Portugal mantén os dous cambios de hora ao ano

“Creo que o bo criterio único é o criterio da ciencia, e o que ata o momento dixo a entidade competente, que é o Observatorio Astronómico de Lisboa, é que en Portugal debemos manter este réxime de horario, cunha hora de verán e unha hora de inverno”. Así pechou António Costa, primeiro ministro do país, o debate sobre os posibles cambios de hora.

A decisión do executivo chega despois dun relatorio feito público o mes pasado, e realizado polo observatorio lisboeta. O estudo, de 44 páxinas (e que se pode consultar nesta ligazón), pon sobre a mesa varios dos escenarios posibles respecto do debate aberto tras a enquisa da Comisión Europea e a decisión das autoridades comunitarias de abordar o asunto nos vindeiros meses. 

Publicidade

Escenarios dos cambios

Por un lado, o observatorio luso analiza os impactos que o final dos cambios de hora tería en dúas situacións. Por unha banda, mantendo a hora UTC (actual horario de inverno en Portugal), “o sol sairía preto das 5 da mañá no verán, ou sexa, unha madrugada de sol desaproveitada, seguida dun final de tarde con unha hora menos de sol; factores que non son positivos nas actividades da poboación”. E, por outra banda, contémplase manter o horario de verán todo o ano (UTC +1); mais isto, segundo o informe, provocaría que “o sol sairía entre as 8 e as 9 da mañá durante 4 meses ao ano, no inverno, con impactos negativos”.

Madrugada “desaproveitada” no verán e amenceres tardíos no inverno, as razóns para manter os cambios

Ante estas dúas situacións, o informe conclúe que “manter o cambio da hora no verán é a mellor solución para o país“. Con todo, o estudo ten tamén en conta outros dous factores que en Portugal, como en Galicia e España, están no debate público: o aforro de enerxía e as perturbacións no sono. Segundo este traballo, estes dous factores tampouco dan razóns para suprimir os cambios de hora. “O aforro de enerxía é positivo, mais diminuto, e o impacto na saúde a través da perturbación do sono é mínimo, de acordo con estudos da especialidade”.

Publicidade

O estudo analiza tamén as situacións extremas que se dan no territorio portugués, como é o caso de Bragança (ao norte do país), Sagres (ao sur), e os arquipélagos de Azores e Madeira.

En declaracións á RTP, o director do Observatorio de Lisboa, Rui Jorge Agostinho, argumentou as razóns para manter os dous cambios de hora anuais: “Precisamos que a luz do sol entre pola retina para estimular a aparición do cortisol, a hormona que nos fai entrar en actividade. Se chegamos ao traballo ou á escola de noite, o corpo non está tan preparado”, comentou o científico.

Deste xeito, Portugal é dos primeiros países en desmarcarse da proposta do ente comunitario. E do mesmo xeito, marca o camiño para os Estados próximos, como España, que xa puxo en marcha a súa propia comisión de expertos, na que participa o científico galego Jorge Mira. Porque deste xeito, se en Galicia se mantivese o UTC+2 durante todo o ano (o horario de verán actual) ficaríamos desfasados dúas horas respecto a Portugal. Amenceríamos case ás 10 da mañá en inverno, mentres que no país veciño subliñan que o feito de que o sol saia entre as 8 e as 9 e xá inasumible.

Podes ler aquí o informe “A hora legal portuguesa. O impacto da hora de verão e a escolha da hora legal”(PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla