Un novo aliado para gañarlle a carreira contra o reloxo ao ictus

Científicos do IDIS de Santiago acadan un millón de euros para desenvolver un fármaco que poida aplicarse ante os primeiros síntomas da isquemia cerebral

O tempo é clave ante os primeiros síntomas do ictus, a principal causa de morte nas mulleres en Galicia, e a segunda no caso dos homes. Moitas veces, cando se ve que algo vai mal (perda de forza nalgunhas partes do corpo, problemas na fala, cambios na expresión facial), cómpre actuar con moita rapidez para evitar secuelas graves e, nos peores casos, o falecemento nos 7.000 casos que se producen todos os anos no país.

Porén, ata chegar ao hospital, pasan minutos que marcan unha diferencia decisiva. Aquí quere axudar o proxecto do Laboratorio de Neurociencias Clínicas (LINC) do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS), que acaba de recibir un millón de euros do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII), a través de fondos europeos FEDER, para desenvolver un novo fármaco que podería usarse nos ambulatorios ou nas ambulancias nos primeiros momentos ante a sospeita do ictus.

Publicidade

“É unha gran axuda para impulsar o traballo que levamos facendo desde hai bastantes anos”, conta Francisco Campos, investigador principal do proxecto. O financiamento, que se estende ata 2024, permitirá dar un dos últimos pasos do estudo antes de comezar cos ensaios clínicos e constatar a súa eficacia. “Levar un fármaco ata a práctica clínica é moi longo e costoso, e menos do 1% do que se fai no laboratorio chega aos pacientes, xa que precisamos que o funcionamento do fármaco sexa óptimo”.

Unha proteína humana contra o ictus

Ata agora, a investigación deste novo fármaco, baseado nunha proteína transaminasa presente no sangue, apunta a que podería ser efectivo para utilizalo contra o ictus. “O fracaso dos novos fármacos nas patoloxías cerebrais é moi alto, porque moitas veces os seus efectos daniños son peores que os problemas que poden solucionar, pero con este composto evitamos, por exemplo, a toxicidade, xa que está presente no noso corpo”,  engade o científico galego.

Publicidade

A chave deste tratamento está no glutamato, un composto que en condicións normais axuda ás neuronas a funcionar, pero que cando se produce un ictus libérase de forma masiva, sobreexcita as neuronas e acaba acelerando a morte das células cerebrais. Fronte a isto, o fármaco no que traballan os investigadores do IDIS, en colaboración co Instituto Weizmann de Ciencias de Israel, metaboliza e elimina o glutamato e, por tanto, frea a morte neuronal e o dano que esta situación produce no paciente. “Non imos acabar co ictus, pero con isto intentaremos actuar antes e reducir as secuelas, que moitas veces son graves”, resume Campos.

Os investigadores do IDIS agardan que arredor de 2022 poidan comezar as primeiras probas para comprobar a eficacia do fármaco, e en 2024, cara ao final do proxecto, “deberiamos ter algunha evidencia de se o fármaco funciona ou non”.

Porén, o traballo conta co sustento da traxectoria do IDIS no campo da investigación dos accidentes cerebrovasculares, que, segundo Campos, “foron pezas clave para conseguir o financiamento” do ISCIII. Neste sentido, algúns ensaios previos, como o publicado en xullo de 2019 na revista Annals of Neurology, aumentan a esperanza de que este tratamento chegue a bo porto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da diabetes a novos biomarcadores: así serán os temas do Congreso de Endocrinoloxía e Nutrición en Santiago

O IDIS participa cunha investigación sobre a obesidade e as súas complicacións metabólicas e unha análise comparativa do risco nutricional hospitalario, entre outras achegas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Un de cada doce homes con cancro de próstata de alto risco ten alteracións xenéticas hereditarias relevantes

Un equipo de Santiago publica un estudo co que avanza na comprensión da enfermidade e cara a unha medicina máis personalizada

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos