Xoves 5 Decembro 2024

Carme Fouces: “Neste país a ciencia é un lugar de precariedade”

A concelleira de Cultura de Pontevedra, artífice das xornadas do 11F: “O que pasaba coa Foto 51 segue moi presente na ciencia do día a día”

O Concello de Pontevedra súmase, un ano máis, á celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia. Nesta ocasión, faino cun amplo programa acubillado baixo o nome A Foto 51, que encherá o Teatro Principal de divulgación científica “rigorosa á par que entretida”. E que, como no pode ser doutro xeito, porá o foco no papel das mulleres na ciencia. A concelleira de Cultura, Carme Fouces, é a artífice e anfitrioa dunhas xornadas que se desenvolverán os días 10 e 11 de febreiro na cidade do Lérez e nas que colabora GCiencia.

O Concello de Pontevedra ten marcado na súa axenda o 11F, foi o concello pioneiro en Galicia en celebrar esta data, que lles levou a dar este paso? Que lles leva a seguir mantendo a cita?

Publicidade

—É un compromiso co feminismo. É un compromiso para darlle voz ás mulleres en todos os ámbitos da sociedade, e a ciencia é un deles. Se vemos os proxectos de investigación que hai ao longo do mundo comprobamos que están cheos de mulleres, que hai unha importante representación de mulleres na ciencia pero, curiosamente, cando imos subindo no escala a visibilidade delas comeza a diluírse. Aparecen nomes prestixiosos de científicos e algunha científica, mais ela ten que ser supersobresaínte para estar. Nós criamos que a nosa función como administración pública cun compromiso claro co feminismo era aproveitar esa data que se creou arredor da muller e a nena na ciencia e darlle pulo. E niso traballamos.

Hoxe en día as mulleres xa non piden permiso para ocupar o espazo que lles corresponde, mais o nesgo de xénero persiste, cales son os lastres que aínda quedan por soltar?

Publicidade

—Eses lastres que aínda quedan están reflectidos no nome das xornadas:  A Foto 51, que fala de como unha muller tan brillante como Rosalind Franklin, que era capaz de facer as mellores fotografías por refracción de raios das moléculas, foi absolutamente usurpada, o seu traballo parasitado, roubado o que deu o Premio Nobel a tres homes, en tanto ela foi totalmente silenciada. Iso segue acontecendo. O que pasaba coa Foto 51 e o que segue estando moi presente hoxe na ciencia do día a día.

“Son crítica no tema de espertar vocacións. Moitas mulleres e homes non son capaces de armar unha vida arredor deste traballo”

Onde hai que pór o foco para corrixir este nesgo de xénero: nas idades temperás, no ensino secundario cando as rapazas e rapaces comezan a pensar por onde queren ir, ao comezo da carreira profesional…?

—Eu son un pouco crítica co tema de espertar vocacións, porque neste país a ciencia é un lugar de precariedade. Entón moitas mulleres, e moitos homes, investigan por vocación, e despois de moitos anos dando tombos, ven que non son capaces de armar unha vida arredor deste traballo. É un tema que hai que poñer enriba da mesa, e o primeiro é priorizar nos orzamentos para que a ciencia sexa algo ben financiado, cuns proxectos con cartos e cuns profesionais traballando, homes e mulleres, para sacar adiante os proxectos científicos e o mundo en xeral. Unha vez sustentada a ciencia nos orzamentos, o que hai que facer é traballar na carreira científica dende o punto de vista da conciliación. As mulleres científicas teñen un lastre grande coa maternidade, polo tanto a única posibilidade que vexo a todo isto é que os homes que sexan pais teñan obrigatoriamente que coller o mesmo permiso que as nais. Dentro dun proxecto de investigación científica a longo prazo, que os investigadores pais teñan a mesma penalización que as investigadoras nais.

Unha lei correctora neste senso pode ser a Lei Ángeles Alvariño de Galicia que marcou un camiño ata agora non transitado, non si?

