Por Santa Lucía, mingua a noite e medran… as tardes

Os seráns fanse máis tardíos a partir desta semana, pero haberá que esperar a finais de xaneiro para que comece a amencer máis cedo

O refraneiro amosa como a sabedoría popular, nacida da observación paciente e reflexiva da contorna, marca ás veces o camiño polo que despois discorre a ciencia. Nestes días, en Galicia escoitarase aquilo de que “por Santa Lucía, mingua a noite e medra o día”. E en parte, é certo, pero só polas tardes. Nesta latitude, os solpores xa comezaron a ser máis tardíos nesta semana. Porén, haberá que agardar ata que comece o mes de xaneiro para que vexamos o sol saír antes polas mañás.

Así, tomando como referencia central Santiago de Compostela (no resto de zonas de Galicia a situación varía apenas catro minutos tanto no orto como no ocaso), podemos observar que desde esta mesma semana as tardes están empezando a gañar minutos de luz solar. Así, no noreste de Lugo chegará a poñerse o Sol antes das 17.55 horas, para despois comezar a poñerse máis tarde.

Publicidade

Estas diferenzas débense a diversos factores, entre os que hai que ter en conta o eixo de rotación da Terra, inclinado 23,5º respecto ao Sol, as diferenzas na velocidade á que se move a Terra arredor do Sol ao longo do ano, e a latitude na que nos atopemos. Do mesmo xeito, outras variables, como as condicións atmosféricas, a refracción da luz solar e a altitude inflúen tamén nestes pequenos matices.

Fronte a esta situación no serán, os amenceres seguirán sendo máis tardíos ata comezos de xaneiro. Despois de varios días nos que o sol sairá pasadas as 9 da mañá, (chegando ás 9.08 na Costa da Morte a comezos de xaneiro) os raios comezarán a ser cada vez máis madrugadores.

Publicidade

O que si coincidirá cos días máis próximos ao solsticio é o mínimo de horas de sol, que só apenas serán 9 (entre as 8.57 de Ferrol e as 9.05 de Vigo, debido ás pequenas diferenzas de latitude) nos días arredor do solsticio de inverno. Así, ao coincidiren os solpores máis retrasados, ao tempo que as tardes aínda están comezando a medrar, o panorama queda desta forma.

Esta situación deixa tamén un curioso fenómeno que se repite todos os anos: por apenas uns minutos, amencerá antes na costa leste de Sudamérica ca no estremo occidental de Galicia, un feito que se prolongará durante uns días, antes de que o sol comece a madrugar na península ibérica e saia máis tarde no Brasil.

Animación do amencer. Fonte: MeteoGalicia / Eumetsat.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou o inverno meteorolóxico máis húmido do último cuarto de século

A precipitación media alcanzou 800 litros por metro cadrado entre decembro e febreiro, cun incremento do 81% respecto á media climática

Alerxia ao frío: como as baixas temperaturas poden provocar urticaria

Trátase dunha reacción pouco coñecida que aparece ante baixas temperaturas, nunha Galicia que se prepara para mínimas que poden chegar aos -2ºC, especialmente no interior

O inverno boreal comeza este domingo: a estación máis curta do hemisferio norte

O 21 de decembro, ás 16:03 horas, comezará o solsticio, nunha xornada con pouco máis de nove horas de luz solar na latitude galega

Este inverno é o sétimo máis cálido en Galicia dende 1961

Meteogalicia cualifica a estación como "lixeiramente húmida" ao rexistrar un 17% máis de chuvias do agardado para esta época do ano