Xoves 28 Marzo 2024

Ilusións visuais: por que nos engana o noso cerebro?

* Un artigo de

As ilusións visuais son vellas coñecidas na historia da arte e, máis recentemente, das redes sociais. Sexan xogos de perspectiva de Escher ou memes que dubidan da cor de certo vestido, poden definirse como “ver aquilo que non está, ou non ver aquilo que está”.

Publicidade

Ás veces, estas ilusións visuais son creadas con fins artísticos ou de entretemento, pero en moitos casos son froito do traballo de neurocientíficos e psicólogos que procuran entender como funciona o noso cerebro.

Para comprender as ilusións sensoriais debemos distinguir entre sensación e percepción. A primeira é o efecto que o mundo real ten sobre os nosos sentidos, mentres que a segunda é o que o noso cerebro procesa sobre esa sensación.

Sigamos a viaxe que fai a información do mundo real cara ao interior do noso cerebro.

No caso da información visual, esta ten a forma de enerxía lumínica –fotóns–. Con todo, o noso cerebro codifica a información en forma de enerxía eléctrica, xa que as neuronas se comunican a través dunha corrente que se xera por diferenzas de concentración de ións (sodio e potasio).

O primeiro paso consiste en cambiar unha modalidade de enerxía a outra –de lumínica a eléctrica–, o que ocorre nunhas células da retina que tapiza o fondo do ollo: os fotorreceptores. Alí, a proteína retinal –un derivado da vitamina A– cambia a súa forma cando incide a luz sobre ela.

Así se inician unha serie de cambios que culminan na apertura de canles iónicas na membrana dos fotorreceptores e o inicio da transmisión do impulso eléctrico. Os fotorreceptores comunícanse con outras neuronas da retina que empaquetan os seus axóns no nervio óptico, que sae da cavidade ocular e entra no cranio.

A última etapa é o córtex visual, que se atopa na rexión posterior do cranio. É aquí onde se produce a percepción da visión.

Dito doutro xeito, se estimulamos o córtex occipital, o noso cerebro interpretará que estamos a ver cousas.

Triángulo de Kanizsa.
Triángulo de Kanizsa.

Este é o mecanismo no que se basean as próteses visuais que se están desenvolvendo na actualidade: unha cámara capta as imaxes enfronte do paciente e transfórmaas en información eléctrica que chega a uns eléctrodos implantados no córtex visual. Estes estimulan ás neuronas e fan que o paciente perciba que ve a imaxe captada pola cámara.

A partir deste circuíto é fácil entender a diferenza entre sensación (a información lumínica que chega á nosa retina) e percepción (a activación da cortiza visual). Pero o circuíto é aínda máis complexo e está influído por outros sentidos e pola atención que prestemos.

En realidade non podemos coñecer o mundo real máis que a través do filtrado que fai o noso cerebro.

Círculos que se moven sós

Un bo número de ilusións visuais baséanse na necesidade que ten o noso cerebro de completar a información que lle falta.

A orixe deste fenómeno é complexo, pero pode deberse, entre outros motivos, a que a información que provén os nosos ollos é interrompida polos parpadeos. Ademais, os nosos ollos teñen movementos moito máis erráticos e bruscos do que cabería pensar. Estes permítennos escanear a nosa contorna e probablemente teñen connotacións evolutivas dunha época na que a nosa supervivencia era ameazada de maneira regular.

A pesar destes movementos bruscos, o noso cerebro interpreta o que vemos como unha película fluída. Para iso, autocompleta o que lle falta.

Serpes de Kitaoka.
Serpes de Kitaoka.

Isto é fácil de observar en textos nos que faltan letras ou están desordenadas, e que, con todo, somos capaces de ler. Do mesmo xeito, ilusións como o triángulo de Kanizsa permiten observar figuras que en realidade non teñen un contorno debuxado.

Os movementos sacádicos tamén se implicaron en ilusións visuais como as serpes de Kitaoka, onde unha serie de círculos concéntricos formados por seccións de cores alternantes son percibidas coma se estivesen en movemento. Ao fixar a vista nun punto, o efecto desaparece.