—É verdade, se están dando pasos e son importantes; hai que abrazalos e saudalos con alegría. Porén penso que poñer o foco exclusivamente en que as mulleres que collen o permiso van ter uns beneficios e deixar de ladp que pasa cos pais, cos homes, a efecto de ciencia e a efecto do mundo, é un erro. Hai que dar ese paso máis e obrigar o pai a coller o mesmo tempo de permiso para coidar á rapazada, que son o gran capital, o que nos vai seguir sustentando na ciencia, nas artes, na cultura, na política, en todo…

Territorios hostís

Se miramos os datos, a presenza de mulleres en áreas de ciencias medra, sobre todo nas vencelladas á vida e á saúde, pero noutras non acaban de dar o paso, como informática cun 18% de matriculadas en Galicia este ano ou Enxeñería cun 31%. Por que aínda quedan áreas nas que as mulleres no acaban de meter o pé?

—Porque son territorios moi hostís coas mulleres. E as mulleres en xeral sentímonos hostilizadas neste tipo de mundo. Ante a posibilidade de ter un desenvolvemento profesional e científico noutras áreas cun ecosistema de traballo máis amable, máis agradábel, optan por elas. Hai moitas mulleres, co bo criterio, que non queren estar pelexando nesas áreas o que non quere dicir que non haxa que enfrontar algunhas cuestións, analizar a situación e tomar as decisións pertinentes.

“A celebración do 11F é un compromiso co feminismo para darlle voz ás mulleres na ciencia”

Cal é a mensaxe que se quere transmitir coa programación deste ano que leva o nome de A Foto 51?

—Nós levamos moito tempo facendo actividades arredor do 11 de Febreiro e este ano quixemos facer algo de máis empaque. A programación ten dúas patas: por unha banda, un acto máis académico, unha conferencia- coloquio. que terá como protagonista a Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC e Premio Wonenburger 2022, dirixido á alumnado de Secundaria. Por outra banda, un evento de pequenas charlas dun elenco importante de divulgadoras e divulgadores deste país. E tamén imos ter roteiros para destacar as mulleres científicas na cidade de Pontevedra.

Polo que respecta ao contido das xornadas en xeral queremos transmitor dúas cousas: a visibilización, e o nome a Foto 51 está moi ben enfocada esa mensaxe. E en segundo lugar, que aparecera unha porcentaxe de representación máis real de mulleres no elenco dos participantes, que reflicta a realidade da ciencia, Darlle totalmente a volta a este tipo de eventos, nos que o habitual é que haxa un 70% de homes e un 30% de mulleres, e xa se considera que fan un esforzo grande para dar visibilidade ás científicas. Haberá presenza masculina, pero na porcentaxe que nós cremos que é representativa  do que é hoxe a ciencia.

Axenda A Foto 51

Venres, 10 de febreiro:

  • O saber e o sabor das matemáticas de proximidade, conferencia de Elena Vázquez Cendón. A partir das 12,00 no Teatro Principal de Pontevedra

Sábado, 11 de febreiro:

  • De 11.00 a 13.00 horas: charlas de Iria Veiga, Paula Otero, Elena Vázquez, África González, Sandra Román e Olalla López
  • De 17.00 a 19.30 horas: charlas de Xurxo Mariño, Joana Magallaes, Eva Cabanelas, Laura Veiga, Estíbaliz Espinosa e Tamara Pazos (Teatro Principal de Pontevedra)

Outras actividades:

  • Roteiros A pegada das mulleres científicas en Pontevedra. Días 11, 12, 25 e 26 de febreiro. Saídas ás 11.00 horas dos Xardíns de Colón. Posibilidade de inscrición en apuntate.pontevedra.gal.
  • Obradoiros para a rapazada

Podes consultar o programa completo na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Grandes mulleres científicas que loitaron para romper o teito de cristal

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Katalin Karikó é a flamante gañadora do último...

A UVigo adica febreiro a accións divulgativas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

O programa da Universidade de Vigo polo 11F inclúe obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames

A pegada de mulleres científicas en Pontevedra

Unha ruta rende homenaxe ás Investigadoras que modelan a historia da ciencia e da propia cidade
00:02:00

Elena Vázquez Cendón e as vocacións científicas: “A min as mates danme seguridade”

A premio Wonbenburguer 2022 abre ante 400 estudantes o ciclo A Foto 51, organizado polo Concello de Pontevedra co gallo do 11F