A enfermidade das ‘vacas tolas’: cal é o risco para a saúde pública do caso detectado na Estrada?

Os expertos concordan en que a doenza "non se vai volver converter" nunha epidemia como a que golpeou Galicia a principios dos 2000

Escoitar a expresión vacas tolas lembra inevitablemente aos anos 2000, cando se detectaron en España centos de casos de encefalopatía esponxiforme bovina (EEB) que derivaron na morte de cinco persoas. Foi unha crise alimentaria sen precedentes que impactou con forza no sector, reducindo considerablemente o consumo de carne de vacún. Por iso, volver escoitar vacas tolas pon ás autoridades en alerta. A Consellería de Medio Rural informaba este martes da detección dun caso da enfermidade das vacas tolas nunha granxa na Estrada pero tamén aseguraba que a situación estaba baixo control e non había “transcendencia para a saúde pública ou a sanidade animal”. Segundo fontes da Consellería, o animal bovino afectado, de 22 anos, morreu na explotación e, ademais de ser un caso illado, non entrou na cadea alimentaria. Pero… Cal é o risco de que se repita unha crise como a de hai 20 anos?

“A transmisión da enfermidade non se vai volver converter en epidemia”, asegura o decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago (USC), Gonzalo Fernández. “Nos 2000 houbo algún caso esporádico que se introduciu na cadea alimentaria e, a partir de aí, diseminouse. Pero agora estamos nunca situación totalmente diferente”, engade o experto. Insiste en que “non hai ningunha posibilidade” dado os estreitos sistemas de control e vixilancia deste tipo de encefalite, do seguimento rigoroso dos casos sospeitosos e das análises sistemáticas aos animais que morren nas granxas para evitar que a súa carne vaia destinada ao consumo. Aínda que non haxa un risco para a saúde, tanto humana como animal, iso non significa que haxa casos illados, como o do animal falecido na Estrada.

Publicidade

“Non hai ningunha posibilidade de que se repita unha situación semellante á dos 2000 polos estreitos sistemas de control actuais”

GONZALO FERNÁNDEZ, decano da Facultade de Veterinaria da USC

Segundo informou este martes a Xunta, o bovino afectado morreu na explotación e, a continuación, foi trasladado ao centro autorizado para a destrución de cadáveres. Alí tomáronse mostras e enviáronse ao Laboratorio de Algete, centro nacional de referencia para estes casos, que confirmou o diagnóstico. Confirmouse, ademais, que se trataba dunha cepa atípica tipo H e logo realizouse a investigación epidemiolóxica por parte dos servizos veterinarios. Así, comprobouse que non existían outros animais vivos que estiven en risco, polo que se descartou a posibilidade de que aparecesen outros casos vinculados a este foco. Por tanto, as autoridades dan por resolto o caso e non consideran que sexa preciso tomar medidas sanitarias preventivas.

Como se contaxia?

A cepa coa que estaba contaxiado o bovino falecido na Estrada é unha forma atípica da enfermidade, que segundo explican dende a Consellería de Medio Rural, correspóndese con formas naturais e esporádicas da doenza. Ademais, dáse en todas as poboacións de vacún nunha taxa “moi baixa”. Continúan explicando que estes casos non teñen ningún tipo de vinculación co consumo de pensos contaminados, senón que aparecen de maneira natural. Dende a Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA) confirman que non é unha enfermidade contaxiosa e, polo tanto, non se pode contraer por estar preto dun animal (ou persoa) infectada. O risco está, como trasladaron dende a Xunta, cando pasa á cadea alimentaria. É dicir, cando se comen alimentos contaminados con partes dunha vaca enferma.

Publicidade

Cerebro dunha vaca enferma con EEB, como se ve nun microscopio usando tintes especiais. Os ocos en branco son como os “ocos” dunha esponxa. Crédito: Al Jenny, USDA

Segundo explica Fernández, a EEB está causada por unha proteína que se chama prión. A día de hoxe non se coñece cal é o mecanismo polo que pasa de ser normal a ser daniña. O principal síntoma é a falta de coordinación, con dificultades para camiñar e levantarse, así como polos gromos de violencia ou nerviosismo que derivaron en coñecer popularmente a enfermidade como a das vacas tolas. A cuestión está en que é unha doenza cun longo período de incubación, que vai dende os catro aos seis anos. “Non hai forma de predicir os casos”, asegura Fernández. Desta maneira, a vaca comeza a mostrar síntomas ata que enferma cada vez máis e finalmente morre. Segundo explican dende a FDA, non existe vacina nin tratamento para previr a doenza.

A forma de diagnosticar a enfermidade é despois da morte, cando os científicos observan o tecido cerebral do animal baixo o microscopio e ven que ten unha apariencia esponxosa; de aí que se denomine “esponxiforme”. Algo que tamén pode acontecer nos humanos, que non contraen esta mesma enfermidade pero si unha variante, a doenza de Creutzfeldt-Jakob. Segundo datos da FDA, ata o 2019 houbo 232 persoas que a padeceron e todas elas morreron. “Pénsase que colleron a enfermidade ao comer alimentos feitos con partes de vacas enfermas”, recollen dende a institución estadounidense. A meirande parte dos falecidos proviña do Reino Unido e cinco deles rexistráronse en España entre o 2005 e o 2008.

Número de focos da enfermidade das vacas tolas dende o 2000 ata o 2021. Crédito: Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Malia a preocupación que pode espertar escoitar vacas tolas, o caso da Estrada quedará en algo anecdótico. Nos últimos anos houbo animais falecidos de forma illada por esta enfermidade. O último que se detectou en Galicia, nas mesmas circunstancias, foi unha res de máis de 18 anos en 2019 no concello de Ortigueira. Segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación os casos detectados entre 2011 e 2021 tan só son 25, que contrastan cos 167 que se notificaron en 2003. A Xunta insiste en que se trata dun caso sen maior transcendencia pero recorda que é unha enfermidade que se continúa vixiando e controlando. E recorda que en 2016 outorgóuselle a España o estatuto de país de risco insignifcante da aparición desta patoloxía.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estes son os 66 concellos nos que hai máis vacas que persoas

Lugo é a provincia co maior número de municipios, 38 en total, nos que as cabezas de gando vacún superan a poboación humana

As vacas alimentadas con cáñamo ‘colócanse’ e producen leite con psicoactivos

Un equipo de científicos alemáns estuda os efectos do cáñamo sobre a alimentación do gando e o leite para consumo humano

Ensinar ás vacas a ir ao baño para reducir as emisións contaminantes de amoníaco

Científicos alemáns e neozelandeses desenvolven un método para adestrar ao gando e que evacúe en lugares determinados

Unha quinta parte dos concellos galegos segue con máis vacas ca persoas

Muras, con máis de 5 cabezas de vaca por persoa, lidera a clasificación, mentres que Lalín, con case 15.000 reses, ten a maior cifra absoluta