognition & craving in young binge drinkers (Publicado en eBioMedicine)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A exposición fetal e posnatal ao tabaco aumenta a tensión arterial durante a infancia

Dous estudos da USC e da Universidade de Brown conclúen que o fume ambiental está vinculado cun incremento na graxa visceral

En busca da cura para a borracheira: un novo fármaco elimina os efectos do alcohol en ratos

A hormona FGF21 contrarresta a perda de conciencia e a falta coordinación provocadas pola inxesta de alcohol

Así dana o alcohol o cerebro

Por Montserrat Corral Varela, profesora de Neuropsicoloxía da USC

Así se relaciona o consumo de alcol en xente nova co risco de demencia

A neuroinflamación inducida por esta droga relacionouse cos efectos neurotóxicos e neurodexenerativos que produce, máis marcados durante a adolescencia