De que cor é o vestido?

Outras ilusións baséanse en que o noso cerebro interpreta a información segundo o contexto. A conexión entre retina e córtex visual que explicamos non é directa. Existe unha parada intermedia nun núcleo cerebral que fai de porta de entrada de toda a información sensorial que se dirixe ao córtex: o tálamo. Trátase dunha rexión cerebral primitiva que recibe de maneira ordenada a información sensorial primaria que vén dos órganos dos sentidos (excepto o olfacto) e envíaa da mesma maneira ordenada a cada un dos córtex sensoriais correspondentes.

O tálamo tamén combina parte desta información. É dicir, modúlaa en función da información dos outros sentidos. Por tanto, a percepción que teñamos dunha imaxe está, dun certo xeito, alterada polo que esteamos a escoitar ou tocar. Noutras palabras, a nosa visión depende en gran parte do contexto e das nosas ideas preconcibidas.

Moitas destas ilusións baséanse en que unha mesma imaxe pode producir percepcións distintas en cada persoa.

Un exemplo típico son as frechas de Müller-Lyer. Unha apunta cara ao exterior e semella máis longa que unha que apunta ao interior, aínda que en realidade son do mesmo tamaño e somos enganados pola posición das súas puntas.

Outro caso é o do famoso vestido, dourado ou azul, que se fixo viral na internet hai uns anos. Tamén o duns amorodos que percibimos como vermellos aínda que son grises. Ou o dun taboleiro de xadrez no que dúas casas grises de tons distintos son en realidade do mesma cor. Neste exemplo, o efecto débese a como procesa o noso cerebro a presenza dunha torre que fai sombra sobre un deles.

Un problema de atención

Outro tipo de ilusións depende da atención. Aínda que non sexamos conscientes diso, vivimos sometidos a unha sobreestimulación sensorial constante e abafadora. Vemos, escoitamos, cheiramos e sentimos á vez. Para que tanta información non nos incapacite, o noso cerebro ten unha estratexia: filtrar aquela que resulte máis relevante.

Iso é o que fai o córtex prefrontal. Esta zona do cerebro é, ao contrario que o tálamo, moi nova evolutivamente e está relacionada con habilidades cognitivas que consideramos específicas dos seres humanos, como a toma de decisións conscientes. É esta zona a que controla a atención que poñemos aos distintos estímulos que nos chegan e selecciona cales son máis relevantes en cada momento.

Este fenómeno pode usarse nalgunhas ilusións visuais. Por exemplo, en forma de experimento aos que se adoita someter aos estudantes de neurociencias e que consiste en ver o seguinte vídeo. Nel aparecen dous grupos de tres persoas, un con camisetas negras e o outro con brancas. O obxectivo é contar o número de veces que o equipo branco pasa a pelota:

Os alumnos, e mesmo algún lector, poñen tanta atención en non perder a conta que non ven nada máis. Nin sequera ao gorila xigante que aparece en metade da pantalla.

A complexidade do procesamento da información do noso cerebro é a causa de que este sexa hackeado polas ilusións visuais. Isto debería facernos reflexionar sobre a fiabilidade do noso coñecemento do mundo real e as súas implicacións na nosa vida cotiá, xa sexa no caso dunha discusión de parella ou de actuar como testemuña nun xuízo.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

Como lograr vivendas autosuficientes como a Estación Espacial Internacional

As casas do futuro tenderán a comportarse como un ser eficiente e autosuficiente, que trate de vivir en simbiose coa contorna natural

Así se desenvolve o medo no cerebro

Neurobiólogos da Universidade de California descubriron en ratos como a tensión e o abafo convértense en afeccións como o trastorno de estrés postraumático

Teño que poñer xeo se sufro unha lesión? A ciencia desaconséllao, e por unha boa razón

Algúns inflamatorios, incluíndo a auga xeada, modifican o proceso inflamatorio e favorecen as malas recuperacións e a fibrose